BANESTO: o custe da coherencia sindical

BANESTO: o custe da coherencia sindical
Manobras contra a CIG no banco

O pasado ano 2009, Banesto volveu a realizar un novo recorte do cadro de persoal, que en termos históricos  pasou de 21.000 traballadores a cerca dos  9.000 actuais. No pasado mes de outubro, ao mesmo tempo que o Banco  publicaba uns beneficios no terceiro trimestre de 2009, de 669 millóns de euros, foron despedidos 300 traballadores do Banco Español de Crédito, todos eles recoñecidos pola propia empresa como improcedentes.

Por outro lado Banesto, durante os anos 2008 e 2009, ten recibido 1.301.000.000 de euros  de axudas públicas con cargo ao Fondo para a Adquisición de Activos Financeiros.

Neste contexto, como ten sucedido en ocasións anteriores, a Confederación Intersindical Galega, levou adiante unha campaña  de denuncia publica  de tal situación e en defensa do Emprego con mobilizacións  diante das oficinas do Banco, que tivo un especial alcance na provincia de Ourense, onde en citado mes se levaron a efecto, entre outras cousas,  catro concentracións de delegados e delegadas da CIG.

Como consecuencia desta campaña, e a vista de un novo proceso electoral de eleccións sindicais no sector bancario para finais do presente ano  ou principios de 2011, detéctanse na empresa diversas manobras tendentes a minorar a presenza do sindicalismo nacionalista no Banesto.

Entre estas manobras  están:

-O potenciamento dende xa, de candidaturas afíns a empresa (algunha das denominadas de clase), así como inicio de recomendacións ao persoal para que se integre nas mesmas.

-Traslados de persoal sospeitosos  de  encubrir a determinación   un censo electoral favorable as candidaturas afíns a empresa.

-O traslado para unha oficina de 3 traballadores, do Presidente do Comité e membro da CIG, Xosé Manuel Requeixo Abelairas, dende a Oficina Principal de Ourense, co fin de apartalo do núcleo principal de traballadores e onde se encontra un terzo do censo e despois de máis de 34 anos prestando servizos na mesma oficina. (Traslado actualmente pendente de sentencia no TSXG, e motivo de unha campaña específica contra a represión sindical).

Sendo a CIG en Ourense  o sindicato maioritario no comité de Empresa, e ostentando a CIG  a maioría absoluta nos cinco derradeiros mandatos, trátase de minorar a súa presenza e reducir a súa representación a calquera custe.