Feito na …

Feito na Galiza. Xurxo Martiz para Terra e Tempo
Inconsciencia é mercar calquera cousa de calquera sitio a un prezo e cunha calidade inferior

Traballei durante varios anos, en Venezuela, nunha fábrica de bicicletas propiedade duns xaponeses. Adoitaban mercar partes en Taiwan e ultimamente mudaran a India e China debido ao caro que resultaba o primeiro. Os taiwaneses tiñan unha particularidade no pedido: as pezas podían pór Made in… , segundo desexo do cliente.                          

Así, un manubrio feito en Taiwan podía pór:  Made in Germany, Made in Japan… etc.                              
Non sempre os produtos levaron o lugar en que eran feitos. Foi no século XIX cando unha Guerra comercial entre Gran Bretaña e Alemaña fixo que empezara a poñerse o lugar en que estaban fabricadas as cousas por desexo expreso da Gran Bretaña, pois consideraban que o éxito dos produtos alemáns na Gran Bretaña se debía a que o público británico pensaba que estaban feitos na illa e que, de saber que estaban feitos en Alemaña, non os mercarían.                                  
Os británicos pecaron de soberbios e inocentes, porque os británicos mercaban cousas alemás non por descoñecemento, senón porque estaban mellor feitas que as británicas e a imposición do Made in fixo que o único que pedía a xente era precisamente o Made in Germany como sinónimo de boa calidade.                                  

Os alemáns tiveron sempre tan asumida a calidade dos seus produtos, da que todos damos fe, que a finais dos 80 era normal nas tendas deportivas en Alemaña ver o mesmo zapato de deporte, da mesma marca e modelo, con dous prezos: o máis caro estaba feito na Alemaña e o máis barato en Italia.                          

Desde os Camper feitos en Tailandia, os Clarks e os bonecos de McDonald's en Vietnam até os Levi´s turcos e as Adidas chinesas (sen meter xa as maquilas norte e centroamericanas, que son terra de ninguén), e falando máis «perto», a produción de Zara está presente en máis países que estes na ONU. Esta «globalización» quere ser estendida a produtos que son por eles mesmos parte da identidade cultural e histórica e van alén dun produto de consumo máis.                               

O afouto islandés e o mexillón galego
                         

Pero non todo debería poderse facer en Tailandia, Marrocos, Chile ou China aínda que sabemos que se por eles for (empresarios «globalizados» e políticos vende-patrias) todo podería ser, desde un pemento de Padrón marroquí ou un mexillón chileno que pasase como galego ou encaixe de Camariñas chinés. Non todos os produtos delatan un saber-facer de séculos, unha técnica ou un modo peculiar de ver a vida. Ningunha desas características está presente nunhas zapatillas, nun pantalón, nunha braga ou nun móbil, de aí a facilidade da súa produción en calquera sitio: abonda con poñer unhas máquinas e xa está.                            

Os exemplares cidadáns de Islandia, os tecedores manuais dos típicos xerseis lopapeisa, comezaron unha campaña, o pasado mes de agosto de 2012, para que sexa obrigatoria a identificación do lugar en que se teceron os típicos xerseis islandeses. Os tecedores declararon que os xerseis que se venden en Islandia están confeccionados con la islandesa pero feitos na China.                                
É o mesmo un xersei con la islandesa feito na China ca un feito á man en Islandia? Non. Os islandeses acertadamente iniciaron a solicitude de identificación partindo dos postos de traballo que se perden en Islandia debido a esta fraude, pero ademais  polo valor cultural que ten a transmisión e produción dun saber facer propio e único no mundo.                              

A proposta da deputada popular Carmen Fraga, e posterior aprobación por parte da Eurocámara, da non obrigatoriedade de informar nas conservas sobre a denominación comercial de especies e o país de orixe do contido, segundo Carmen Fraga «para non cansar o consumidor con letras pequenas...» non deixa de ser coma o calote dos xerseis islandeses da China ou as gaitas escocesas feitas en Galiza, engana os consumidores.                              

Inconsciencia é mercar calquera cousa de calquera sitio a un prezo e cunha calidade inferior. O barato sempre sae máis caro porque é peor ou non é igual ca o orixinal. Pagar o valor xusto, incluso dúas ou tres veces máis polos produtos nosos e que así estean identificados é un acto de xustiza co seu produtor e de conciencia ambiental co noso país.