Asasinato premeditado do rural galego

Asasinato premeditado do rural galego
Lei tras lei, actividade política tras actividade, vemos como só prexudican a un rural cada vez máis despoboado e degradado

Acontece que vivimos nun goberno miserento que ten como único fin dar un resultado de contas ao final do ano. Este resultado non ten a ver co desenvolvemento do país senón con ser vasalos do estado que pretende dar un resultado de contas anuais ao imperio alemán.        

Acontece tamén, que os lacaios asasinos do estado español teñen como mecanismo de conseguilo a explotación dos traballadores e traballadoras do noso pobo, deixando tranquilos aos intocábeis empresarios.      

Nestes días vimos de rematar as vendimas nas distintas D.O.S do noso país. Como é sabido, esta actividade é a base económica das comarcas vitivinícolas e é unha economía eminentemente familiar. A maior parte das explotacións están a nome de xubilados ou simulados, e son estes quen se ocupan do seu traballo.    

Nestas comarcas do rural galego as pensións son moi pequenas e temos un nível de paro elevado, así é que, @s pensionistas, desempregad@s e estudantes aproveitamos estes días para axudar ás familias na economía doméstica. Os soldos non son moi elevados pois o sector non atravesa os mellores anos, as colleitas son boas mais a uva págase por baixo do custe de produción e o goberno non axuda a que isto se regularice.    

Pois ben, parece que esta información da situación do rural galego non lle foi enviada ao goberno. É así, que ano tras ano envía aos seus lacaios (os inspectores de traballo) a recadar. Envíaos cal corsarios a incrementar as arcas do reino. Dun xeito totalmente medieval chegan á vila, bolígrafo en man a multar a todos aqueles infractores. Dentro deste apelativo atópanse os antes mencionados, xubilados que levan o seu tractor con uvas, desempregados que pretenden gañar para pagar a comida dos seus fillos – os seus miserentos 400 euros non chegan- e estudantes que queremos axudar ás nosas familias no esforzo de manternos na universidade.      

Este só é un exemplo de como o goberno central executa, a través dos seus servos en Galiza, ao rural galego, enterrando baixo a gran lousa da emigración de novo.    

Dada a necesidade de traballo destas zonas o normal sería que os concellos da bisbarra se puxeran d'acordo para establecer un seguro conxunto ao que se puideran acoller os vendimadores sen necesidade de que os colleiteiros e viticultores do común tivesen que facer fronte á alta da seguridade social por catro días. Claro está que non falo en ningún momento das adegas e cooperativas que como empresas deben ter asegurados aos seus asalariados.      

Mais isto só é unha anécdota da política de samesugas que practica o Partido Popular. Se os soldos son baixos e as familias son sustentadas, no rural, polos nosos avós, se moitos destes avós foron emigrantes e traballaron fóra da súa patria; hoxe ven como lle son reclamados vía impostos o froito do seu traballo. Isto non sería problema se non for que os tratan de delincuentes póndolle multas millonarias desde facenda.      

A clara intención do Partido Popular de asasinar ao rural é cada vez máis palpábel. Lei tras lei, actividade política tras actividade, vemos como só prexudican a un rural cada vez máis despoboado e degradado.          

Mais coma sempre o pobo galego falara e como sempre tamén ira acompañado do nacionalismo galego para defender os seus dereitos, e é así que, estamos a traballar para que este pobo se organice e lle plante cara ao exército rapiñador do estado español.