Comezan a aclararse o que nos custou que venderan ABANCA

Comezan a aclararse o que nos custou que venderan ABANCA
A día de hoxe nin o Goberno Central nin o da Xunta de Galicia explicaron como é posible privatizar unha empresa capaz de xerar 440 millóns de euros de beneficios en seis meses

Hai tempo baixaba á feira de Ribadavia un comerciante para vender vasoiras. O home ia tirando, ata que apareceu outra persoa que as vendía mais baratas. Un día achegouse e díxolle “non sei que carallo fas, eu roubo as xestas e o resto do material, fágoas na casa e non son quen de vendelas tan baratas coma ti”, o segundo vendedor díxolle “é que eu xa as roubo feitas!!”.

Este conto ben podería ser unha metáfora do funcionamento do capitalismo actual que raposea por Galiza. Hai os que pretenden montar un negocio a costa dos nosos recursos (coma na mina de Corcoesto), e outros xa nin montan negocios, simplemente quedan co feito a través das privatizacións de empresas e servizos públicos. Aquilo de xustificar as plusvalías en base ao risco asumido polo capital hai tempo que quedou atrás.

Só hai que botar unha visual ao IBEX-35, a maior parte cotizadas, as multinacionais e grandes empresas do Estado Español, son antigas empresas públicas privatizadas; empresas privadas que medraron grazas a adquisición de empresas públicas; ou empresas que medraron coa privatización de servizos públicos. Dende o sector enerxético, á construción pasando pola banca, a creación dun neocapitalismo español con sede en Madrid e o fortalecemento dunha oligarquía españolista forma parte da estratexia política do Ppsoe.

Que pinta Galiza nesta economía da vasoira? Nada, ser unha mera colonia. Exprópianse os nosos recursos, privatízanse as nosas empresas públicas sen compensación e cada vez un maior número de servizos públicos xestiónanse dende os despachos madrileños das multinacionais españolas. Miseria e dependencia.

E chegados aquí é preciso falar unha vez mais do espolio das Caixas, despois de coñecerse os resultados do primeiro semestre de NCG banco, que obtivo 440 millóns de beneficios. Hai que destacar que durante ese período era unha Entidade pública, a venda ao Banesco (e cambio de nome) tivo lugar o 26 de xuño. O FROB dixo que a privatización “express”, antes do acordado con Bruxelas, deixou un burato multimillonario no erario público de 8.000 millóns de euros de perdas, ao abeiro dos novos dados sabemos que mentiron.

Banesco comprometérase a pagar 1.003 millóns, 403 millóns en xuño do 2014 e o resto sería pagadoiro a prazos. Eses 1.003 millóns non serían todos para o Estado central, unha parte repercutiu no Fondo de Garantía de Depósitos (o 25%), a Xunta de Galicia non recibiu nada.

A final de xuño Banesco pagou 403 millóns ao FROB pero por outra parte NCG Banco SA, tal e como estaba previsto, obtivo uns beneficios ata xuño de 440 millóns que non foron repartidos como dividendo, é dicir quedaron no “peto”.

Pero ademais grazas a publicación do Plan de Reestruturación pola Comisión Europea, sabemos que no proceso de poxa houbo garantías públicas a favor do comprador que suman 2.332 millóns de euros. De ser executadas minusvalorarían o pagado pola Entidade, podendo chegar o burato para o erario público aos 10.000 millóns de euros.

Segundo os medios a día de hoxe, en só dous meses, xa executou garantías por 432 millóns de euros. A primeira garantía, por 182,7 millóns, foi executada no mes de xullo!! (só días despois de consumada a privatización) que correspondería a “unha sobrevaloración nos activos traspasados no seu día por Novagalicia Banco ao SAREB (o banco malo)”. A maiores executou 250 millóns de euros das garantías públicas para facer fronte ás sentenzas desfavorables pola mala comercialización das preferentes e subordinadas (a solución ás preferentes a paga o Estado, non Banesco).

Canto nos custará finalmente aos galegos e galegas que se privatizasen as Caixas? Aínda non se sabe, pero suma e segue.

Pero incluso mentres no resto do Estado as fundacións das antigas Caixas, controlan os bancos segregados, no caso galego o Feijoo entregou o control da Fundación (e do seu patrimonio) aos novos propietarios do banco.

Rematando, a día de hoxe nin o Goberno Central nin o da Xunta de Galicia explicaron como é posible privatizar unha empresa capaz de xerar 440 millóns de euros de beneficios en seis meses, perdendo o erario público na operación ata 10.000 millóns de euros. Semella que todo isto só ten unha explicación, é a economía da vasoira.