A retranca non para, como a cabeciña

A retranca non para, como a cabeciña
Non lle deades voltas á cabeza, que non hai moito que pensar, todo é moito máis sinxelo do que parece

Non lle deades voltas á cabeza, que non hai moito que pensar, todo é moito máis sinxelo do que parece.

Nos tempos inmemoriais, había un xeneral dun exercito (que disto o exercito sabe moito, os de antes, claro, ou iso supoñemos polo que nos transmitiron) que lles facía enterrar as baixas que tiña da súa tropa aos inimigos que lograran capturar, nun acto de disciplina e de ingratitude ao que eles acababan de causar, illando da súa responsabilidade as baixas contrarias.

Aquí ven pasando o mesmo. O resultado destas últimas eleccións non son unha sorpresa, non son unha volta do soberano pobo á dereita (que xa estaba imposta baixo o teito dun PSOE esquivo coa xente e submiso cos poderes establecidos, enténdase Unión Europea, FMI, Banco Mundial, etc) senón un exemplo de madurez incrible que deberíamos ter en conta.

Haberá quen opine que non se pode poñer o lobo a coidar das ovellas, pero se o lobo está moi mantido e foi criado dende moi novo entre as ovellas... ao final convertese nun máis da familia ao que acoller a pesar das súas substanciais diferenzas.

O pobo falou, tamén é certo que as radios, as cadeas de televisión, os xornais, etc, todos eles neutros, por suposto, e sentenciou. Si se fan políticas de dereitas, polo menos que as fagan os orixinais, non queren copias absurdas, non imos andar de prestado e con baratezas que nos quiten creto diante das amizades perigosas. As verbas do pobo son claras, simplemente compre interpretalas adecuadamente. Os socios e socias da dereita, eses que campan ás súas anchas por chans de puído mármore, eses que alternan en lugares exclusivos, eses que nos falan da prima de risco (que eu nunca sei cal é dentro da miña extensa familia, que si non... vaia se mandaba lonxe de viaxe) cunha familiaridade pasmosa como si nós, acólitos profanos, a manexaramos día si, día tamén, eses que especulan na bolsa e malversan os fondos públicos con tanta facilidade, todos eses e moitos máis que non collen neste teclado, son o verdadeiro leit motiv do soberano pobo que cunha inusitada alegría e habilidade puxo aos culpables de todo este desaguisado ao fronte, tal pelotón de fusilamento antes as vítimas inocentes dunha guerra allea e pragmaticamente útil.

Vístedes algunha vez tamaño despregue de estratexia? Que grande, isto recórdame á famosa lexión romana manobrando destramente ante os irredutibles galos da aldea sen nome na que habitaba Asterix e compañía. Ti guísalo, ti cómelo.

Efectivamente hai pequenos efectos secundarios sen importancia, pero que estamos dispostos e dispostas a asumilos coa maior da compracencia para colaborar na reestruturación desta grande nación. Ter que pagar polo uso dos servizos sanitarios, devolver a educación aos niveis didácticos mínimos, fomentar o privado ante o público, colaborar cos pírricos emolumentos dos grandes praceres da banca, etc son simples probas, metáforas que nos podan ensinar o camiño do futuro, con sangue que é como mellor entra.

É aquí, estimados electores, perdón, lectores e lectoras o enxeño non ten traba e por unha vez síntome ledo desta común decisión e agardo impaciente noticias de gurb, perdón quería dicir dos mercados para ver si por fin se lle pon nome, apelidos e extracto bancario aos amigos e amigas aos que lles debemos tanta agudeza de enxeño, por iso de estar informados.

Por certo, para rematar con algunha aclaración que considero oportuna, o de os "hilillos de plastilina" só era unha broma para ver si estabades atentos e atentas, e o da famosa prima de risco que hoxe mesmo volveu a subir é un detalle sen importancia, simplemente é que no resto do mundo aínda non entenderon isto da retranca galega.