A República independente da miña casa

A República independente da miña casa
Asistimos diariamente ao ensalzamento do eu, do meu, do propio

Hai pouco unha multinacional abriu unha sucursal na Coruña. AÍnda que xa era coñecida desde hai moito tempo, nos últimos tempos fíxose especialmente famosa por unha exitosa campaña publicitaria co lema «República independente da túa casa». Non resulta rechamente que empregase palabras que son tabú no discursos público, República e Independencia?

O certo é que estaba a xogar coa liberdade individual e tras esa bandeira vendíanos (ademais dos seus produtos) a idea de que podemos decidir por nós mesmas que todo está nas nosas mans, que o único importante é un mesmo e o que lle poda suceder.

Cada día ao noso redor convivimos máis e máis co concepto da realización individual.  Os medios de persuasión de masas transmite un esquema de pensamento individual, para que cada un pense en si mesmo, só nun mesmo. Non queren que pensemos nas necesidades colectivas, nun nós.

Desde sempre o liberalismo clásico e agora tamén o neoliberalismo fainos ver que o individualismo é algo moi positivo e á vez moi lucrativo, que a suma de intereses individuais produce o benestar colectivo.

Así vemos coma na recentemente aprobada reforma laboral, onde se prima negociación individual sobre a colectiva.  Asistimos diariamente ao ensalzamento do eu, do meu, do propio.

O problema desta formulación radica en que é profundamente falso, porque esquécese dun feito fundamental. A capacidade de defender os intereses individuais é diferente en función da posición económica. Aí está a falacia. Eu só non podo negociar con Ikea os prezos dos mobles. Nin podo negociar con Telefónica a atención en galego. Tampouco podo negociar individualmente as miñas condicións laborais. Nese caso, estou vendida.

Xustamente neste preciso momento, nesta situación de globalización (imperialismo) é cando nós non deberíamos mirar para outro lado é cando nós temos que saír e explicar que a sociedade non é a suma de individualidades,  non o é por moito que nos queiran facer crer iso.

Polo tanto temos que vencer a este individualismo atroz para chegar a un benestar a través dun proxecto colectivo de transformación social. É imperativo facelo.