Eu traballei na construción

Eu traballei na construción
O mito de que no sector da construción non non hai unión entre os traballadores é totalmente falso

Eu traballei na construción perto de once anos, a maior parte do tempo fíxeno como pintor. Gustábame ese traballo. Entraba nunha obra, escura, triste, caótica, e cando saía era todo o contrario, nova, impoluta e chea de cor. Tamén, aínda que menos tempo, fixen de albanel e de encofrador.  Gustábame máis aínda o ambiente que había nas obras. Para compensar a dureza do traballo diario todo eran gargalldas e brincadeiras. O bo rollo facía o traballo máis liviano, máis  levadeiro . Xa non me gustaba tanto cando chegaba o momento de cobrar. Case todas as empresas nas que estiven pagaban pouco e mal. A precariedade e a explotación eran a norma. Os máis dos compañeiros resignábanse e aqueles que lle botaban peito e reclamaban xa non o que por xustiza lles correspondería, senón o que marcaba o  convenio, eran vistos polo resto cunha mestura de admiración e desconfianza. Admirabámolos porque eran quen de plantarlle cara aos xefes nun sector no que o despedimento por calquera nimiedade está á orde do día. Desconfiábamos deles polo medo que tiñamos de que as súas reivindicacións abriran a caixa dos tronos e a ira do empresario caera tamén sobre nós, algo que, por desgraza, acontecía de cando en vez. Eu, que sempre fun un pouquiño revirado, téñome metido nalgún destes fregados malia o consello dos máis veteranos de que me mantivera ao marxe e atendera  "ao que tiña que atender". "Non te metas onde ninguén te chamou", dicíanme.

Máis eu teimaba e remataba por meterme en problemas.  Pasaban os anos e ao tempo que melloraba profesionalmente non vía moita mellora nas condicións laborais nas que me contrataban as empresas e cada vez protestaba máis e máis. Traballo non me faltaba pero non vía un futuro demasiado prometedor por diante, non albiscaba posibilidade algunha de atopar neste sector un emprego que me proporcionase certa estabilidade e no que non me explotasen. O peor era comprobar que moitos dos meus compañeiros, grandísimos profesionais que levaban toda a vida traballando na construción, estaban igual ou peor ca min. E comecei a cabrearme de verdade e a pensar que algo había que facer. Nunha ocasión  presenteime pola CIG ás elecións sindicais nunha grande obra e elixíronme membro do Comité de Empresa. Iniciei  unha batalla, bastante desalentadora ao principio, que me levou a comprobar que os traballadores da construción son tanto ou máis reivindicativos que os de calquera outro sector. Só necesitan apoio e unha razón que os leve a mobilizarse. As razóns sobran, só precisaban un pouco de axuda , un empurronciño. E velaí que me metín en fariña. A inicial desconfianza que amosaron cara as miñas intencións  pouco a pouco foi tornando en apoio incondicional cando comprobaron que non  pedía cousas para min senón que o que reivindicaba eran  melloras que tamén repercutían neles.  Eran cousas cativas o que podía conseguir, mais eran valoradas por todos como grandes conquistas. É que os meus compañeiros, en especial os mais veteranos, non estaban acostumados a que ninguén dese a cara por eles. En todas as obras había algún rebotado mais limitábanse a pedir melloras persoais sen importarlles moito ou nada o resto da xente que alí traballaba. O certo é que ao final, coa axuda  dalgúns valentes  que se uniron a min, acadamos que nunha empresa cunha plantilla de 110 traballadores, exceptuando a encargados e xefes, 108 apoiaran e participaran activamente en calquera acto reivindicativo  que decidíramos facer. Os dous restantes, en fin, imaxinade que tipo de personaxes eran.

Hai un mito que di que neste sector nunca houbo unión entre os traballadores, que cada quen anda ao seu sen preocuparse polo resto. Eu digo que isto é absolutamente falso. En todas as empresas polas que pasei  houbo compañeiros que me axudaron, que deron a cara por min cando foi necesario. Compañeiros que se preocupaban por ensinarme cando empezaba, que agochaban  as miñas meteduras de pata, que me asignaban tarefas fáciles cando vían que tiña un mal día. Compañeiros que pasaron a ser amigos, que se preocupaban sinceiramente se tiña algún problema persoal, que se ofrecían a botar una man desinteresadamente para facer este ou aquel traballiño as poucas horas que tiñan libres as fins de semana. Destes compañeiros atopei moitos. É certo que miraban para ti con escepticismo cando lles falabas de pelexar por tal o cal mellora, ao fin o que facías era falarlles e levaban toda a vida escoitando a charlatáns sen que a  súa situación mellorase. Pero  cando ven que alguén pasa das palabras aos feitos e acada algo, por pouquiño que sexa, que supoña una mellora nas condicións de traballo, agradecenno sinceiramente e apoian sen fisuras a quen  se preocupou por eles.

Eu traballei na construción e mentiría se dixese que boto de menos as largas xornadas co picador neumático, as semanas enteiras lixando teitos ou os salarios míseros. Pero boto moitísimo en falta aos meus compañeiros, ducias deles, que me axudaron e apoiaron sempre que tiveron ocasión. Para eles traballo agora e cando teño un mal día e me veño un pouco abaixo por calquera tontería, penso  neles, no aguante que teñen e na grandísima responsabilidade que supón para min tentar estar á súa altura. Tento, por riba de todo, non defraudalos. Heino de saber co tempo.