A riqueza eximida de impostos

A riqueza eximida de impostos
Un Estado que reforma a súa constitución para prohibir o reequilibrio social mediante o endebedamento

A cotío, adoita usarse a terminoloxía para enmascarar os conceptos ou alixeiralos da súa carga política. Caso exemplar é o debate, que parece que agora colle carreira, sobre a mal denominada recuperación do imposto de patrimonio. E digo mal denominada recuperación, dado que o que realmente se fixo foi establecer unha exención do cen por cen para todos aqueles e aquelas contribuíntes que estaban obrigados a efectuar esa declaración en función da súa riqueza. Pois ben, ao parecer a utilización do termo patrimonio rebaixaba e rebaixa socialmente a interpretación real que calquera de nós podemos facer da situación económica deses contribuíntes que superan a anos luz de distancia os ingresos da maioría social do noso País e do Estado. E rexorde agora o debate pola posibilidade de que o goberno do PSOE decida anular esa exención e recuperar a aplicación efectiva dese imposto, co fin de aumentar a recadación fiscal.

O argumento que manexou o propio PSOE no ano 2008 para a súa "eliminación" foi o de que gravaba dobremente as rendas da clase media. Velaí os datos do último exercicio de recadación, en 2007, para derrubar tal teoría e demostrar que pouco máis de 47.000 persoas, do preto do millón de contribuíntes deste imposto, -e que tiñan patrimonios superiores ao millón e medio de euros-, sumaban eles sos, a metade da recadación total derivada deste imposto (2.121 m €). Sen falar dos patrimonios que se agochan detrás da creación dunha sociedade ou das escuras SICAV. Cómpre ademais lembrar que a vivenda habitual e o domicilio de traballo no caso dos autónomos estaban exentos, e gravaba a riqueza que posuían as persoas cunha base impoñible superior aos 108.000 euros, despois de excluír as hipotecas, débedas e cargas de bens e dereitos. Polo visto, e volvendo o argumento utilizado no seu día polo goberno do PSOE, este Estado posuía unha "clase media" ben acomodada. Por suposto a realidade era e é outra, xa que estamos falando de cifras que supoñen máis de 12 veces o salario mínimo interprofesional anual dun traballador ou case 14 veces a pensión anual media dun dos nosos maiores lucenses.

Por certo que este imposto estaba cedido ás comunidades autónomas, e o PP foi dos primeiros en abandeirar a súa desaparición efectiva. Por obra do PSOE e aplauso do PP,  desta maneira Galiza perdeu capacidade recadatoria e ingresos ao deixar de ingresar  este imposto, escusa repetida que agora o PP de Feixoó utiliza día si e día tamén para recortar servizos públicos. Cómpre ter en conta que no caso de Galiza, os datos de 2007 da Axencia Tributaria cifraban en máis de 53.000 os declarantes e en máis de 81.000.000 de euros a cantidade que perdeu o celeiro dos cartos públicos galegos.

Uns e outros, PSOE e PP, enleados en se sacar ou subir impostos é de esquerdas ou de dereitas. O caso é que ambos os dous apostan polos impostos indirectos que pagamos todos e todas, independentemente dos nosos ingresos, e por medidas de apoio directo á banca. A última, a baixada do IVE para a adquisición de primeira vivenda, nun intento desesperado de favorecer os balances das entidades bancarias, as maiores inmobiliarias do Estado. Medida sumada ás destinadas a permitir a contratación temporal eterna e  precarizar aínda máis o mercado laboral, impoñendo o límite dos contratos de formación nos 30 anos de idade.  

Con este panorama laboral e social mal nos podemos enfrontar á compra dunha vivenda ou a reclamar os dereitos laborais nas empresas. Non me sorprende o medo da xente ao futuro, tanto dos novos como dos vellos, porque cada día é máis difícil chegar a fin de mes. E en lugar de aplicar medidas que aposten pola creación efectiva de emprego estable e permitan incrementar os ingresos das unidades familiares, todas as medidas que aplican van encamiñadas a contentar a eses famosos "mercados", nunha dinámica que parece non ter fin. E niso PP e PSOE sempre están de acordo. Velaí o acordo de modificación expres da outrora supostamente intocábel Constitución española. Abáfannos coa s mensaxes apocalípticas da "ruptura" do Estado para rexeitar calquera modificación que aposte polo recoñecemento dos nosos dereitos nacionais, pero non teñen reparo en afogar "constitucionalmente" os servizos públicos ao suprimir o que deu en chamarse "estado do benestar" mediante a prohibición expresa do condenado déficit público, precisamente un  Estado que está moi por debaixo da media europea de investimento de PIB nos servizos públicos. Iniciativa á que o BNG xa se opuxo no Congreso. E a mantenta, vaise facer sen referendo polo medio, sen preguntarnos a cada un e unha de nós que nos parece. Xa  están os partidos estatais para decidir eles sos o que é o mellor para todos os cidadáns, nun alarde de falsa aparencia, porque todos sabemos que quen tomaron esa decisión foron Francia e Alemaña co brazo do Banco Central Europeo(que seica son uns deses famosos mercados). E alá van a correr Zapatero, Raxoi e tamén Rubalcaba a cumpriren os designios dos seus mentores.

Pasaron moitas cousas neste atípico verán, e todas me fan pensar no mesmo: canto traballo temos por diante. Canto esforzo persoal e colectivo vai requirir ser quen de trasladarlles aos galegos e galegas que a presenza do BNG en Madrid é vital para o futuro real do noso país. Aínda que haxa que non queira velo ou ande máis preocupado por liortas malintencionadas.