Decreto do Carbón: Consecuencias futuras na Central de As Pontes

Decreto do Carbón: Consecuencias futuras na Central de As Pontes
A paralización e reforma do Decreto do Carbón é hoxe totalmente perentorio

Logo do traballo social e institucional realizado polo nacionalismo galego, tanto sindical como político, hoxe son perfectamente coñecidas as negativas consecuencias que no presente pode supor a aplicación do Decreto do Carbón na economía galega, tanto no que afectaría ás actividades portuarias, ao transporte, ás compañías auxiliares e ás propias empresas principais, así como en todo o tecido comercial.

Porén, aínda son descoñecidas as consecuencias que podería ter este Decreto para o futuro mantemento destas instalacións a medio e longo prazo.

Unhas centrais, debemos lembrar, que no longo da súa vida e por obriga da normativa medioambiental, tiveron que realizar cuantiosos investimentos no seu proceso produtivo; mais estas actuacións de reforma e mellora non son un punto e final, senón que deben continuar no futuro máis inmediato.

Neste senso, o 25 de outubro deste ano, o Parlamento Europeo e o Consello aprobaron a Directiva de Emisións Industriais (prevención e control integrados da contaminación), que prevé a súa aplicación desde o ano 2016 e que obriga, entre outros, ás centrais eléctricas de Galiza a decidir a realización dunha nova readaptación antes do 1 de xaneiro de 2014. O texto da Directiva está pendente de publicación no Diario Oficial da Unión Europea.

Esta Directiva afecta ás emisións de xofre, óxidos de nitróxeno e partículas; e para a central das Pontes supón realizar modificacións importantes nas instalacións, posto que na situación actual non cumpriría os novos valores límites impostos.

É dicir, nun escenario de paralización case que total da central por obriga da  aplicación do Decreto do Carbón, inicialmente previsto até finais do 2014 (prazo que ninguén pode garantir que non sexa ampliado), e nun marco de grave crise económica onde os investimentos míranse con lupa, as empresas propietarias deben tomar esta decisión para que as centrais podan seguir funcionando.

Mais, aos titulares das instalacións, a Directiva Europea permítelles outra saída: non acometer estes investimentos e acollerse á cláusula de exención por vida útil limitada, de xeito que os grupos poderían funcionar, desde o 1 de xaneiro de 2016, 17.500 horas ou como data final até o 31 de decembro de 2023. E logo pechar; algo moi semellante ao que xa pasou cos grupos de fuel de Sabón (Arteixo).

E como dicíamos, é unha decisión que pode afectar aos catro grupos térmicos de As Pontes, ou individualmente a cada un deles. Sen caer en ningún alarmismo e sen prexulgar a decisión que se tome, é necesario coñecer que esta situación pódese xerar nun futuro inmediato.

Por  iso, a paralización e reforma do Decreto do Carbón, para conseguir que non teña efectos negativos, nin no presente nin no futuro, nas centrais eléctricas de Galiza é hoxe totalmente perentorio. Neste senso, as iniciativas parlamentares do BNG, que deben votarse en próximos días, son a mellor ocasión para resolver un problema xerado a Galiza por unha decisión política do Goberno do Estado.