O “fracking”: un risco do pasado que non resolve o futuro

O “fracking”: un risco do pasado que non resolve o futuro
Máis do mesmo nun modelo enerxético insustentábel

Igual que pasou co ouro en Corcoesto, en épocas de crise o que antes non era rendíbel pode selo sempre que se poida explotar suficientemente á natureza e se “minimicen” os efectos perniciosos para a saúde humana e ambiental. Isto é o “fracking”.

A extracción de gas por fractura hidráulica ou “fracking” é un novo caso de minaría salvaxe ou megaminaría que está a ter un importante pulo a nivel mundial. Cada pouco desde hai un par de anos aparece algunha nova ao respecto na prensa española.

O “fracking” é unha técnica de extracción de gas e petróleo de xacementos non convencionais, principalmente formacións de xisto arxiloso (“shale”).  Este xisto debe ser de orixe sedimentaria (non metamórfico, como o galego), pois así pode aloxar nos seus poros a materia orgánica que produza o gas ou o petroleo. A técnica de extracción deste gas “shale” é  moi agresiva. Estas formacións xeolóxicas áchanse a varios quilómetros de profundidade, entre 3.000 e 5.000 metros. Perfórase verticalmente até chegar ao xisto que alberga os hidrocarburos e logo continúase horizontalmente a través da formación xeolóxica varios quilómetros máis. Este furado horizontal é a chave da actual rendabilidade dunha técnica xa utilizada desde hai máis de corenta anos en Estados Unidos. Pola condución inxéctanse enormes cantidades de auga a presión xunto con area e máis de 200 produtos químicos para producir nas formacións de xisto múltiples fendas que liberen as bolsiñas de hidrocarburo inseridas.

Os defensores da fracturación hidráulica sinalan entre as súas vantaxes a independencia enerxética, o achegamento dos xacementos ao consumidor, a riqueza que xera, a creación de postos de traballo e a diminución do consumo de carbón, axudando a diminuir as emisións de efecto invernadoiro. Tamén argumentan que –dado que estamos a falar de territorios “civilizados” como os europeos- as lexislacións medioambientais son moi garantistas, e que todo se vai facer cun absoluto control.

Os principais problemas asociados ao “fracking” son os habituais da megaminaría e algúns máis: ocupación do territorio, apertura de estradas e construción de infraestruturas, alta circulación de camións cargados de sustancias perigosas, altísimo consumo de auga, eliminación de refugallos e especialmente que facer coa auga que se extrae do pozo: millóns de toneladas de auga contaminada por produtos químicos, cun maior nivel de radioactividade e sobre todo cunha alta concentración de sal, o que leva á necesidade do seu almacenamento en grandes balsas para que non contaminen en superficie os acuíferos. Ademais, a auga inxectada pode ficar en fallas xeolóxicas favorecendo a lubricación das placas e aumentando a actividade sísmica. Parte do metano extraido non se consigue aproveitar e continúa na auga que se almacena nas balsas ou se libera ao ambiente, puidendo incorporarse aos acuíferos. Como non se disolve, fica atrapado puidendo saír pola billa da casa como na película “Erin Brockovich”, na que víamos como se lle podía prender lume á auga da traída, ou se libera a atmosfera, tendo en conta que a súa capacidade como gas de efecto invernadoiro é 25 veces superior ao dióxido de carbono. Tamén se ten rexistrado en Estados Unidos contaminación do aire por benceno, axente canceríxeno.

É certo así todo que a alarma é relativa: nun artigo da revista Science de 2013, investigadores da Universidade de Pittsburg en Pensilvania afirmaban que a extracción da gas por fracking “é unha actividade industrial semellante a outras como a extracción de petroleo, en termos de saúde e seguridade ambiental para os traballadores, así como en termos de impacto medioambiental.” Pero até agora, os xacementos petrolíferos ficaban moi lonxe da nosa casa, e a nós chegábanos con pagar aos países árabes o petróleo alí extraido quen sabe en que condicións de explotación humana e de estragos na natureza.

Poderiamos discutir as vantaxes e desvantaxes do fracking fronte a extracción convencional de combustíbeis fósiles ou fronte a outros combustíbeis finitos como o carbón ou o uranio. Mais non debe ser ese o debate.

O que está claro é que a crise enerxética existe. A dependencia dos combustíbeis fósiles en Europa crea unha dependencia de todo o sistema económico e social, do noso modelo de vida. O modelo enerxético actual está en crise irreversíbel: os xacementos convencionais de combustíbeis fósiles esmorecen e os problemas mediambientais do seu consumo son insostíbeis. A dependencia dos paises produtores condiciona a política exterior e tolera gobernos absolutistas e violacións continuas dos dereitos humanos, situacións de escravitude e violencia estrutural ou ocasional.

Xa hai un par de décadas que o “fracking” estase a utilizar de xeito masivo en Estados Unidos, tamén como aproveitamento dos pozos petrolíferos esgotados. Tamén é certo que a política enerxética estadounidense ten mudado de xeito radical cara á produción de enerxías renovábeis, que permitan a anhelada independencia enerxética e sexan ambientalmente respetuosas. O mesmo xiro -con retraso- estase a producir en Europa. Pero a irrupción do “fracking” a gran escala está a adiar o imprescindíbel cambio de modelo, pois segue a ser máis do mesmo: é certo que alivia a dependencia enerxética, máis só a curto prazo, até que nuns anos xa non sexan de novo rendíbeis os xacementos. Pero o custo para a saúde humana e do territorio non é tolerábel: na nosa sociedade do risco, este é excesivo e innecesario.