A xubilación do noso agro

A xubilación do noso agro
O Conselleiro Samuel Juárez non é quen de asumir as súas reponsabilidades e ter un proxecto agrario de futuro
Estes días, está no candeleiro o debate das xubilacións, que se o goberno do PSOE quere aumentar a idade até os 67 anos, que se temos que facer plans de pensión, etc. Menos mal que aínda non nos queren quitar a Xubilación por incapacidade, pois en según que profesións é difícil atopar quen chegue os 65 anos en condicións de defender o seu traballo, aínda que hai quen nunca estivo capacitado, e sería moi recomendábel darlle a invalidez absoluta por non poder realizar as súas funcións. No caso dos labregos e labregas temos un que o merece, e teno ben gañado, neste artigo vou tratar de demostrar a condición de invalidez do señor Samuel Juárez, que quén é? pois non é otro, mais que o señor conselleiro do Medio Rural, abonda con resumir a política desta consellaría no último mes, para decatarse do seu grao de invalidez.

Este dirixente político, encargado de orientar e definir as políticas agro-gandeiras para o noso País está actuando de xeito totalmente agresivo contra dos nosos intereses. Empeñado en botar abaixo todos os logros acadados co anterior goberno nacionalista na consellaría do medio rural, o señor Juárez non ten ningún reparo en paralizar certas medidas estruturais xa en funcionamento.

Quixera citar algúns exemplos prácticos:

1º.- Ten paralizados a maior parte dos proxectos das unidades de xestión forestal (UXFOR) destinadas a promover o aproveitamento, de forma comunitaria, dos montes abandoados, e mentres dura a "parálise" seguiremos a ter un monte improdutivo que nun futuro curto voltará a ser pasto do lume.

2º.- O Banco de terras de Galiza, (BANTEGAL), destinado a promover o arrendamento de terras de cultivo en situación de abandono, medida moi atinada sobor de todo para a gandeiria, xa que incidía positivamente no abaratamento dos custos de produción (recoñecido polo propio conselleiro nun discurso na coperativa Feiraco), tamén segue "paralizado" no caixón.

3º.- O sector lácteo está a atravesar un momento delicado polos altos custos de produción (debido a necesidade da compra de insumos), e con baixos ingresos (pola caída dos prezos do leite). As explotacións están a piques da creba económica, e sae o señor conselleiro púbicamente dicindo que as partes (produtores e industria) teñen que achegarse para acadar o contrato homologado. Pero que fai o máximo responsábel? pois en lugar de traballar polo "achegamento" o señor conselleiro danos "consellos", graciñas pero para eso non o precisamos, pode seguir coa sua "parálise".

4º.- O sector de vacún de carne, leva anos subsistindo coas axudas estabelecidas pola UE para compensar as caídas dos prezos (na explotación, non no mercado). Na anterior lexislatura o nacionalismo puxo en marcha medidas para compensar a difícil situación económica das explotacións de carne de vacún: coas axudas a razas autóctonas, e o contrato de explotación sustentábel, nestes días a  consellaría reduciu de xeito considerábel as contías, destinando a razas autóctonas 1,5 millóns de euros menos, e una redución de 5 millóns de euros para as explotacións sustentábeis.

5º.- Na comarca da Limia, chove sobre mollado, e nunca mellor dito, pois veñen de declarar a maior parte dos terreos destinados a produción da pataca como zona de protección de aves (ZEPA), incumplindo una promesa electoral, e un acordo do parlamento galego (a proposta do BNG) que foi aprobado por unanimidade, no cal se facía referencia a que se negociaría coas partes afectadas antes da declaración de zona como ZEPA. Logo veu o temporal que destruiu a colleita de cereal de inverno, máis de medio millón de euros de perda, sen contar os destrozos nas naves de almacenamento de maquinaria e patacas onde os donos destas teñen que facer garda (ao mellor estilo do "oeste" americano) para que non os rouben. Ante esta situación nas terras da Limia, o señor conselleiro, onde está? Segue a parálise!. Polo que eu puiden saber, na Limia o PP está máis preocupado polo futuro alcalde de Xinzo (se baltarista ou feixoista) que polos problemas dos deus veciños e veciñas.

Se diante desta situación de "parálise", na que o futuro do noso agro se ve seriamente comprometido, o señor Samuel Juárez non é quen de asumir as súas reponsabilidades e liderar un proxecto de futuro, haberá que solicitarlle a xubilación anticipada por incapacidade, pois pedille a dimisión sería tempo perdido...