Galerna xudicial contra as mentiras do PP

Galerna xudicial contra as mentiras do PP
A sentenza do TSXG deixa encoiro a estratexia eólica popular

Os feitos son teimudos e dan e tiran razóns. O problema é cando para a maioría do pobo a realidade se manipula, isto é, agáchase, ocúltase, déixase esquecer. Daquela, os feitos reais, as verdades manifestas sono menos e perden a súa potencia peneiradora de separar o gran da palla. Por iso é preciso termos memoria, dispormos das claves para coñecer e analisar a realidade e formarmos un criterio libre e propio. Da reflexión do acontecido coa resolución do concurso eólico impulsado polo BNG en decembro de 2008 pódense tirar moitas conclusións.

En primeiro lugar confírmase que o que moitos sabían era totalmente certo: todo o proceso de facer do recurso eólico un elemento de dinamización económica ao servizo de Galiza, non tiña pexa legal de tipo ningún. Non existían moitas dúbidas en canto a isto, pero, sepultada esta realidade en toneladas de insinuacións, caloñas e mentiras, era normal que unha maioría de xente non defendese con afouteza unha medida de goberno absolutamente clara e positiva. Agora, debemos reivindicar non só a validez do que o nacionalismo pretendía poñer en marcha, senón a absoluta irresponsabilidade coa que fai oposición o PP e como, obxectivamente, as súas decisións de goberno respostan a intereses particulares e de grupos económicos que non benefician o país. É a enésima demostración de que están dispostos a todo con tal de levar a auga ao seu pasto.

Tamén era sabido que o problema de fondo non se centraba na legalidade ou non das normas que sustentaban o modelo eólico do BNG -que sabe facer as cousas perfectamente tamén dende o punto de vista técnico-, senón o modelo mesmo e o que significaba na práctica. Tanto o Decreto 242/07, como a Orde de 6 de marzo de 2008 e a resolución de finais dese ano desenvolvían un marco legal xuridicamente intachábel. A recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza así o vén ratificar, por se a alguén lle ficaban dúbidas.

Outra verdade que agora sae ao descuberto é que é completamente lexítima a participación pública nos parques eólicos dentro dunha orientación determinada da política económica. Así o di o TSXG cando se refere a que a resolución non vulnera a liberdade de empresa. Malia que debera caer de caixón, quizais é que estamos demasiado influenciados pola ideoloxía dominante que impón que o sector privado non debe cumprir norma ningunha e as administracións públicas só están para asegurar que aquel maximice os beneficios. Ante a propaganda conxunta do PP e das empresas, tivo que ser un órgano xudicial quen lembrase isto. Por certo, no recurso presentado pola sociedade ENEL atacábanse quince puntos da resolución eólica do BNG, ficando desbotados todos, entre eles o xa referido da participación pública. O curioso é que, cando se presentou ao concurso, ENEL ofertou unha participación pública nos seus parques eólicos do 10%. Das vinte e nove empresas presentadas só dúas non ofertaron participación pública, co cal se demostra que non era un requisito tan incompatíbel nin coas normas nin coa racionalidade económica das empresas.

O PP e a Voz fixeron unha campaña cruel neste tema. Sementaron o descrédito da praxe política nacionalista entre grandes capas da poboación, incluídas persoas do noso campo ideolóxico. O resultado, xunto a outros moitos factores, foi o de empoleirar á dereita ao poder e, en consecuencia, tomar as decisións, tamén no eido eólico, xa coñecidas de poñer os recursos galegos ao servizo de intereses alleos e especulativos. Pero esta decisión tiña que loitar contra unha norma anterior, legal e vixente. Nunha decisión moi controvertida anularon o anterior decreto e resolución do reparto eólico para adoptar unhas normas ao seu gusto. Se agora aquela normativa era totalmente válida, a súa anulación pode traer consecuencias moi graves económica e xudicialmente para o país, só pola irresponsabilidade do PP e o papel desenvolvido polo PSOE avalando toda a farsa.

A maiores, o sector eólico sufriu neste últimos anos unha queda histórica en Galiza por causa desta actuación da dereita. A consecuencia palpábel é que dende 2009 coutouse o seu poder investidor e de creación de emprego. Os dous últimos anos foron os de menor creación de parques eólicos no noso país, só entraron en funcionamento 135 MW en 2009 e 54 MW en 2010. Este decrecemento pode continuar no futuro, perdendo posición a nivel mundial e no contexto do Estado, e deixando pasar a posibilidade de contar cun sector forte e de futuro nuns intres decisivos para a súa configuración. A realidade á que verdadeiramente nos conduce o PP resúmese nas gráficas, onde se observa o punto de inflexión que marca a súa chegada á Xunta.

O auténtico problema é que todo o anterior pase sen pena nin gloria, non teña a transcendencia e importancia que merece. Dende logo nin ao PP nin ás empresas e medios de comunicación concomitantes lles resultan cómodas estas verdades. Á anterior política de intoxica que algo queda sucédelle agora a de ocultamento do que realmente pas a nivel eólico. Pero debemos facer que a verdade aflore, que logo da galerna fique aboiando a razón e vaian a pique as mentiras e os que se aproveitan delas.

O ordenamento xurídico permite que os poderes públicos poidan intervir na economía. Unha postura racional e responsábel debe facelo para poñer os recursos ao servizo do benestar das maiorías. O BNG fíxoo e faino sempre que ten oportunidade. Outros están a outras cousas.