E só estamos en maio

É o presente a razón de espallalas, é o futuro o camiño, a batalla, a rosa xa sementada que na alternativa dará froito, espiñas que mudarán o loito...

Impasíbeis ridículos vestidos no loito da iñorancia perpetua, herdada na casa dos instintos egoístas alimentados pola forza, dos media adestrados, mercenarios pasivos.

É a loita de clases renegando do pasado evidénciase presente, ridiculizando aos teóricos liberais acaídos do guindo da estupidez, da pereira da desmemoria na psicose dos ególatras que novamente proxectan o común individualismo e o autonomismo servil.

Ladróns de luba branca indultados entre aplausos que reparten beneficios e financian o método do convencemento necesario, para manter o status do control institucional, do terrorismo funcional.

Recortados baixo os patróns da farsa mediocre, educados na excelencia da drogadición e a mendicidade, masificados e adoutrinados no egoísmo e a estupidez do analfabetismo globalizado.

Como dereitos mil deberes a cumprir na precariedade dunha historia sepultada no privilexio dos suicidas do vintenove resucitados como asasinos elegantes de nacións e de estados.

Mobilizacións magnificadas outras silenciadas, sepultadas no continuom espazo-tempo dun NO-DO autonómico que fai valentes aos cobardes, que acobarda aos máis valentes.

Son as razóns as escravas das nosas palabras.

É o presente a razón de espallalas, é o futuro o camiño, a batalla, a rosa xa sementada que na alternativa dará froito, espiñas que mudarán o loito.

Armémonos a voces porque a defunto toca a súa banda

e só estamos en maio.