Derivación de custes privados á sanidade pública
Vimos de asistir a unha grande cantidade de mobilizacións en defensa do público frente os constantes favores que o goberno de Feixóo outorga á empresa privada
Ao longo destas últimas semanas, vimos de asistir a unha grande cantidade de mobilizacións en defensa do público frente os constantes favores que o goberno de Feixóo outorga á empresa privada. Non vou descubrir nada novo se aseguro que os obxectivos de tipo social non figuran entre as finalidades da empresa privada, única e exclusivamente guiada pola máxima da eficiencia técnica e económica, isto é: obtención do máximo beneficio posíbel co menor custo de factores produtivos.
Un dos máis virulentos ataques estase a dar coa sanidade pública. Entre as propostas recollidas no manifesto da Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública, aparece a demanda de creación dun organismo que permita detectar, en atención primaria, a orixe laboral de patoloxías que actualmente e de forma amoral, son derivadas desde as mutuas cara o sistema público para seren tratadas coma se fosen patoloxías comúns (ou sexa, que non teñen que ver co traballo realizado) e polo tanto pagadas con cartos de todos e todas (agás cos daquel que por aforrar uns euros en medidas de prevención, afunde a vida do traballador, familia e aínda do conxunto da sociedade).
A realidade desta situación debería ser ben coñecida por todo o mundo: a parte positiva dos beneficios, isto é os ingresos, son para a iniciativa privada, namentres que a parte negativa, isto é os gastos, repártense xenerosamente entre a sociedade.
Creo que a xestión das mutuas (organismos "colaboradores" da Seguridade Social na prestación económico-sanitaria derivada de continxencias laborais), dista moito de se guiar, segundo marca a lexislación, por principios de obxectividade e transparencia. Xa o ano pasado o Tribunal de Contas atopou indicios de delito na actividade dalgunhas delas. Estas ilegalidades irían desde a estafa, apropiamento indebido e fraude, até a malversación de caudais públicos...
Non hai responsabilidade administrativa, nin penal, nin indemnizacións para os afectados, nin para as familias. As prestacións por incapacidade son máis reducidas, as farmacéuticas corren en boa parte por conta do enfermo. Non se asumen os custos sanitarios e non hai perda de imaxe. En resumo, un negocio redondo!
Sería desexábel o establecemento de redes de "médicos centinela" como xa se está a facer noutras comunidades autónomas nas que, curiosamente son detectadas máis doenzas de tipo laboral que naquelas nas que non existen instrumentos para a descuberta desta fraude privada.
A trampa é a seguinte: se non recoñecemos a laboralidade da patoloxía sufrida polo traballador, entón, a xestión da mesma pasará a mans da sanidade pública (posto que será recoñecida como non laboral); malo será que os médicos de atención primaria (que non teñen carga de traballo dabondo, teñen a formación requirida e ademais posúen datos sobre as actividades laborais realizadas polo traballador) descubran que iso que lles chega á consulta como unha enfermidade común, é unha enfermidade profesional! A marañada burocrática e o avance paseniño e larvado da enfermidade fai o resto. Así, logo de moitos anos e custosos tratamentos, a factura ascenderá tranquilamente a varios milleiros de euros que, fraternalmente, pagamos os cidadáns namentres que os empresarios e os seus lacaios (as mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais) marchan "de rositas".
É de dominio público e así o poñen de manifesto diversos estudos realizados polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e da Universitat Pompeu Fabra, que o rexistro xeral de enfermidades laborais infravalora o verdadeiro impacto destas no total de enfermidades. Na Galiza, sectores como o da automoción, do naval e da lousa, tan pouco sospeitosos de realizar actividades potencialmente perigosas para a saúde, non si?, permiten maxinar a gravidade do asunto. E digo poden porque o que aquí escribe suou tinta chinesa para atopar estatísticas que recollesen información relativa ao fraudulento transvasamento de custos da empresa privada á pública, así que só podemos albiscar a punta do iceberg por medio da comparanza con outros estados da UE e con outras CC.AA. (Comunidades Autónomas)
Cren vostedes que se a derivación fose en sentido inverso non atoparíamos cantidades inxentes de información en, por exemplo, bases de datos como MEDLINE, CSIC, INE, IGE,...? Este silencio espállase grazas á complicidade dos medios de comunicación.
Cómpre artellar un protocolo de actuación para os médicos de atención temperán (como así se proclamou nas diferentes mobilizacións en defensa da sanidade pública) frente a sospeita de estares diante dunha enfermidade profesional para así, devolverlle o custo ás mutuas e restarlles argumentos relacionados coa ineficiencia económica da sanidade pública. Con trampas, eu, non xogo.