EREs e desemprego, con permiso da Administración. Que agachan?

EREs e desemprego, con permiso da Administración. Que agachan?
O realmente preocupante desta realidade é que a Xunta está a aprobar practicamente a totalidade dos expedientes presentados

Unha das consecuencias da actual crise económica, quizais unha das máis tráxicas, é o rápido incremento do desemprego. O despedimento, a perda dun emprego, aporta importantes consecuencias emocionais, económicas e sociais.

É, sen dúbida, un feito tráxico que modifica a situación social dunha persoa, que alcanza aos seus dereitos básicos  e que ademais sinala a porta de acceso cara á exclusión social, cara a pobreza  e en moitos casos a una forte situación de ansiedade o depresión incontrolada.

Está claro que esta consideración importa moi pouco á maioría das direccións das empresas. Afeitos estes últimos anos á obtención de beneficios históricos, a preocupación de moitas empresas non é como minorar os efectos da crise, nin como manter o emprego e a vinculación dos e das traballadores e o seu coñecemento á empresa. O obxectivo segue sendo o mesmo: manter o beneficio sen esforzo e sen compromiso ningún. Non son poucas as empresas que ven nesta crise mesmo unha oportunidade para axustar persoais mais facilmente, pola vía rápida. Saben en definitiva que a conxuntura permite despedir a mais xente e máis barato.

Moitos deses despedimentos están a producirse mediante os expedientes de regulación de emprego que as empresas presentan na Consellería de Traballo do goberno da Xunta.

O realmente preocupante desta realidade é que a Xunta está a aprobar practicamente a totalidade dos expedientes presentados, con a oposición en moitos casos dos representantes dos traballadores/as. No ano 2009 foron autorizados 1.364 expedientes de suspensión (vaise ao desemprego temporalmente pero non se perde o emprego) que afectaron a 22.128 traballadores/as. Os expedientes de rescisión (despedimentos directos) que, co visto bo da Xunta,  mandaron á rúa a 2.308 traballadores / as.

O verdadeiramente alarmante é que só foron desistidos 38 expedientes, un 2,78% do total, e sendo a provincia de Pontevedra a máis afectada e concentrada nos sectores da industria da  automoción, naval e textil.

No que levamos de ano 2010, a tendencia é menor, pero o dano xa está feito e a Xunta segue aplicando a mesma tendencia de aprobalo todo, sen entrar de cheo na xustificación, (expediente presentado,expediente aprobado). 

A todo isto a política da Xunta é tan clara como alarmante. Decidiron que hai que facilitar ás empresas o despedimento de traballadores/as. Non lles importa a situación nin produtiva nin económica na que se atope a empresa. Aproban todo, incluso o daqueles expedientes que non contaron co visto e prace do comité de empresa, nin sequera o daquelas empresas que se atopan saneadas financiamento e que mesmo seguen xerando beneficios e contratando mais traballadores/as pola vía das empresas de traballo temporal o con cidadáns do país veciño, con man de obra barata, desregulando de paso os acordos acadados na Negociación Colectiva e co beneplácito da Xunta do Partido Popular.

Téñeno todo ben artellado saben moi ben cales son as consecuencias desta política, saben que están a condicionar o proceso de negociación en cada empresa, co obxectivo de trasladar aos traballadores e traballadoras unha mensaxe de resignación con unha final na negociación que está escrito de antemán, outro gran recorte dos dereitos laborais.

Non están a valorar, nin aceptan argumento algún que proveña da representación dos traballadores/as. Trátase en definitiva de colocar aos traballadores/as  nunha situación de desvantaxe e indefensión absoluta onde se concede á empresa patente de corso para despedir ao seu antollo.  

Estamos a falar de algo tan grave como é o ataque dunha institución pública  ao dereito e as garantías dun proceso de negociación. Unha estratexia que busca dinamitar todas as regras de xogo, sen reparar que tratamos de algo tan fundamental como o emprego.

É urxente un cambio desta política para manter o emprego na Galiza. Sería conveniente que tomásemos nota do que nalgún estado europeos están a levar a cabo: fórmulas de repartición do traballo, reducións de xornada pactadas, etc... Medidas, entre outras, que explican por que nestes estados o desemprego non se ha desorbitado como sucede aquí.

Por todo isto, debemos esixir a o Goberno da Xunta, que actúe en sentido contrario, como lle corresponde e cabería esperar dunha institución pública que debese equilibrar as hoxe tan descompensadas forzas no conflito polo mantemento do emprego.

Agora o Presidente da Xunta presentou a patronal e sindicatos, no marco do diálogo social, un documento base sen medidas concretas para poñer fin a crise económica. A situación económica na Galiza na era Feijóo e con a chegada a Xunta do PP, o paro aumento nun 15%, pechan cada vez mais pequenas empresas tódolos meses e o PIB evoluciona no seu peor ritmo en quince años. Tarde mal e arrastro, o Goberno do Sr Feijóo non esta a altura das circunstancias, de nada valen os anuncios propagandísticos con foto incluída si non se establecen formulas que defendan un novo modelo económico con maior reparto da riqueza e a creación de mais emprego fixo. Pronto constataremos a ineficacia das medidas expostas por este Goberno no relativo ao emprego, pero mentres tanto sería convinte  que a señora conselleira de Traballo, Beatriz Mato teña un compromiso firme que permita afrontar os procesos de negociacións dos EREs con garantías. Trátase unicamente  de que non se aproben os que non conten cun acordo entre empresa e traballadores/as. Primeira medida, logo poñamos medidas serias enriba da Mesa, e sorte, a crise co actual modelo non vai a resolverse.