Bancaixas

Debemos loitar pola existencia en Galiza dunha caixa de aforros ao servizo do todo un pobo e non dun banco ao servizo dos seus accionistas

O título deste artigo non pretende ser propaganda gratuíta  dunha importante caixa de aforros do levante español, senón o resumo máis cativo que se pode facer do futuro inmediato das caixas de aforro.


As caixas de aforro -até o de agora- foron entidades semi-públicas gobernadas polo tridente  institucións-traballadores-clientes.

Pouco ou nada queda da filosofía que rexeu parcialmente o funcionamento das Caixas de Aforros como entidades que prestaran servizos financeiros á clase traballadora, sen afán de lucro, que posibilitasen revestir os seus beneficios na propia cidadanía a través das súas obras sociais, que primasen o investimento produtivo no seu ámbito territorial, etc.

As Caixas de Aforro non foron nunca precisamente ONGs, pero no último tempo, a diferenza aparencial e real entre unha caixa e un banco, cada vez foi a menos, no filosófico e na práctica diaria: cobran por ter conta, por realizar case calquera transacción, practicamente as mesmas dificultades para os cretos e hipotecas,  entraron de cheo en múltiples operacións puramente especulativas e moi especialmente no negocio inmobiliario, señores que en vez dirixir e representar se cren os propietarios das Caixas, etc. Indiscutibelmente facía falta un cambio de rumbo no funcionamento das Caixas de Aforros.

Sería lóxico pensar que, neste intre, e en base ás causas que orixinaron a actual crise económica e as súas consecuencias, á hora de abordar esa reforma, se tivesen en conta criterios como a necesidade da intervención pública nos mercados financeiros, un maior control do sistema bancario, a necesidade de primar os investimentos produtivos sobre os especulativos, o favorecemento das condicións de creto ás familias, ás PEMES, etc. O papel que deberían xogar as obras sociais da Caixas máis alá de mercar suntuosos edificios para as súas sedes e a organización de festexos varios, a necesidade de democratizar o funcionamento interno das Caixas, etc. Pero non.

O PSOE co acordo tácito do PP, decidiu meterlle man ás caixas, pero en sentido contrario. Mentras a maioría da sociedade ollamos cara unha estampa sicodélica: non só se lle fai pagar a crise ao conxunto das e dos traballadores (suba do IVE, aumento idade xubilación, abaratamento do despedimento, etc.), senón  que premian a quen a provocou, pondo en bandexa  ao capital español e do resto do planeta -e a prezo de saldo- ás Caixas de Aforro, iso si, previamente fusionadas e saneadas con cartos públicos. Non é un agasallo pequeno precisamente: as Caixas representan a metade do mercado financeiro do estado. A metade que até agora non copaban os bancos. Para entendernos, un auténtico chollo: primeiro sanean as caixas con cartos públicos, o FROB adicou 11.200 millóns de euros á restruturación das caixas (o que equivale a todo o orzamento da Xunta de Galiza...). O botín (nunca mellor dito) non está nada mal, chegando algunhas estimacións a cifrar o valor do que se pretende privatizar nuns 100.000 millóns de euros no estado español, algo así como o 10% da riqueza total do estado.

Os pasos fundamentais están dados: rachar as trabas burocrático-xurídicas e a creación dun estado de opinión favorábel a tal reforma.

- O primeiro dos pasos está acadado coa convalidación do Real Decreto-Lei 1/2010 do 9 de xullo que modifica o funcionamento das caixas de aforro. Paso bendicido polos que realmente mandan e que contou co total rexeitamento do Bloque Nacionalista Galego. A partires de agora, entre outras cousas, as Caixas poden emitir "cuotas participativas con dereitos políticos" até un 60% do valor da Caixa. É dicir, accións puras e duras como as de calquera empresa do IBEX-35, e como en calquera desas empresas, as e os accionistas estarán representados na proporción das súas accións nos organismos de dirección. Por se isto non fose de abondo, hai un plan B: as Caixas poden crear un banco e vendelo, quedándose elas coa parte das accións e a obra social, converténdose nunhas fundacións que manterían a obra social cos dividendos que desen as accións do novo banco.

- O segundo dos pasos mediante unha campaña mediática na que coinciden os opinadores oficiais do PP e do PSOE que consigue presentar esta privatización non só como positiva, senón tamén como  algo inevitábel. Transmítese que as caixas están agora desastrosamente xestionadas a pesares de que nada indica que están mellor xestionados os bancos (non fai falta remontarse a Banesto para manter esta afirmación senón que se pode obxectivizar mesmamente cos datos do tan manido estrés-test). Ademais afúndase na criminalización da política mediante a prohibición expresa aos cargos públicos electos de formar parte dos órgaos de goberno das Caixas baixo unha aparencia de "profesionalización da xestión" que o que cuestiona no fundo non a presenza "partidaria" senón a presenza "pública".

Moitos galegos e galegas vimos de dar unha importante batalla para poder manter unha Caixa de Aforros ao servizo Galiza. Por desgraza, non rematamos unha, para térmonos que voltar a pór a fronte doutra: a existencia en Galiza dunha caixa de aforros ao servizo do todo un pobo e non dun banco ao servizo dos seus accionistas.