Dominados polos mercados e as transnacionais

Dominados polos mercados e as transnacionais
Somos plenamente conscientes da influencia e dominación das transnacionais, e sen embargo adóranse como se foran becerros de ouro

Xa o dicía Marx cando afirmaba que no sistema capitalista o poder reside en quen ten o capital e os medios de produción. Hoxe, liquidada toda presenza estatal na economía, as transnacionais, moitas das cales teñen unha facturación superior ao PIB de case calquera país, son donas de todos os sectores económicos estratéxicos, modelando ao seu antollo os mercados e as decisións políticas dos Estados.

Sempre foi así, pero nunca como até agora se fixo máis evidente. Os mercados e as transnacionais dominan toda a nosa vida. Gobernos e persoas vense cada día sometidos aos seus ditados, mesmo se pode dicir que se acatan os seus ditados cunha alegría e unha normalidade impropias dunha sociedade que se di democrática, pero que na realidade está gobernada por unha especie de gobernos na sombra, que actúan anti-democraticamente e que, por suposto, non son elixidos polos pobos.

Desde o nacionalismo sempre se denunciou a inxerencia dos mercados e das transnacionais nos gobernos do mundo; vimos como os lobbies que actúa nos grandes centros de poder, en Europa e Estados Unidos, fanno con absoluta impunidade e displicencia, que mesmo me atrevería a dicir, que moitos gobernos democraticamente elixidos non saberían actuar sen os seus ditados.

Sabemos que é así, pero non actuamos, non hai reacción fronte á ditadura das transnacionais. Sabemos por exemplo, que a Guerra de Irak non se fixo para buscar armas de destrución masiva, fíxose para apropiarse do seu petróleo e para lucrarse coa reconstrución dun país bombardeado sen piedade e sen capacidade para poderen defenderse. Sabemos que, como dixen no meu anterior artigo, Afganistán invadiuse, non para buscar a Osama Ben Laden, senón para apropiarse dos seus recursos mineiros e controlar o fluxo da droga; e sen embargo nada facemos para reverter a situación, simplemente asistimos narcotizados a unha guerra que se cobra miles de mortos cada día, sen que iso teña consecuencias políticas de ningún tipo para un partido que se di de esquerdas e pacifista como afirma ser o PSOE, que mantén desprazas tropas españolas neste país asiático.

Sabemos, nada máis nin nada menos que por un Presidente dos Estados Unidos, Dwight D. Eisenhower, da ameaza que supoñía para o mundo enteiro o complexo industrial militar; iso foi en 1961; hoxe tamén sabemos das súas consecuencias, pero desde aquela até hoxe nada mudou, máis ben ao contrario, foi a peor, -as dúas guerras mencionadas máis arriba dan boa conta de que é así-.

Hai unhas semanas outro ex-presidente, neste caso do goberno español, Felipe González, advertía tamén da influencia do sector financeiro nas decisións da Unión Europea, que teñen graves consecuencias para todos nós; na Galiza sabémolo ben; non hai máis que botar unha ollada aos posuidores de débeda soberana española (Francia e Alemaña) para saber quen manda aquí e para saber que países se benefician da nosa miseria, non deixándonos producir leite, pesca, barcos, etc.

Nestes meses de crise económica asistimos atónitos como o FMI, a UE, as empresas de ratting, as transnacionais de investimento, ... os mercados en definitiva, ditan as políticas dos gobernos, impoñendo como dogma de fe a austeridade como única alternativa á crise, impoñéndonos reformas laborais e nas pensións sen que iso, até o de agora, teña consecuencias políticas, nin sequera unha reacción airada por parte da cidadanía. Tanto é así que o aceptamos como algo normal, que non admite discusión posíbel. Sen ir máis lonxe, o mes de xullo pasado o Presidente da Xunta, seguindo os ditados dos mercados, anunciaba unha restrición dos orzamentos para o vindeiro ano, que ía poñer en perigo servizos públicos esenciais, e ese anuncio, matizado na semana seguinte pola Conselleira de Facenda, non tivo ningún tipo de reacción por parte da oposición, e se a tivo foi máis ben tímida.

Hoxe en día a información flúe como unha fervenza, sen darnos tempo sequera a asimilala. Todo o que dixen anteriormente é de dominio público e sen embargo non ten consecuencias de ningún tipo, nin tan sequera represivas para o colectivo ou persoas que denuncien estes feitos. Os mercados, as transnacionais, actúan con tal impunidade que até se poden permitir o luxo da discrepancia, até se poden permitir o luxo de que un xornalista do prestixio e a influencia de Iñaki Gabilondo arengue desde o seu púlpito mediático, que non é outro que o proporcionado por unha transnacional, contra a ditadura dos mercados, "-doutra caste, pero ditadura a fin de contas" (sic)-, que controla gobernos, e case que con todo seguridade os elixe (o caso Obama é un claro exemplo).

Somos plenamente conscientes da influencia e dominación das transnacionais, e sen embargo adóranse como se foran becerros de ouro. Nas últimas semanas do mes de xullo, a transnacional IKEA inaugurou un centro comercial na cidade de A Coruña, o que tivo un despregue mediático como se se trata dun evento cultural de primeiro nivel (xa me gustaría como nacionalista, que o acto de homenaxe a Rosalía contara coa metade de propaganda), que mesmo había persoas facendo cola con 48 horas de antelación para seren os primeiros en entrar a comprar. E este que cito non é un caso illado, a instalación das transnacionais de comida rápida constitúen, alí onde se asentan, un evento social de primeiro nivel.

En resumo, o dominio do capitalismo sobre as nosas vidas é total e absoluto. Os mercados dirixen a política e os mercados dinnos como temos que vivir, comer e mesmo sentir. E que facemos nós perante esta ditadura? De momento nada; mais se aceptamos alegremente que os Estados inxecten miles de millóns de euros de diñeiro público, de diñeiro de todas e todos, para que en definitiva, todo volva á "normalidade", vai sendo hora de dar un paso máis, e esixir a eses mesmos Estados, e ás forzas políticas que os gobernan, que poñan a economía ao servizo dos cidadáns, e non ao revés.