A río revolto, ganancia de pescadores

A río revolto, ganancia de pescadores
A crise é a excusa para incrementar a productividade e empeorar as condicións de traballo

COASA (Compoñentes Aeronáuticos COASA Sociedade Anónima Unipersoal) empresa que forma parte do Grupo AERNOVA AEROSPACE,  con arredor de 40 centros de traballo, distribuídos polo estado, e  varios países do mundo,  iniciou  a súa actividade en Ourense no  Parque Tecnolóxico de Galicia no ano 2001, e   actualmente conta con 261 traballadores no seu cadro de persoal.

Obtendo  importantes beneficios desde o inicio da súa actividade en Ourense, coa escusa da crise económica ameaza con un expediente de extinción de contratos que afectaría a 37 traballadores e traballadoras.

Tal ameaza de expediente de extinción de contratos, sitúase no tempo a raíz do intento do Comité de Empresa de actualizar un Acordo de Empresa que melloraba  varios pluses recollidos no Convenio Xeral de Industria Química, e cando o Convenio estatal de aplicación acaba de prorrogarse integramente no Seu contido, sen incremento salarial algún  para o ano 2010, coa convivencia dos sindicatos estatais CCOO e UGT.

Partindo da conxelación salarial contemplada no antedito convenio colectivo, a empresa aproveita as reunións de negociación do Acordo, para tentar impoñer  unha flexibilidade horaria  e de quendas  a carta, engadindo  unha redución dos tempos Standard  para aumentar a produtividade, e ameazando que si elo non se acepta, pasaría  xa directamente a un Expediente de Extinción de contratos.

Ante esta situación de conxelación salarial e de empeoramento  das condicións de traballo, foi celebrada unha asemblea convocada polo Comité de Empresa o día 24 de abril de 2010, no salón de actos do ATENEO DE OURENSE con grande participación do cadro de persoal, na que foi sometida a referendo a proposta da empresa, sendo rexeitada esta  por  unha ampla maioría de traballadores e traballadoras a pesar das devanditas  ameazas de despedimentos por parte da empresa.

En resposta á firmeza dos traballadores, con data 3 de maio a empresa, presenta o Expediente de Extinción de Contratos, con que tiña ameazado ante a Delegación Provincial da Consellería de Traballo de Ourense.

Nas preceptivas reunións do Expediente entre a Empresa e os representantes legais dos traballadores, empeza a aflorar unha nova ameza consistente en desviar a produción a outros centros de traballo do Grupo, como xustificación para os 37 despedimentos  se non se aceptan a flexibilidade e o aumento de produtividade.

Dende a CIG, como sindicato con presenza no Comité de Empresa, manifestamos a nosa oposición ao expediente, e recollendo o sentir maioritario da asemblea non estamos de acordo en que baixo o pretexto da crise, se aumente a flexibiliadade,  se empeoren a condicións de traballo e se aumente a produtividade a costa dos traballadores e traballadoras, baixo ameazas que non teñen xustificación.