Banco Malo? Non hai privado bo

S06. SANTANDER, 23/06/07.- El presidente del Banco Santander, Emilio Botín, saluda momentos antes del inicio de la Junta General de Accionistas de esta entidad que se celebró hoy en Santander. EFE/Esteban Cobo
Banco Malo? Non hai privado bo
Para os capitalistas salvar as entidades financeiras é unha obriga. A caída do sistema financeiro poría en perigo o propio sistema económico

Unha das reformas anunciadas polo novo goberno do Partido Popular é a reestruturación do sector financeiro. O primeiro Consello de Ministros aprobou a primeira parte do duro plan de recortes sociais, pero tamén unha nova liña de axuda ás Entidades financeiras por nada menos que 100.000 millóns de euros e unha modificación da Lei de Caixas estatais que permitirá que algunhas Caixas de Aforros que non teñen o 51% do accionariado nos seus novos bancos eviten ter que converterse en Fundacións. Esta nova norma non afecta a Novacaixagalicia propietaria do 6% de Novagalicia banco, para encubrir esa realidade Feijoo anunciou o recurso, tarde mal e arrastro da valoración realizada polo FROB, feito que xa tiña denunciado a CIG no mes de outubro ante a Fiscalía Xeral do Estado.

Creación dun Banco malo (facéndose cargo o Estado do activos inmobiliarios tóxicos das entidades) ou entrega das pequenas e medianas entidades ás multinacionais financeiras estatais previo saneamento e posta en marcha de esquemas de protección de activos (que o Estado se faga carga das futuras perdas), esa é a cuestión... para o Partido Popular. Unha vez mais nesta crise os recortes sociais en nome da "Austeridade" son acompañados de medidas de rescata e salvación do sistema financeiro socializando perdas e privatizando os beneficios. Un como antimilitarista, republicano galego e ateo agarda que a tesoira entre nos orzamentos militares, nos da casa real ou nos 10.000 millóns de euros que percibirá a igrexa católica, pero nada.

O Banco Malo posiblemente obrigaría ao Estado a asumir 100.000 millóns de activos tóxicos, convertendo ao mesmo en propietario de inmobles, pero sobre todo de chan, sería o maior terratenente de Europa. Os que defenden esta alternativa din que no futuro o Estado podería desfacerse destes activos recuperando a medio longo prazo o investimento sen grandes perdas. O Estado facéndose cargo dos pufos para poder reabrir a billa do creto e que continúe a festa!

O Banco Malo non gusta a Emilio Botín, o dono do Santander, entidade que por certo percibiu xunto ao BBVA 8.000 millóns de euros de axudas por parte da Reserva Federal dos USA, nun escándalo non aclarado (hai que lembrar que as entidades que recibiron axudas públicas do Estado Español deberon asumir unha reestruturación). O banqueiro prefire que as entidades con gravísimos problemas (un problema grave o teñen todas), sexan reestructuradas e saneadas polo Estado para posteriormente ser entregadas ao Santander, BBVA o a La Caixa. Tonto non é.

Para os capitalistas salvar as entidades financeiras é unha obriga, a caída do sistema financeiro poría en perigo o propio sistema económico. É por iso que constantemente asistimos a inxeccións de recursos públicos, nunha barra libre obscena, aos bancos.

Como en case todos os debates económicos os medios contribúen a presentar esas dúas alternativas como as únicas posibles, aderezando o debate coas opinión dos expertos.

Todo os bancos privados son malos para a sociedade, ocupan unha posición de privilexio no sector especulativo e polo tanto incluso nos tempos de bonanza traballan contra a maioría social. Si hai que poñer un céntimo nunha entidade para salvala, o lóxico sería que esa entidade se converta en pública, que esas entidades sexan o embrión dunha Banca Pública. Si entre todos salvamos algo, que sexa de todos e que se converta nun instrumento ao servizo de toda a sociedade, como deberían ser os Estados.