Crise económica: dualidade e contradición
A súa obsesión por contentar os mercados colócaos baixo as súas poutas e alónxaos da necesidade de gastar diñeiro para xerar emprego
Lendo, ao longo deste més de setembro, a propia prensa do sistema, case a práctica totalidade, podemos achar opinións relevantes sobre a actual crise económica, que resultan sintomáticas polo seu contraste. Un afamado premio Nobel, autoproclamado defensor do capitalismo, de vocación divulgadora e pedagóxica, non se cansa de alertar de que a política económica, aínda máis na UE que nos USA, está obsesionada polos supostos perigos do déficit público, no canto de estalo por un problema máis determinante e grave: o desemprego masivo que, segundo el, corroe os cimentos da súa nación. Que poderíamos dicir do Estado español ou da nosa Galiza? Estes obsesionados polo déficit público son á vez fanáticos da reducción drástica do gasto público (non do incremento dos impostos a través dun sistema fiscal máis equitativo) para superar a crise, entre eles o bipartito español que a vén de elevar a categoría de doutrina constitucional. Á vista está que así non contribúen á creación de postos de traballo. A súa obsesión por contentar os "mercados" colócaos baixo as súas poutas e alónxaos da necesidade de gastar diñeiro para xerar emprego. Aínda máis, recortando o gasto social obriga a reducir e despedir traballadores na sanidade, no ensino e nos servizos sociais. Non falemos da súa total indisposición a impulsar a actividade económica a través da iniciativa pública, sobre todo tendo en conta a falta de demanda da iniciativa privada e por parte das familias. A agravación da falta de demanda agregada é o corolario desta forma de proceder e con iso a caída do produto interior bruto. Nela teñen as empresas un problema bem máis grande que na presión fiscal ou na regulación supostamente excesiva. Está a falar Krugman das consecuencias nunha sociedade na que o paro non chega ao 10% da poboación activa, o tipo de xuro está no 2% nos bonos a dez anos e cunha débeda pública superior á española. ..
A simple comparación ou contraste co Estado español non deixa de ser elocuente. Se en USA o paro é, para Krugman, o problema máis relevante, que debería ocupar o centro da política, en maior medida debía selo aquí, cunha porcentaxe dupla, e con especial incidencia na mocidade. Porén, óptase polo dogma neoliberal: a obsesión pola débeda e, polo tanto, a énfase nos perigos do déficit público. Chegaron mesmo a constitucionalizar, como obxectivo prioritario, antes que calquera outro, o compromiso de pagala en debido tempo e forma, ao custe que for, como estableceron o tope do endebedamento acumulado das administracións públicas no 60% do PIB, porcentaxe que superan todos os Estados da Unión Europea con creces moi habitualmente. Todo isto acontece cando xustamente o déficit público é un instrumento orientado a sacar a economía da situación de atonía na que se atopa, producir máis e mellor e eliminar paro tan abusivo. Krugman defende esta política, mesmo tendo preocupación polo panorama orzamentario dos USA a longo prazo. Considera unha distracción mortal actuar, a curto prazo, coa obsesión de reducir a débeda e acadar o déficit cero; unha alternativa ideolóxica que non beneficia, para nada, as clases populares....Tan evidente é que, parece, Obama o vai ter en consideración lanzando un programa de investimentos públicos en infraestruturas, como intento desesperado de recuperar a adhesión de maiorías sociais, perdida pola súa dependencia dos intereses de Wall Street ...
