A trepia
De que se fala cando o mundo todo fai referencia á troica?
Dende o comezo da reestruturación económica e institucional que estamos a padecer nesta Unión Europea totalmente ao servizo do capital financeiro, síntese moito falar na troica, termo antes esquecido ou referido a outras realidades. Moitas veces as palabras serven para resumir un concepto máis ou menos estenso ou concreto, pero tamén axudan a opacar ou mistificar o seu significado. Deste xeito, a forza de repetilo e utilizalo por comodidade e rotina, pode perder sentido. Coido que neste caso, ao falarmos seguido da troica, estamos a dar corpo, vagamente, a unha realidade inapreixábel. Semella que o que se agacha detrás dese nome son simples homes de negro, que non hai uns suxeitos reais, inimigo concreto identificábel. Pero si, non só as consecuencias das súas políticas son terríbeis e palpábeis, tamén ten que facérsenos visíbel, mutábel o que se agacha detrás dese significante: unhas persoas e entidades ás que se pode derrotar. A troica en si non é unha institución constituída formalmente, por tanto quizais conviría pararnos un pouco para ver que hai detrás diso, quen a constitúe, que persoas e institucións lle dan forma, como traballan, cal a súa traxectoria e lexitimidade. Quizais deste xeito poidamos comezar a vencelos.
Comité de tres elementos, trenó de tres cabalos, tres pés, trepia. Estes son: o Banco Central Europeo, A Comisión Europea e o Fondo Monetario Internacional, tres bos instrumentos a través dos cales, aquí e agora, o capital somete aos pobos de Europa en función dos seus intereses.
O BCE
O Banco Central Europeo, como boa parte da megaburocracia da Unión Europea, quizais nos fique lonxe nos seus cometidos, utilidade e mesmo xeograficamente; o que non é posíbel evitar é sofrermos as consecuencias das súas políticas. Dirixe a política monetaria da Unión Europea grazas á delegación desta competencia fundamental que os estados lle teñen ido facendo logo da adesión e dos diferentes tratados europeos. Encárgase de aplicar regulamentos, recomendacións e directivas neste importantísimo eido como son as políticas financeiras, e, claro está, no sentido de aprofundar na liberlización financeira, de coñecidas consecuencias.
Está dirixido por unha Comisión Executiva, con presidente, vicepresidente e catro vogais, eleitos polo Consello Europeo por un período de 8 anos e logo de consulta –só consulta- ao Parlamento Europeo. Isto é, vintesete xefes de estado e de goberno da UE máis o presidente da mesma e o presidente da Comisión Europea nomean a quen directamente manexa os chamados resgates de países. Mario Draghi é o seu actual presidente, pertencente antes ao Banco Mundial, ao G7, expresidente da comisión de privatizacións italiana e director xeral de Goldman Sachs entre 2002 e 2005. O vicepresidente é arestora Vítor Constâncio, socialista comprometido dende primeira hora coa integración de Portugal na Europa dos mercaderes, exgobernador do Banco de Portugal ao que se lle pediu a demisión en 2009 por recusar o envío de información ao parlamento do seu país logo do escándalo de nacionalización e posterior venda do Banco Portugués de Negócios. Os catro vogais restantes presentan uns bos currículos vencellados a institucións sistémicas como o Banco Mundial, o FMI ou a OCDE.
Alén da Comisión Executiva, os gobernadores dos bancos centrais dos países da moeda única europea conforman o seu Consello, dando como resultado unha composición esmagadora: 21 homes, 0 mulleres. Non son accesíbeis as actas das súas xuntanzas, e unicamente fan unha rolda de prensa mensual, cando son os responsábeis da política monetaria que afecta 500 millóns de persoas.
O FMI
O Fondo Monetario Internacional ten unha traxectoria máis longa no tempo e na inxerencia nas políticas internas de moitos máis países de todo o mundo. A súa asemblea está composta por representantes de cada país membro, pero a capacidade de voto está en función da contribución que cada un faga, co cal os EUA teñen o dobre de poder có seguinte país con máis dereitos de voto. Na súa Dirección Executiva hai vinte e catro representantes, oito deles permanentes (onde EUA é o único con dereito a veto nas decisións) e outros dezaseis son eleitos bianuais en función de grupos de países.
