Consigna da nova Consellaría de Medio Rural: A privatización dos montes comunais

Consigna da nova Consellaría de Medio Rural: A privatización dos montes comunais
A supervivencia dos montes veciñais en mán común, de esta titularidade comunitaria está en perigo; só queda presentar batalla

Só a unidade das comunidades de montes, xunto coa alianza da sociedade que vive e traballa no medio rural, especialmente a sociedade labrega e xunto coa complicidade do resto do País, poderá impedir a consigna que xa ten trazada a Conselleira de Medio Rural da actual Xunta de Galiza. Consigna que non é outra, que levar adiante a privatización dos montes veciñais.

Os pasados días 22 e 23 de maio, no concello de O Carballiño, tivo lugar o IV Congreso Galego de Comunidades de Montes. No acto de apertura do mesmo intervíu o Sr Director Xeral de Montes. Coas palabras que alí dixo, e sobre todo, co silencio que alí "dixo", ficou claro que a politica de montes do Goberno Galego do Partido Popular, só ten un obxetivo. E este obxetivo, non é outro, que o de entregarlle os montes veciñais en mán común ás grandes empresas do sector, é dicir, entregarllos aos intereses alleos das comunidades de montes e do noso País. Para que nos entendamos todos, a consigna do Partido Popular é a de privatizar estas titularidades comunitarias .

No acto de apertura do IV Congreso, o Sr Director Xeral de montes dixo:

-Que os montes veciñais en mán común non se poden privatizar xa que son bens de caracter privado. Isto é unha grande mentira, xa que é unha media verdade. Os montes veciñais en mán común, nin son titularidades públicas, nin titularidades privadas. Son titularidades colectivas e abertas, son titularidades comunitarias. Se o Sr Director Xeral de montes quixera defender os montes veciñais, tíñao fácil. Só tiña que dicir, que na presente lexislatura política se ía a recoller a titularidade veciñal como unha máis e distinta das outras dúas titularidades, a pública e a privada.

-Que o futuro do monte veciñal é un monte forestal. Iso de lograr un monte multifuncional e sustentable, é unha utopía de algunhas comunidades de montes .

Mais, se clarificador foi o que dixo, moito máis clarificador, se cabe, foi o que non dixo. O Sr Director Xeral de Montes, non dixo:

-Que xa está a punto de promulgarse un decreto polo que se vai a crear a nova figura societaria de explotación forestal. Nova figura que significa ir a explotacions forestais de máis de 3.000 has. Nova figura de explotación no que vai a incluír á brava,  é dicir, usurpando, aos montes veciñais en man común e as unidades de xestión forestal. Nova figura societaria xestionada polas empresas, mediante a entrada de capital privado a través de instrumentos financeiros como van a ser os fondos de investimento e os plans de pensións. Cales son os obxetivos deste novo modelo de explotacion forestal? . Pois, nen máis, nen menos que a forestación dos montes en réxime de monocultivo, con especies de crecemento rápido e a plantación de cultivos enerxéticos para suministro de biomasa forestal para as centrais de produción enerxética para beneficio dos monopolios.

-Que na próxima lei de montes veciñais, que se vai a aprobar na presente lexislatura política, vai dotar ás comunidades de montes de personalidade xurídica co fin de que os montes veciñais entren no tráfico do comercio para que se poidan mercar e vender. Nesta proposta, a Consellería de Medio Rural xoga á trampa, alegando que se se dota ás comunidades de montes de personalidade xurídica, estas poderán levar adiante actos e negocios xurídicos que hoxe non poden. Mentira, se se dotan as comunidades de montes de personalidade xurídica o que se está a facer é desnaturalizar este tipo de titularidade e xa que logo, deixará de ser unha titularidade de carácter xermánico (indivisible, inalienable, imprescriptibe e inembargable). O que se está facer é achanzar o camiño para a súa privatización. Ademais, tamén é mentira que se se mantén a capacidade xurídica das comunidades de montes, estas, non poderán levar adiante certo tipo de actos e negocios xurídicos. Para que poidan facer eses actos e negocios xurídicos só hai que definir a capacidade xurìdica tal e como quedaba refrexada no anteproxecto da Lei de Montes de Galiza, da anterior Consellería de Medio Rural, dirixida polo BNG. " As comunidades de montes terán plena capacidade

para a realización  de todos aqueles actos e negocios xurídicos que teñan por obxeto obras e servizos comunitarios e, en xeral, todos aqueles actos ou negocios xurídicos que redundan en beneficio da comunidade, de acordo co que decida en cada momento a súa asemblea xeral.

Hai que ter en en conta que, sen privatizar os montes veciñais, a nova figura societaria é inviable.

A supervivencia dos montes veciñais en mán comun, de esta titularidade comunitaria está e perigo. Hai que presentar batalla. De seguro que na vangarda de esta batalla teñen que estar as comunidades de montes. Mais a veciñanza comuneira non pode estar soa nesta loita. Ten que estar arroupada polo resto do País. Se os montes veciñais en mán común se privatizan, non só se está eliminando unha das pezas para o logro dun medio rural vivo. Estase eliminando tamén un  dos sinais de identidade do noso Pais.