A reforma laboral: paradigma Lugo

A reforma laboral: paradigma Lugo
O informe feito público recentemente pola Fundación CEL – Iniciativas por Lugo con información estatística sobre a realidade socioeconómica das comarcas de Lugo, revela datos interesantes sobre o desenvolvemento de di

Relevancia ten que dende 2007 a 2009 a taxa de paro en Lugo se incrementara nun 4%, situándose na marca máis alta nos últimos 5 anos. Relevancia ten que desapareceran 189 empresas. Relevancia ten que en 9 anos, de 2000 a 2009, se pasara de 56 mil persoas ocupadas na agricultura a 24 mil, un descenso de máis do 50%. 

Isto é salientable pois é exemplo paradigmático do fracaso flagrante do sistema de economía establecido. Ese sistema que dedicou os seus esforzos a ampliar sensiblemente os beneficios do capital, deixando ao pairo a estruturación dun sistema estable de economía baseada nos sectores produtivos e na creación real de emprego.

Os datos de Lugo indican como foi o sector servizos onde unicamente medrou exponencialmente o número de ocupados pasando en 9 anos de 60 mil a 82 mil. Isto non sería negativo, senón fora por que o crecemento do sistema foi claramente desequilibrado. Medrou o sector servizos, pero ao mesmo tempo diminuíu a actividade no medio rural, cando este forneceu historicamente os alicerces da economía lucense. Agora, nunha situación de desmantelamento xeneralizado, a ausencia dese piar fundamental delimita con maior gravidade o futuro. Ningún país desenvolvido desatende a produción agro - gandeira,  ningún país desenvolvido deixa en mans de terceiros a produción de alimentos.

Perante isto, o goberno galego debería ter reaccionado aplicando políticas de recuperación a medio e longo prazo, de xeito que se invertera esa tendencia no sentido de apostar decididamente por recuperar emprego nos sectores lácteo e gandeiro, base indispensable da economía lucense. Desafortunadamente non é así. Da Xunta de Galiza neste asunto, coma noutros, nin se sabe, nin se espera, cando tiña ferramentas creadas (chámese Banco de terras, UXFOR, etc.) polo anterior goberno galego e concretamente  pola Consellería de Medio Rural, que sentarían as bases de estratexias de futuro  para a nosa agricultura na produción e no emprego. Lamentablemente aí si estiveron rápidos para enterralas ou desmantelalas.

A reforma laboral: "outra vaca no millo".

Permítanme a expresión coloquial para definir as consecuencias que a recentemente aprobada reforma laboral vai supoñer no futuro laboral lucense.

Os datos que ofrece o informe Lugo en cifras da Fundación CEL, indica que as modalidades de contrato no ano 2009 en Lugo foron fundamentalmente os eventuais e os de obra e servizo. En total de ámbolos dous, 43308 contratos. Se lle sumamos as interinidades e os contratos en prácticas chegamos aos 52 mil. Os indefinidos e os de fomento de emprego reducíronse en case novecentos. Este é o tipo de emprego que predomina en Lugo.

Conclusión: non era necesaria ningunha reforma laboral. Xa os modelos establecidos no mercado laboral camiñaban inexorablemente cara aos contratos precarios, cara a empregar fórmulas que facilitaban o despedimento, cara sistemas onde o protagonista non era para nada a creación de emprego estable.

E agora, máis e mellor, unha reforma laboral para debilitar a posición de traballadores e traballadoras e seguramente para que o próximo informe de Lugo en cifras, reflicta unha situación máis preocupante se cabe.

En definitiva unha ofensiva máis do capitalismo. A dereita europea, a dereita española (a real e a disfrazada) reconstrúen o edifico do capital sobre os ombros das maiorías sociais, das traballadoras e traballadores. Reconstrúen o edificio cos mesmos materiais pero aínda máis sólidos.

Velaquí por que as políticas de emprego reciben o nome de "mercado" laboral. Mercado convértese na palabra común para definir todo, mesmo a situación dos traballadores, transformados así en mercadoría. E a mercancía neste mercado tamén se transforma en diñeiro.