E ti canto pagas por ir traballar?

E ti canto pagas por ir traballar?
Acredito firmemente que cría no que estaba a dicir e por iso a súa resposta me pareceu dunha dureza extraordinaria

Durante a xornada da última folga xeral escoitei o comentario dunha traballadora que ben merece unha reflexión .  Cando a esta persoa lle preguntaron por qué defendía os intereses do seu xefe en vez de unirse á folga para defender os seus propios respostou: "porque o meu xefe me dá de comer  todos os días".

Non dubido da sinceridade desta muller. Acredito firmemente que cría no que estaba a dicir e por iso a súa resposta me pareceu dunha dureza extraordinaria. Malia que boa parte das/os traballadoras/es ten unha conciencia ben distinta da realidade, como demostraron co éxito da folga xeral, este tipo de afirmacións aínda se atopan máis estendidas e interiorizadas do que sería desexábel e mostran con lacerante claridade o lonxe que está unha parte da clase traballadora de deixar de seren unha clase en si para se converteren en clase para si, con conciencia de seu e dos seus propios intereses.

Con frecuencia escoitamos declaracións que tentan inculcar esta caste de apoloxemas na opinión pública. Cada vez que desde a patronal se afirma que tal ou cal empresaria/o sostén economicamente centos ou milleiros de familias, cada unha das veces que escoitamos cantas/os traballadoras/es dependen de tal ou cal empresaria/o estamos en realidade a escoitar unha declaración de submisión; e cada vez que non reaximos a tales afirmacións estamos a aceptar a condición de clase que só pode subsistir sometida a un empresariado que lle dá de comer. A negativa dunha traballadora a secundar a folga cobra entón o seu significado completo: non se traba a man que che dá de comer.

Cabe un ataque máis abxecto á dignidade da clase traballadora? Non se pode considerar admisíbel baixo ningún pretexto que alguén falsee de tal xeito a realidade das relacións de produción entre a man de obra asalariada e o empresariado até o punto de suxerir que unha traballadora ou traballador vive da "xenerosidade" do seu xefe e non do seu propio traballo.

Ben sabemos que a base de repetir goebbelianamente tales falacias éstas rematan por se filtraren no imaxinario colectivo, de xeito que unha parte da sociedade pode chegar a asumilas sen sequera decatarse da aleivosía coa que o poder económico sementa as súas teses na conciencia das traballadoras e traballadores. Por este motivo é obriga de cada un/ha de nós dar resposta á falsidade de semellantes argumentos alí onde se produzan.

Non podemos permitirnos como clase traballadora que haxa compañeiras/os que non teñan claro e sempre presente que é o empresariado quen vive do traballo das/os traballadoras/es. Que son as/os obreiras/os quen dan de comer ao empresariado e non á inversa.

Empecemos a chamarlle ás cousas polo seu nome para evitar confusións: as empresas non dan traballo tal como se escoita a cotío, pois o traballo é, por definición,  dos/as traballadores/as. O que a empresa fai podería entenderse como vender ou arrendar (en ningún caso dar) postos de traballo. Efectivamente unha empresa vai ofrecer unha serie de postos onde o/a traballador/a desempeña o seu oficio. A cambio a/o empresaria/o queda cunha parte da súa forza de traballo ou da súa produción. Deste xeito podemos entender que o/a traballador/a é unha especie de arrendatario/a do seu posto de traballo. Con esta visión é ben máis difícil xustificar que o empresariado lle dá de comer aos traballadores; sería tan absurdo como pensar que o meu caseiro me mantén polo feito de que eu lle pago un alugueiro.

Sería interesante saber que pasaría se a realidade económica do traballo asalariado en cada empresa fose reflectido con transparencia na nómina das/os traballadoras/es. De igual xeito que se reflicte o custe laboral e se especifica cada unha das aportacións ao estado que se deducen do salario ben podería pensarse en reflectir con igual rigor o valor real da forza de traballo de cada empregada/o en función dos beneficios xerados para a empresa, isto é: reflectir a plusvalía que a/o empresaria/o se apropia. Seguindo na liña anterior semella xusto saber canto pagamos polo noso arrendamento.

Quizais tendo coñecemento dos beneficios xerados polo noso traballo estaríamos en mellor posición para negociar un convenio colectivo.

Quizais o abatemento de quen é despedida/o despois de anos de traballo nunha empresa se transformase noutro tipo de sentimento se coñecese canto leva aportado á empresa co seu traballo.

Quizais moitas/os traballadoras/es se sorprenderían de canto perden cando cobran o seu salario.

Quizais ningún empresario ou empresaria tería o atrevemento de afirmar que lle algo ás/aos traballadoras/es.

Quizais toda a clase traballadora tería claro quen dá de comer a quen.

Quizais a traballadora á que me referín ao principio deste artigo tería ido á folga.

Quizais.