Benvido Mr. sistema

O presidente da nación española xustificaba publicamente a existencia de vítimas colaterais en aras da supervivencia do sistema

Non fai moito tempo, no pasado debate sobre o estado da nación, no parlamento español, Mariano Rajoy defendía con vehemencia todos e cada un dos pasos dados polo su goberno e remataba a súa espléndida actuación cunha xustificación vergonzosa con unha lamentable frase que podería, de ser un mínimo decentes, espertar toda clase de críticas e reaccións. O presidente da nación española xustificaba publicamente a existencia de vítimas colaterais en aras da supervivencia do sistema.                  

Poderíamos obviar todas e cada unha das eventuais representacións teatrais ás que nos teñen acostumados durante todo este tempo, as súas aparicións divinas a través do plasma, todas e cada unha das flores rancias que soltan os membros do seu equipo, as duchas en auga fría, o insolente riso da Cospedal, a interminable verborrea incomprensible e inhumana de Soraya mentindo unha e outra vez, as falsas promesas todas encadeadas inevitablemente á realidade, os impostos protexidos, a fame das hipotecas, etc, como no mellor dos monólogos que nos puideramos imaxinar, día tras día, sen trabas nin vergoña. Todo, todo o poderíamos e, polo que se ve, podemos aguantar, mentres a xente vai ao cárcere por sobrevivir, marcha ao estranxeiro para ter unha oportunidade e o mundo empresarial vai derrubando todos os seus cimentos, na máis clara e palpable mostra de que non hai preparación algunha que se corresponda con quen traballa, con quen se preocupou de ter unha cualificación que nunca será entendida. Todo, todo o que queiramos imaxinar, pero … a Rajoy só lle preocupa o verdadeiro Leit-motiv, o sistema, con maiúsculas e sen tapadeira algunha. Claro como a auga que nos leva caendo todo este tempo.                    

E, no espazo de andar desorientado, eu pregunto onde están todos eses defensores do xugo e as frechas, onde están eses amantes da España única, indivisible que non saen co coitelo nos dentes a pedir explicacións, cando o seu nome, a súa idea, o seu sangue é violado de tal forma, de xeito tan punitivo, á vista de todo mundo. Digo isto porque a min non  me colle a pé cambiado, pero que pensará toda esa xente?                    

Realmente, Mariano fíxonos un gran favor a todos, demostrounos dunha vez por todas que a globalización existe, que o capital é quen de controlar aos gobernos e que non importan para nadas as bandeiras, os himnos nin todo ese feixe de alquimistas demostracións de apego cando en realidade a terra non é un sentimento.                    

É por todo isto polo que dende o máis profundo do meu ser teño que darlle as grazas a Mariano, e dicirlle que concordo con el, non podía ser doutro xeito, hoxe a esta restra de apóstatas da verdade, de incautos ananos da intelixencia, heroes perdidos no mundo dos idiotas, fieis orando na consagración da submisión monetaria só lles queda erixir un gran monumento para este gran home incapaz de reprimir os seus verdadeiros motivos.                    
Aos demais … nada que asuste, traballar (se podemos), cobrar (se podemos, e cada vez menos) e finxir que nos une un sentimento común, un futuro mellor para os nosos fillos.