Especuladores investigados por ataques ao euro poden facerse co control da Caixa Galega

Especuladores investigados por ataques ao euro poden facerse co control da Caixa Galega
O vindeiro 13 de marzo cumpre acudir á manifestación de "Galiza ten Dereito"

O departamento de xustiza dos EEUU investigou unha comida á que asistiron responsables de fondos especulativos na que se abordaron posibles ataques contra o euro co fin de tirar beneficios. Soros ou John Paulson estiveron entre os investigados. Agora estes mesmos especuladores internacionais, xunto con fondos voitre como Cerberus ou Blackstone, estarían interesados en mercar a Caixa Galega a prezo de saldo.

O Decreto 2/2011 de "reforzamento do sistema financeiro", anunciado pola Ministra Salgado o 24 de xaneiro non só levará a privatización das Caixas de Aforros, si non que pode rematar por entregar a metade do sistema financeiro do Estado Español, incluído o galego, aos especuladores internacionais. A crise é unha escusa para recortes sociais e a privatización de sectores estratéxicos, a sociedade paga as consecuencias da especulación financeira, pero os que a provocaron tiran rendemento dela.

A semana pasada os medios de comunicación anunciaban que importantes "millonarios internacionais" estarían interesados en investir na Caixa Galega. O que non explicaba ningún medio é que os "millonarios" son en realidade os maiores especuladores internacionais especialistas en atacar de xeito descarnado as moedas ou a débeda dos países para tirar beneficio a curto prazo a través da depreciación e a medio prazo coa toma de control de empresas estratéxicas a baixo custe. Son o brazo financeiro dos neocon e contribúen a xustificar os recortes sociais.

George Soros é coñecido por ter "dobregado" ao Banco de Inglaterra, despois dun duro ataque especulativo contra a libra, por ter provocado a crise asiática e polo seu anticomunismo. O fondo propiedade de John Paulson foi investigado pola SEC, a comisión do mercado de valores dos EEUU, por ter participado xunto con Goldman Sachs nunha trama piramidal. Por este caso a firma Goldman Sachs, (quen por certo foi a encargada do fracasado plan de desinvestimentos de novacaixagalicia) pagou unha multa e resarciu parcialmente aos afectados.

Se durante os ataques a Grecia o goberno denunciaba a actuación destes especuladores internacionais, despois da chamada de Barack Obama a Zapatero asistimos a un xiro da política, comezaban os recortes sociais e económicos.

Así en setembro Jose Luis Rodríguez Zapatero almorzaba na residencia do embaixador en New York cos responsables dos maiores fondos especulativos do mundo, entre os que estaban George Soros, John Paulson, ou David Solomon de Goldman Sachs. O contido daquela reunión que durou cinco horas non foi público, pero George Soros comentou a saída con John Paulson que "foi unha agradable conversa".

Vimos denunciando que Zapatero puido pactar unha tregua nos ataques á débeda a cambio de recortes sociais e da entrega da metade do sistema financeiro do estado a prezo de saldo. A intención do goberno en privatizar de xeito urxente as Caixas de Aforros e o interese dos fondos que se reuniron con Jose Luis Rodriguez Zapatero confirman esta hipótese.

Xunto aos grandes fondos especulativos, estarían interesados nas Caixas os denominados distressed funds, os fondos voitres como Cerberus (que toma o nome do can que custodia as portas do inferno) están especializados en entrar en empresas con problemas financeiros que adquiren a baixo prezo, e nas que poñen en marcha duros plans de restruturación.

Estamos ante o escenario que xa denunciabamos no mes de novembro: o maior patrimonio económico dos galegos e galegas creado co aforro de todos nós durante máis dun século pode rematar en mans dos especuladores que presionan para recortar dereitos laborais e sociais.

O vindeiro 13 de marzo cumpre acudir á manifestación de "Galiza ten Dereito", non só para que non nos rouben parte do noso patrimonio económico colectivo e para impedir que o aforro dos galegos e galegas sexa investido lonxe do país, senón tamén para que as caixas de aforros non sexan convertidas nun instrumento especulativo que traballe contra a maioría social.