Caixas: O problema foi querer deixar de ser galegas para ser españolas

Caixas: O problema foi querer deixar de ser galegas para ser españolas
Ser galega non é rendible, vaia parvada españolista!!

O día 3 de decembro, despois de cear coa miña familia, sentámonos no sofá para ver un pouco a televisión, puxen o telexornal da “española”, para intentar saber algo sobre o futuro da empresa na que traballo (novagalicia banco), o seu futuro decídese alí, en Madrid. Sorprendeunos un anuncio sobre a posta a venda dun libro baseada nunha serie sobre a vida de “Isabel a Católica”, si aquela da “Doma e castración do reino de Galiza”, o seguinte anuncio foi sobre unha redición en DVD do “nodo” e con posterioridade anunciaron o último episodio da serie sobre a vida de “Isabel a Católica”; para rematar un anuncio sobre o Senado, a casa de "todos los españoles". Antes de botarme a durmir vinme na obriga de tomar un “Alquen”, tiña o estómago revolto.      

Pode parecer anécdota, pero non o é, estamos nun retorno acelerado ao franquismo impulsado polo PP. Todo o poder para a oligarquía española a través da centralización do Estado. Unha centralización en todos os eidos, tamén no económico e financeiro.      

Os directivos das Caixas de Aforros quixeron que estas deixaran de ser galegas, para ser españolas, ese foi o problema. Para iso emprenderon unha expansión salvaxe co fin de convertelas en entidades implantadas en “todo el territorio nacional”, Méndez en ton de burla dicíanos "Caixa Galicia ya no es una Entidad gallega, es como dicen ustedes..."plurinacional".       

Agora o plan de recapitalización aprobado pola UE obriga a volver aquí, a poñer os pés na terra, unha decisión atinada, se non fose polos brutais recortes que afectan ademais a areas claramente rendíbeis; teñen un durísimo impacto social e laboral (despedimentos masivos, peches de oficinas que provocan a marxinación financeira no rural, leva a desaparición da obra social e cultural, a venda de participacións en empresas galegas, a perda de capacidade financeira, etc).      

Pero con todo e malia o que se trata é de centrar a entidade nas areas mais rendíbeis, cada día sae un “experto” a dicir que unha entidade centrada en Galiza non é viable, repítense así nos medios os argumentos xa escoitados no seu día das bocas dos Méndez e Gayosos. Ser galega non é rendible, vaia parvada españolista!!.      

Con todo un dos maiores problemas para o futuro, creado pola pésia negociación entre o Goberno do PP e Bruselas foi  non devolverlle o diñeiro aos pequenos aforradores/as atrapados na débeda subordinada. Nesta cuestión o Goberno do PP aínda non sabe que facer, ten un bo problema por riba da mesa, nun hipotético troco por accións os preferentistas serian os maiores accionistas e polo tanto os donos da Entidade, rebaixando a presenza do FROB e obstaculizando os plans de Rajoy. Hai quen di que as mobilizacións non valen para nada, curiosamente a única saída, malia que parcial, para os preferentistas en todo o Estado foi en Galiza. Foi unha concesión froito da presión, e hoxe cando se dicide a futura quita a súa mobilización continua a ser un factor importante.      

A arbitraxe foi unha conquista dos preferentistas, malia que foi utilizada de xeito perverso por Alberto Nuñez Feijoo durante a campaña electoral. A empresa auxiliar de novagalicia banco, que realizaba a preparación da documentación das preferentes, chegou a contratar 50 ETT´s para preparar as arbitraxes, pasadas as eleccións remataron os contratos. Ten razón a clientela cando fala dun freo nas arbitraxes.        

En fin, coma tiñamos advertido Bankia, como a temos comentado salvarase sexa viable ou non, é un problema de Estado. Novagalicia é sistema para Galiza, pero non temos un Estado para o que novagalicia que sexa un problema.