Namentres, a tan impasíbel como austera Christine Legarde, nova directora xerente do FMI, despáchase coa alerta dunha posíbel recaída na recesión, após predicar a consabida austeridade durante meses e meses. A novidade está en que, para Alemaña e USA, reclama estímulos económicos desde os poderes públicos. Enténdese que Grecia, Portugal ou o Estado español deben seguir sometidos aos axustes, ao pago da débeda como prioridade, aos recortes do gasto co conseguinte impacto social negativo. Encargouse de aclaralo, sen andrómenas, o Presidente do Consello Europeo, o inexpresivo Herman Van Rampuy: "Europa debe aumentar a presión sobre estes países para levaren a cabo estas medidas". De esguello, colateral e marxinalmente, anúnciase que Grecia pode suspender pagos ou mesmo decidir a saída do euro, indisposta e incapacitada xa para seguir asumindo a política de austeridade que a troika europea lle impón a cambio da concesión de créditos. A situación é tan alarmante e o seu impacto social tan destrutivo que o empobrecemento da sociedade grega está coloreado de tintura tráxica. Resulta lóxico que, perante tanta evidencia, non xa unha parte importante da opinión pública, senón mesmo un segmento da clase dirixente, comece a ver que o camiño escollido leva ao suicidio... Cómpre outra política que se albisca só será posíbel fóra do euro e da Unión Europea...
E a nosa Galiza? Con menor porcentaxe de poboación activa que a media do Estado, coa emigración constante da xente moza, aínda así cun paro moi elevado, a denominada política de austeridade, axuste e recorte, é unha lección aprendida como rutina por un goberno autonómico submiso, sen a menor intención de exercer a mínima capacidade de decidir por si mesmo. Presume mesmo de ser un alumno avantaxado da austeridade, isto é, do recorte de gasto social e da inacción pública para impulsar a actividade económica. Vivimos no mellor dos mundos posíbeis.
Galiza leva xa moitos anos de crise estrutural por mor das decisións políticas que, verbo de sectores básicos da nosa economía, foron tomando a UE e o Estado español de común acordo. Agora, sen case base agraria, con retroceso ou desaparición das nosas industrias estratéxicas, a incidencia dunha política económica obsesionada polo déficit, pola débeda e pola necesidade de "axustes", non pode máis que agravar unha situación xa de por si calamitosa e anormal. Nós necesitamos como prioridade recuperar sectores produtivos, crear postos de traballo, responsabilizarnos do noso exercendo a capacidade de decisión, isto é, contar cun autogoberno merecente de tal nome, que non temos nin polas limitadas competencias que nos conceden nin pola intención de quen o ostenta.
Co seu proverbial donaire Felipe González, tan amigo de Fraga como coñecedor das nosas feblezas e como tratalas para maior gloria de España, pregúntase, escandalizado: "Como é posíbel que non se vexa que sen crecemento da economía os problemas da débeda e dos déficits se van agravar?" Estupenda estrañeza. Porén, parece mentira que, ocupando cargos en consellos de administración de transnacionais españolas, exteriorice unha inxenuidade tan beatífica como para ignorar a primacía dos intereses do capital financeiro e industrial e dos Estados centrais da UE, en primeiro lugar, a súa querida Alemaña. Pregúntome eu: como é posíbel que tan preclaro europeísta non se decate de a quen serve a Comisión Europea, por exemplo, a onde foi enviado o seu obediente discípulo Almunia, para nos deleitar con continuas leccións públicas de ortodoxia económica oligárquica? A avaricia a curto prazo do capitalismo oligopólico e transnacionalizado non ten límites, e moito menos contando con tantos organismos de gobernanza global, esa odiosa palabra que tanto gorenta, entre outros, a Felipe e a Almunia...Sen dúbida dan por superada a soberanía económica de España, para ben da UE. Claro que non amosan a mesma disposición a trasladar ao pobo galego a capacidade de decisión que España exerce sobre Galiza. De tal xeito que, neste devalar, como xa temos dito, se España é unha colonia da UE, Galiza fica en subcolonia, un modelo a todas luces inasumíbel pola obscena desigualdade e pobreza que ostentosamente provoca en todas as ordes. Tarde ou cedo os pobos e as maiorías sociais teñen que cavilar e confrontarse con este deseño. Non hai outro camiño...