Calificado como apático e mesmo hostil aos valores democráticos, os dereitos humanos ou os dereitos laborais, o FMI tivo todos estes anos unha especial querenza polas ditaduras militares. En vinte e un países dirixidos por réximes deste tipo, máis da metade da débeda contraída no último medio século foi responsabilidade directa dos respectivos gobernos ditatoriais. O FMI atinxía así un dobre albo: acadar inxentes recursos destes países por medio da devolución da débeda e os xuros durante décadas e someter as súas economías á colonización do capital financeiro estranxeiro por medio do cumprimento das súas “recomendacións” económicas. Todo isto sen permitir oposición ningunha interna dos pobos deses países. En numerosas ocasións os empréstimos do FMI teñen levado países enteiros á bancarrota, como pode ser o caso de Arxentina en 2002.
Os nomes dos tres últimos presidentes desta institución son abondo significativos en por si para aforrar maiores comentarios: Christine Lagarde, Dominique Strauss-Kahn e Rodrigo Rato. A actual delegada do goberno Obama no FMI (lembremos que é a única nación con dereito a veto) é Meg Lundsager, que recentemente mantivo un papel moi belixerante co impagamento da débeda soberana de Arxentina.
A súa función de supervisión da política económica faise mediante “recomendacións” e “asesoramento” aos países, e facillita “asistencia financeira” se estes aplican un programa económico ultraliberal. A día de hoxe, os maiores países prestatarios do FMI, alén de México e Polonia, son os que teñen sofrido a crise europea: Grecia, Portugal e Eire, que deberán devolver bastante aumentados 23.700 millóns de dólares os dous primeiros (cada un deles) e 19.500 millóns de dólares o terceiro.
Canda o FMI, en 1944 en Breton Woods creouse o Banco Internacional de Recursos e Desenvolvemento, xerme do Banco Mundial, estreitamente vencellado á banca privada, como o demostran os seus actuais dirixentes con fortes relacións con J.P.Morgan, Chase Manhattan Bank ou Goldman Sachs.
A CE
A Comisión Europea é o executivo de goberno da UE, cuxo presidente (na actualidade Jose Maria Durâo Barroso) é eleito polo parlamento europeo, non así o resto dos membros do seu gabinete, froito das componendas entre os diferentes estados e que só precisan de seren refrendados en conxunto. Na actualidade xa non se lle poden ocultar a ninguén os défices democráticos de todas as institucións europeas, o seu verdadeiro carácter escurantista e ao servizo dos poderes económicos e contra as maiorías sociais.
Estamos, xa que logo, ante instrumentos do poder polítco e económico, cos obxectivos de executar a escala global as políticas que a aquel lle conveñen. Mesmo os aspectos de funcionamento democrático dentro das propias institucións desta troica non foron nunca moi procurados, pero na actualidade nin sequera gardan as formas para revestirse dunha certa lexitimidade democrática. Os pobos non contan en absoluto dentro dos seus cálculos e ecuacións, e moito menos unha Galiza non dona do seu destino, que se olla obrigada a participar no mundo e en Europa a través dun Estado Español oligárquico e contrario a toda idea de democracia e dereitos das persoas e as nacións que nel viven. O FMI, a BCE, a CE, entre outras, son superestruturas funcionais para o poder, e son demasiado potentes, demasiado escuras e tan totalmente opacas que fan que sintamos unha nula capacidade para influír nelas. Se a súa feble e indirecta lexitimidade vén dada polas decisións de representantes dos gobernos dos estados que nelas participan, non é indiferente quen son eses suxeitos políticos e que tipo de políticas defenden.
Para alén, a contestación directa e o enfrontamento aos seus ditados debe practicarse en cada lugar concreto e en cada intre. Chipre así o demostra agora. Grecia leva enfrontando as medicinas da troica xa moitos meses, que son as mesmas de sempre: baixada de salarios e pensións, aumento de impostos, diminución do estado para engordar as contas das compañías privadas. Para dicir iso mesmo dende hai décadas excusaban dispor das lexións de miles de tecnócratas que traballan nestas entidades. En Portugal saben ben do tema logo da sétima visita da troica para comprobar se se cumpriron os seus designios de roubar o pobo para engordar a banca internacional. Aumento das taxas, suspensión do subsidio de ferias aos e ás traballadoras, sobretaxa á renda son as últimas novidades esixidas. As consecuencias: recesión, paro e pobreza. Por iso xurdiu o maior movemento de oposición a estas políticas en moitos anos e din “Que se lixe a troica!”.