Crise económica e desprestixio da política

Crise económica e desprestixio da política
Chama a atención a ofensiva ideoloxía do PP, desacreditando a todas as administracións públicas en xeral

-----------------------------------------------------------------
[NOTA EDITORIAL.- A responsábel editorial desta publicación dixital, Terra e Tempo, recorda que as valoracións e opinións contidas nos artigos das colaboradoras e colaboradores habituais recaen integramente no ámbito da responsabilidade delas e deles. A directiva non asume como propias máis que as afirmacións do "Editorial" ou de "Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez" que, con este nome, se publica á cabeza dos artigos do día. Tendo comprobado como é moi elevado o número de lecturas e comentarios dalgúns artigos -cousa que nos honra, naturalmente-, asistimos igualmente a unha utilización espuria da opinión dalgúns colaboradores, facéndoa extensiva á Fundación Bautista Álvarez ou á Unión do Povo Galego, partido que non ten responsabilidade sobre este dixital que edita a Fundación. Insistimos, por isto, en como o dixital Terra e Tempo, respeitando a liberdade de expresión dos seus colaboradores, non fai súas en absoluto as aprezacións particulares, sobre calquera tema, dos mesmos. Reservámonos, claro está, como en calquer publicación similar, o dereito de inserimento dos comentarios que cada artigo merecer, pois non damos nin daremos cabida a aqueles que conteñan insultos ou resulten difamantes ou inxuriantes para persoas, institucións ou organizacións.]
-----------------------------------------------------------------  


 A crise económica está servindo de pretexto para a eliminación de moitas conquistas sociais e tamén para cargar as tintas no desprestixio en xeral da política e da súa utilidade para a transformación positiva da nosa realidade.

Por unha parte, faise moi evidente que son instancias ao servizo do grande capital financeiro non suxeitas ao control democrático (FMI, UE, BCE, G20, Axencias de cualificación) as que marcan as directrices económicas e sociais a desenvolver, deixando moi pouca marxe de liberdade real aos propios gobernos. Mesmo chégase ao descaro de violentar todas as formas democráticas, sen ningún pudor para impor estas receitas coma se puxo de manifesto en Grecia ou Italia. En Portugal a Troika impón as súas decisións facendo moi evidente quen manda, mesmo agora na elaboración dos Orzamentos do Estado Español as inxerencias da UE, do BCE e até da propia CDU alemán resultan escandalosas. Estes feitos poñen de manifesto que a falla de soberanía conducen á falla de democracia.
Por outra banda, chama a atención a ofensiva ideoloxía do PP, desacreditando a todas as administracións públicas en xeral. Unha mensaxe insistente pondo o foco no sector público (Autonomías, Concellos, Seguridade Social, sanidade, educación...) esaxerando e falseando a realidade para afirmar que o problema fundamental está en que vivimos por riba das nosas posibilidades, que se estaba gastando máis do debido no “Estado de benestar” e que non o podemos manter. 

Por suposto non queren ouvir falar de necesidade de incrementar o autogoberno de Galiza para romper a dependencia e apostar pola recuperación da nosa capacidade produtiva para saír da crise. Por suposto, hai que obviar a situación e as responsabilidades do sistema financeiro nesta crise, obviar o propio funcionamento ao servizo dos Lobbys bancarios do BCE, obviar as inxentes sumas de diñeiro público inxectadas para cubrir os resultados das súas políticas especulativas, ignorar os grandes beneficios para a banca que está xerando o actual sistema de financiamento da débeda pública co BCE. Hai que obviar o escandaloso incremento de prezos en todas as empresas privatizadas no sector enerxético -luz, gasóleo, gas, telecomunicacións, transporte etc.- que está reducindo a capacidade adquisitiva e, polo tanto, a renda dispoñíbel para activar o consumo. Non hai que falar para nada da inxusta política fiscal nin do abandono da economía produtiva, nin moito menos da necesidade dunha banca pública, nin do imprescindíbel papel da administración pública para activar a economía e o emprego.

De nada disto falan os representantes do PP, que, por certo, por unha banda son os máximos expoñentes da corrupción, o malgasto e a mala xestión -Xunta de Galiza, concello de Madrid, Generalitat Valenciá, por exemplo- e ao mesmo tempo, mestres da propaganda, presumen de abandeirados do rigor orzamentario, da austeridade e da suposta transparencia. O propio Presidente da Xunta de Galiza é un bon exemplo desta capacidade propagandística, para tapar dese xeito a nefasta xestión do seu Goberno.

Dende logo para nós resulta moi necesario centrar o debate nas autenticas causas da crise económica e nas nosas propostas para saírmos dela de forma favorábel aos traballadores e á maioría social de galegos e galegas. O último debate no Parlamento Galego sobre o Estado da Nación Galega e as alternativas expresadas pola portavoz do Grupo Parlamentar do BNG, Ana Pontón, son un bon exemplo do camiño e do enfoque que debemos seguir.