As crises con fútbol son menos crises

As crises con fútbol son menos crises
Haberá crise, pero moitos gastan seus 70 ou 80 euros en mercar a camisola oficial da selección

Cando este artigo saia á rede será o momento da convalidación do decreto da reforma laboral que, como non, redundará en beneficio dos mesmos de sempre e pagarán as clases traballadoras; pero desta vez non haberá problema, incluso a prensa case nin dará conta do tema porque no día anterior "la roja" gañará o seu partido contra Honduras e converterase na noticia máis cegante do día.

Non importará que a maioría dos telespectadores non saiban absolutamente nada sobre a equipa hondureña nin sobre o seu pais, non importará se son bos ou non xogando ao fútbol, non importará se ese país estivo hai medio ano vivindo unha situación esperpéntica de golpe de estado, o que importa é que están no mundial e hai que gañalos para que as bandeiras volvan ondear ao vento e os españois deixen de pensar nos problemas: Pan e circo.

Haberá crise, pero moitos gastan os seus 70 ou 80 euros en mercar a camisola oficial da selección. O metro madrileño e un bo lugar para facer socioloxía instantánea: Nos primeiros días do mundial, antes do debut coa Suíza, proliferación de camisolas vermellas e amarelas e ánimos acesos: xa tiñan gañada a copa antes de empezaren. O día do partido centos e centos de camisolas e orgullo patrio por onde pasaban. Ao día seguinte, ao perderen, a cousa era diferente, ninguén coa camisola "roja", que unha cousa é facer patria e outra facer o parvo.

Os medios de comunicación axudan grandemente ao lío "Consigue tu bandera por 1 € con ABC", e as empresas facendo publicidade; en lugar do escudo da coroa, a marca publicitaria do whisqui segoviano ou de calquer outro, todo por axudar a algo que tantos anos de españolismo non conseguiran: Que os españois amen esa bandeira. E o van conseguir. Polas rúas vense ex militantes de esquerdas lucindo fachendosamente o palmito roji-gualdo sen sentir contradición calquera coa súa ideoloxía.

E mentres tanto a folga xeral convocada para setembro por CC OO e UGT soa para moitos como algo que non se quere facer. Semella que os grandes sindicatos españois convocan coa boca pequena, a ver se polo camiño até alá pasa algo que a evite. O paro aumenta, os que teñen traballo tremen ante o que poida pasar, os funcionarios locais temen que o seu concello chegue a unha débeda tal que se vexa na obriga de facer un ERE, as administracións públicas seguen a ser os maiores proveedores de traballo temporal de todo o Estado... pero non pasa nada, España vai ser campiona do mundo

O fiasco non  recoñecido da folga do funcionariado achácase a ser este un sector inmobilista, un sector privilexiado asentado nas súas prebendas, pero se focamos ben os lentes e poñemos os de mirar polo miúdo, atopámonos con que case o 25 % dos traballadores/as públicos  son temporais, algúns deles incluso van encadeando contratos un ao outro ao longo de até 10 ou 12 anos, cantas empresas privadas manteñen ao mesmo traballador ou traballadora como temporal durante esa enormidade de tempo? E cando un, malia ter unha antigüidade de tres trienios, segue a darse de alta no INEM cada decembro e agardando a ver se hai sorte e o volven chamar en xaneiro, non ten o corpo para xogar aos compromisos sindicais.

Desde o Ministerio e as Institucións énchense a boca coa necesidade de potenciar as políticas activas de emprego, de feito, os programas de traballo temporal nos que un licenciado non chega aos mil euros e dos que hai a centos por todas as institucións públicas, forman parte das políticas activas de emprego. 

E, que dicir da formación dos traballadores e traballadoras. Dos máis de 13,5 millóns de contratos laborais que se asinaron no ano 2009, ao redor de 2 millóns tiveron unha duración aproximada de unha semana. Que corpo aguanta non saber se vai ter traballo ao mes que vén e estar facendo tranquilamente un cursiño neste?

Alguén viu algunha vez unha avaliación da eficacia da formación para o emprego? Alguén sabe cal é a efectividade real dos cursos de formación para o emprego respecto á recolocación ou reinserción do alumnado? Pero eso será tema para outro día, porque hoxe o desemprego non é problema, hoxe o importante é ver cantas bandeiras máis colgan dos balcóns. O circo pode máis que o pan.