Do rural e do divino: fusión / confusión e a importancia da defensa do noso!

Do rural e do divino: fusión / confusión e a importancia da defensa do noso!
Debemos estar a alerta coa posta en marcha do novo e controvertido tema que se está a pór na palestra: a fusión de municipios

Dende o principio a estrutura territorial galega foi obxecto de debate e polémica. Lembremos o proceso de comarcalización. A proposta de comarcas foi feita con criterios partidistas, en vez de, considerar outras cuestións que tivesen finalidade única no artellamento político, social e económico do país. Se fose así probabelmente, o proceso, presentaríase como oportunidade integradora de ámbito de actuación (intermedio entre concello e provincia)

Honestamente creo que debíamos repensar os problemas que ten esta indefinición da comarcalización, xa teño falado moito da rede que se creou para soster esta división comarcal froito da tolemia do señor Precedo e do señor Fraga.

Mais unha vez que falamos da organización do territorio galego debemos estar a alerta coa posta en marcha do novo e controvertido tema que se está a pór na palestra: a fusión de municipios. Donas e cabaleiros, pasen e vexan (de novo) o circo nos medios do señor Feijoo. Neste caso co espectáculo "aforremos xuntando municipios" ... aplauso xeneralizado para este gran domador /aforrador. Pero como é habitual nestes shows feijonianos o noso estimado presidente non concreta como o vai a facer nin cales serán os criterios (a parte de ter domados a algúns do seus alcaldes e alcaldesas)

Primeira cuestión, o obxectivo é reducir custes ou reducir servizos ? É moi curioso porque todos lembramos esa época gloriosa do PP na que, xa non, en concellos distintos senón no mesmo tiñamos dúas piscinas municipais, dous polideportivos, dous parques industriais ... incluso teño comprobado a existencia de concellos nos que se chegaron a construír 3 auditorios. Daquela, nós avisabamos do importante da planificación e dirixir acertadamente os investimentos no rural sobre todo polo custe de mantemento, mais quen nos viu e quen nos ve!

Un dos problemas que van a ter eles é precisamente cos seus alcaldes, criados a imaxe e a semellanza dese modelo de xestión. Entendo eu que terán serios problemas en aceptar esa limitación de poder, iso, por non falar das Deputacións, especialmente nas que reinan Louzán e Baltar II. Aínda que vexo que os dous teñen pensado xa o contra ataque: consorcios, mancomunidades, convenios de servizos, áreas metropolitanas ... e un longo etc de fórmulas dispares para evitar a perda de poder.

Non me entendades mal, eu acredito es solucións asociativas para resolver problemas comúns, se son froito dunha planificación axeitada cunha folla de prioridades e, sobre todo, con vontade economizadora real. Non este "todo vale" no que cada quen que ten unha idea aplícaa e despois aguantamos de outra estrutura como as fundacións, centros comarcais ... que agora, por certo desmantelan co custe que iso tamén ten. Dígoo porque na maioría destas fórmulas novas xa lle incorporan persoal, persoal sen función e sen orzamento (ou isto é o que acontece no consorcio proposto para os concellos de Forcarei , Cerdedo, Campolameiro e Cotobade) Perdoade a expresión pero isto semella ser outra vaca no millo!

Seguindo cos problemas sen resolver... teño dificultades co emprego da palabra fusión, porque dá a impresión que na realidade será duplicidade. Neste novo exercicio de demagoxia política da Xunta teremos, unha optimización de recursos ou teremos dous alcaldes por municipio, cos gastos de persoal correspondentes sen ter función algunha?

Como dicía ao comezo do texto a fusión de municipios é un tema complexo que teremos que abordar algún día pero a fusión de se producir ten que estar baseada en criterios reais, de funcionalidade, de identidade, de utilidade ... e dende logo non en termos partidistas. Dicía un compañeiro hoxe: "a ver, se aproveitan e propoñen fusionar Pontevedra con Barro e Landín de alcalde. (de novo desculpade a brincadeira!)

E tendo en conta todo o exposto non vos dá a sensación de que estamos comezando a casa polo tellado? Non sería máis lóxico comezar falando da necesidade de buscar alternativas ás Deputacións, e transferir persoal, funcións e ORZAMENTO aos concellos?

TEMPOS DIFÍCILES PARA O RURAL, MOMENTO DE RESPOSTA: SINDICALISMO AGRARIO E NACIONALISTA.

A xente que desenvolve traballo nacionalista no rural é consciente das diferenzas e do complexo desta tarefa (ollo! tamén do gratificante) grazas, en boa parte, ás ideas do noso presidente. Mais, teño que dicir que dende fai dous anos este traballo é máis levadeiro grazas á aparición en escea da FRUGA.

O traballo que levan desenvolvendo durante este período é moi valioso, non solo, polo feito do asesoramento e colaboración en todos os niveis do traballo no rural e en todos os sectores. Senón tamén pola defensa sen complexos deste país e dun sector produtivos básico, defensa sen concesións .

Polo que, tempos difíciles para nós (e o que quedará por vir). Mais tempos nós que a sociedade galega conta con organizacións, que clarificadas ideoloxicamente, loitan por un rural vivo no que poder vivir e producir.

Parabéns compañeiros/as da FRUGA polo traballo feito e por seguir EN PÉ (non era doado.)

"Xa está ó vento a bandeira azul e branca!. A oliva nunha man, a fouce noutra, berremos alto e forte: "¡A nosa Terra é nosa!" (R. Cabanillas)