Co borrador da Lei de Montes, o Medio Rural e os montes veciñais, sen futuro

Co borrador da Lei de Montes, o Medio Rural e os montes veciñais, sen futuro
Non teñen futuro para aqueles veciños e veciñas comuneiros que queren xestionar democraticamente súas terras comunitarias

Para o Partido Popular, o medio rural non ten futuro. Non terá futuro para aquela poboación, que aínda se resiste a abandonalo e que reivindica un medio rural multifuncional sustentable, desenvolvendo diversas actividades. É dicir, xestionando o territorio. Mais, si terá futuro para as élites da sociedade, que non viven no rural senón que van ao rural nos fins de semana ou nas vacacións para practicar golf, para desfrutar da paisaxe en residencias de luxo, ou para divertirse practicando caza en grandes coutos.

Para o Partido Popular, os montes veciñais en man común, que son territorio do medio rural, non teñen futuro. Non teñen futuro para aqueles veciños e veciñas comuneiros que queren xestionar democraticamente súas terras comunitarias. Mais si teñen futuro para as Sociedades de fomento forestal (Sofor) que veñen sendo a introdución da xestión capitalista nos montes veciñais en man común e que teñen como obxectivo de converter estas terras veciñais en grandes masas forestadas en réxime de monocultivo (ou con especies de crecemento rápido, ou con cultivos enerxéticos).

O dito até o de agora, ben puidera parecer a análise da Organización Galega de comunidades de montes (Orgaccmm),que sempre manifestou que o Partido Popular, era o brazo armado dos intereses económicos, urbanísticos e especulativos, que levan tempo tentando de apropiarse e/ou privatizar os montes veciñais en man común, non para o beneficio da maioría social do  País, senón para o seu propio beneficio. Mais agora, desde os primeiros deste mes de xullo, ademais de unha análise é unha realidade.

Esta estratexia para a apropiación indebida do medio rural e dos montes veciñais en man común, escomezou con unha solemne declaración do Conselleiro do Medio Rural, que dixo que o medio rural non ten futuro. Estas foron as palabras máxicas que puxo en marcha a maquinaria destrutiva para o medio rural e para os montes veciñais en man común. A continuación, publícase a liña de axudas denominada proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galiza, das cales, elimínanse os proxectos de carácter produtivo. É posible dinamizar o medio rural, sen proxectos produtivos? Evidentemente, non. E acto seguido, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), anuncia que a partires do ano que ven, elimínase dos programas Leader Galiza 2007/2013, a medida denominada, dinamización dos sectores agrario e forestal. É posible somentes con rotas de sendeirismo, paseos fluviais, áreas de lecer, zonas deportivas, por en valor os montes veciñais en man común? Evidentemente non.

E agora, aparece o borrador de lei de montes de Galiza. Certamente, este borrador presentado polo Partido Popular, e criticable desde diversos aspectos (sitúa aos montes veciñais no ámbito das titularidades privadas, entende a posta en valor de estas terra só dende o punto de vista forestal, permite a reforestación das terras agrarias, derroga, de forma encuberta, a vixente lei de prevención e defensa contra os incendios forestais, achegado o lume ás vivendas e xa que logo, creando un problema de seguridade veciñal,...). Mais neste artigo, analizarase o aspecto do borrador da lei de montes de Galiza que pretende a apropiación da xestión dos montes veciñais, como paso previo á súa privatización.

Esta apropiación, faise no articulado titulado "contratos de xestión pública". A Consellería de Medio Rural, por propia decisión sen ningún criterio técnico, e sen audiencia cos titulares das terras, pode asinar contratos  con comunidades de montes que carezan de recursos financeiros e cuxa sustentabilidade económica, social e medioambiental non estea garantida. A execución destes contratos, pode facelo a propia administración directamente, ou por terceiras persoas físicas ou xurídicas.

É dicir, poden ser, mellor dito, van ser executados polas sociedade de fomento forestal (Sofor), que para iso foron criadas. Porque o Partido Popular non da puntada sen fío.

Mais, a apropiación por si soa, non vale. Hai que procurarlle financiación. Por iso, o borrador da lei de montes de Galiza, di que as comunidades de montes, terán que pagar os custes de estes contratos de xestión, non somentes cos ingresos  obtidos polos aproveitamentos forestais, senón por todos os ingresos obtidos (alugueiros, eólicos, expropiacións...). É dicir, que non somentes se lle consegue monte para as Sociedades de fomento forestal (Sofor), senón que se lles asegura a financiación. Pero non din os "forestalistas", que o futuro do monte veciñal e forestal?. Pois que cobren os contratos dos ingresos derivados somentes dos aproveitamentos forestais.

Agora ben, a apropiación e a financiación, para a xestión capitalista dos montes veciñais (as Sofor), non é suficiente. Hai que asegurarlle o negocio. De aí que o  borrador da lei de montes de Galiza, elimina a prohibición de reforestar con masas monoespecíficas, máis de 50 has continuas. Levantada esta prohibición, as Sociedades de fomento forestal (Sofor), xa poden encher os montes galegos de especies de crecemento rápido e de cultivos enerxéticos. As sociedades de fomento forestal, aseguran o seu negocio e os veciños e veciñas teremos o lume nas portas.

O borrador da Lei de montes de Galiza, significa, entre outras cousas a apropiación por mans privadas, da xestión de un bo número de montes veciñais en man común. Mais a xogada non remata aquí. Continuará co reforma da Lei de montes veciñais, onde pretenderán a privatización destas terras comunitarias. Evidentemente isto será así se a veciñanza comuneira e a sociedade galega non lle paran os pés ao Partido Popular.