Carta aberta a Gas Natural Fenosa

Carta aberta a Gas Natural Fenosa
Agardo que un día os galegos e galegas poidamos quitarvos as concesións hidroeléctricas que tedes desde hai máis de 50 anos e poñelas a producir ao servizo de Galiza

Vivo na Ribeira, Santo André de Vea, situado no concello da Estrada. Desde o sábado pola mañá non temos luz eléctrica na casa. E ese seguramente é o menor dos problemas, porque antes de marchar definitivamente, un subidón de tensión levou por diante a lavadora, a caldeira da calefacción e da auga quente, e quen sabe cantos aparellos máis, porque agora mesmo non podo saber se están avariados por non ter luz eléctrica. A isto hai que sumarlle 67 € en bombillas e lámparas de todo tipo que comprei onte sábado, porque, inxenuo de min, pensaba que ao longo do día de onte podería restituír as avariadas polas novas. De momento seguen na bolsa. Tampouco me quero esquecer dos alimentos do frigorífico e especialmente do conxelador, que con toda seguridade terei que tirar. En resumo: unha desfeita. Unha desfeita non só na miña casa, senón tamén nas do resto do lugar.

Evidentemente onte chamei a avarías, ao 900 333 999, pero sen éxito a pesar de intentalo en varias ocasións ao longo do día. A única información que tiña pola vosa parte era unha mensaxe gravada que me remitía a unha web, unionfenosadistribucion.com, na que podía mirar o estado da avaría. Foi o que fixen a pesar de ter moi pouca batería no móbil. Sen embargo, a información que se daba nesa web era nula, o único que dicía era que había unha avaría, -cousa que xa sabía-, pero non de cando se ía resolver.

Hoxe domingo, 24 horas despois, por fin logrei falar cun ser humano de Gas Natural Fenosa. Segundo me indicaron o problema estaba resolto, pero eu sigo sen luz eléctrica. Disque os veciños dixeron que xa estaba resolta a avaría. Iso sería, efectivamente, no resto da parroquia de Santo André de Vea, no lugar da Ribeira aínda estamos agardando. E digo eu, para que queredes os contadores intelixentes? A caso eses aparellos non indican que en Santo André de Vea hai 12 ou 13 casas que non teñen luz? Desde logo, se estes trebellos non serven para iso, ademais de contar a electricidade que gastamos, para que serven entón?

Dades un pésimo servizo, pero iso xa o sabedes, pero estades tranquilos; Felipe González, Cristina Garmendia e tantos outros políticos madrileños dan conta de que nada se mova, de que poidades seguir saqueando os recursos hidroeléctricos de Galiza desde hai máis de 50 anos, tendo como contrapartida un servizo pésimo e o mesmo prezo pola electricidade que pagaría outro cliente que viva en Collado-Villalba e que ten o encoro que lle proporciona a luz a máis de 600 quilómetros, cuxo transporte desta enerxía pagamos todos e todas; niso si somos todos iguais.

Con esta carta aberta non pretendo que me paguedes, a min e a todos os veciños do lugar, os desperfectos que o voso pésimo servizo causou, é unha válvula de escape para explicitar a miña indignación a curto prazo. A indignación a medio e longo prazo xa teño por onde canalizala politicamente, que é como se solucionan as cousas, e agardo que un día os galegos e galegas poidamos quitarvos as concesións hidroeléctricas que tedes desde hai máis de 50 anos e poñelas a producir ao servizo de Galiza. Porque non só estamos falando de mellorar a calidade do servizo, estamos falando tamén dun prezo que é unha estafa legal e consentida polo goberno de Madrid e os representantes de PP e PSOE nos consellos de administración das eléctricas, que está a levar á ruína e ao peche a importantes empresas do noso país, tamén estamos falar de empregos e futuro para o noso país.

En fin, teño que ir rematando, porque ao portátil desde onde escribo esta carta indignada quédanlle poucos minutos de enerxía e como sabedes non teño electricidade na casa para poder cargalo. En resumo: que vivimos no mellor dos terceiros mundos posíbeis, iso é certo, pero terceiro mundo ao fin e ao cabo, porque ao igual que a África subsahariana non controlamos os nosos recursos (enerxéticos, económicos, etc), espólianos para que outros vivan mellor que nós, e iso non pode ser e agardo que un día os galegos e galegas poidamos cambiar esta situación de dependencia e espolio.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.