Decreto do carbón, 2ª parte

Decreto do carbón, 2ª parte
Cómpre agora mobilizarnos contra dun Decreto do Carbón que empobrece a nosa comarca e xera aínda máis paro

Hai aproximadamente un ano que o nacionalismo galego denunciaba publicamente as consecuencias que o Decreto do Carbón ía ter no emprego e na economía galega; xerándose desde ese momento toda unha serie de actuacións sociais, institucionais e xurídicas, co obxectivo de paralizar esta decisión política.

Neste tempo asistimos a posturas que, desde a óptica dos intereses galegos aparecían contraditorias pero que, ao final, foron suficientemente esclarecedoras. Así, no plano político vimos como determinados partidos dicían unha cousa no País e votaban o contrario en Madrid; chegando mesmo ao esperpento de deputados que acudían a manifestacións contra do Decreto que eles mesmos tiñan aprobado.

No campo sindical, ficaba claro que para as organizacións estatais a defensa do noso tecido económico non é unha prioridade, partindo do silencio cómplice ao comezo do conflito; ao apoio puro e duro da posta en marcha do Decreto, con participación estelar dalgún dirixente sindical da minería asturiana. Todo un exemplo, claro, de solidariedade.....

Nese contexto, e co intento de paralizar o rexeitamento que na sociedade galega ocasionaba esta decisión política e como medida de distracción, o Goberno do Estado artella unha Comisión de Seguimento -cunha composición feita a medida dos seus intereses- onde case todos os representantes son do PSOE, ou sexa, dos mesmos que aprobaron o Decreto.

A partires dese momento, e nun traballo máis discreto, o Ministro de Industria -que, sobre este tema, nunca recibe a ninguén que non sexa do seu partido- planificou unha estratexia dirixida a desmontar toda a oposición ao Decreto. Neste senso, debemos encadrar a suba da tarifa eléctrica -a máis alta dos últimos 15 anos-, e agora vén de acordar na Mesa Estatal do Carbón a posta en funcionamento das resolucións legais necesarias para aplicación nun futuro inmediato do Decreto; centrando exclusivamente os focos para a súa resolución nas actuacións xurídicas e sociais impulsadas desde Galiza.

O PSOE, nun interese claramente partidario (non esquezamos que hai eleccións autonómicas en Asturias, Castela-León ou Aragón ) está provocando un movemento de presión sobre Galiza, querendo tacharnos de insolidarios cando a nosa proposta de modificación do Decreto só esixe un reparto das consecuencias negativas pola súa aplicación. U-la insolidariedade?. Claro que o PSOE nesta andaina non camiña só, senón acompañado das manifestacións da patronal Carbunión, ou declaracións de IU e dos sindicatos estatais.

Desenganémonos: a presión non só vai vir de fóra. Máis unha vez, desde Galiza xa empezan a darse movementos para favorecer e incidir na  posta en funcionamento do Decreto; tentando avanzar supostas "compensacións", desde o funcionamento dun mínimo técnico (é dicir baixar de xeito importante a produción ) ata a inclusión no futuríbel Plan do Carbón, algo ao que xa deberamos ter dereito como comarcas mineiras en reestruturación; pero de todo o mundo é coñecido a "habilidade" do Goberno do Estado en converter os dereitos en concesións graciabéis.

Por iso, con toda seguridade, terá que ser o nacionalismo o que retome de novo o camiño da resposta social e institucional a aplicación desta medida política que lesiona a nosa economía. Como fixemos hai poucos días contra do pacto antisocial sobre das pensións, cómpre agora mobilizarnos contra dun Decreto do Carbón que empobrece a nosa comarca e xera aínda máis paro. E aquí non caben ambigüidades: ou se está co futuro da comarca, ou se está en contra.