Banca e fascismo

“Hai que parar o fascismo do Partido Popular” este foi un dos berros máis sentidos na manifestación feita en Pontevedra

“Hai que parar o fascismo do Partido Popular” este foi un dos berros máis sentidos na manifestación feita en Pontevedra polas centrais sindicais o pasado dezasete deste mes en solidariedade cos tres sindicalistas condenados a tres anos de prisión por participar na folga do comercio de alimentación en 2009. Esta referencia ven ao caso pois dende que se puxo de manifesto a crise no ano 2007 tense iniciado un proceso crecente de recortes nos dereitos máis elementais que amosan con claridade un camiño iniciado polo executivo español que se desliza polo gume da navalla do fascismo.            

Baixo o subterfuxio da necesidade de realizar reformas para atallar a crise e poder superala téñense aplicado retallamentos nos dereitos máis fundamentais como a atención a persoas dependentes e enfermas, o empeoramento da calidade do ensino, a intervención de parte na negociación colectiva, a devaluación dos salarios, a reducción das prestacións por desemprego, o alongamento da idade laboral, a incautación dos aforros das persoas, o incremento dos impostos indirectos, as bonificacións aos que máis teñen e que aos que máis defraudan (amnistía fiscal), o incremento da represión e un longo etc.., medidas non so postas en marcha e non anunciadas no programa electoral comprometido senón que tamén son promulgadas mediante decretos leis, sen ningún tipo de debate e lonxe dos “órganos de representación da soberanía do pobo español” como son as Cortes Xerais.            

E é que dende que esta instalado no executivo español o Partido Popular estamos nunha especie de “estado de excepción parlamentar” onde o decreto-lei é o instrumento utilizado para gobernar. So no que levamos de ano van vinteún decreto-lei e temos a ameaza de máis cada venres de Consello de Ministros. Os propios principios rectores desta democracia parlamentar non so se vulneran senón que tamén se prescinden deles agás a modificación do artigo 135 da constitución española feita polo PP e o PSOE no que se consagra o principio fundamental que rexe a acción pública dos Gobernos; o pago prioritario da débeda pública aos bancos sen importar as consecuencias e o custe social que teña.            

Consecuencias entre as que cabe destacar o descrédito da política, o detraemento de recursos públicos para salvar a banca privada, a mingua dos dereitos democráticos máis elementais, a subtracción das decisións aos órganos de representación da cidadanía, a recentralización do Estado e unha maior represión sobre todo aquelo que cuestione este xeito de proceder. Unha mostra disto último pódea representar o valado do Congreso dos Deputados coa clara intención de lanzar unha mensaxe de distancia e desmerecemento da cidadanía coa súa representación, nunha clara intencionalidade de lexitimar o desprezo ás institucións minimamente democráticas e poder gobernar a base de golpes de autoritarismo.            

A xustificación de que hai que salvar a banca para logo facilitar o crédito ás empresas e familias, permitiu evidenciar que de ter “o sistema financeiro máis solvente do mundo” pasamos a sumirnos nun pozo sen fondo, onde o uso dos recursos públicos para salvar a voracidade dun sistema financeiro asentado na especulación parecen non ter límite e alimentan unha nova burbulla como é a da débeda pública, onde agarrotan a nacións e pobos enteiros cun único obxectivo; escravizalos e poñer ao servizo do sistema financeiro todos os recursos públicos. Como explicar que sexa o Estado quen asuma a responsabilidade do résgate na intervención da troica (UE, FMI e BM) e que sexa esta quen dicta as medidas que o Goberno debe poñer en marcha empobrecendo a vastas capas da sociedade, chegando a limites da miseria máis absoluta e privando das necesidades máis básicas a miles de persoas. Por certo, onde esta o españolismo reinante reivindicando a perda de soberanía de España con esta intervención mestres o Goberno do Estado actúa sen piedade e machucando e invadindo competencias das nacións do Estado?. Esta recuperación das competencias transferidas tamén ven acompañada dunha hipotética austeridade da administración pública como é o caso de reducir concellos, reducir representación nos parlamentos ou potenciar as deputacións; sibilino xeito de reformar a lei electoral pola porta de atrás e dar outro golpe antidemocrático pois reduce as posibilidades das organizacións políticas con menor representación e concentra a presenza nas institucións dos representantes do bipartidismo sistémico imperante. En definitiva, a crise criada polo sistema financeiro permitiulles pisar o acelerador na requisa dos recursos públicos, poñer os gobernos ao seu servizo, baleirar de contido as administracións públicas e esmagar os dereitos conquistados ao longo de tantas loitas e xeracións. Non é casual que o único que alce a voz para rescatar os nosos dereitos sexa o nacionalismo galego como o ven demostrando ao longo destes anos. Sabémolo que non so hai que pararse e deixar facer senón que debemos estender a conciencia de que so coa recuperación da política ao servizo da inmensa maioría das clases sociais, nomeadamente das traballadoras, coa mobilización e o compromiso e facéndonos valer como pobo recuperando a nosa soberanía podemos parar este camiño que se desliza cara o fascismo.