A por eles, que son poucos e covardes!

A por eles, que son poucos e covardes!
O termo “ crise” está a representar un ser metafísico e maléfico mesmamente como nas relixións teñen os malos espíritos ou no cristianismo o demo

Este parece ser o lema dos discípulos do "Tío Sam"  aproveitando o atolondramento de quen din representar as e os traballadores e servíndose da morte por esclerose daquilo que en Europa chamaron esquerda.

Os capitalistas, que releen con frecuencia os libros que outros tiran ao lixo, teñen claro o que significa a plusvalía, a explotación, a alienación, a acumulación, a socialización, a soberanía dos pobos, a forza de traballo, a loita de clases; e teñen claro ademais que o movemento da Historia é dialéctico, por iso aproveitan para arrepuxar as difíciles e dolorosas conquistas das clases traballadoras douscentos ou tres centos anos  para atrás.

Calquer voceiro ou voceira que se atreva na Europa do século XXI a proclamar aquelo de " igualdade, liberdade e fraternidade"  será considerado  un visionario utópico. É ben triste decatarse que no século XXI non podemos proclamar os ideais da burguesía do século XVIII . A igualdade ninguén se atreve a defendela porque nos convenceron de que é inimiga total do noso medre persoal individual. Nunca se pode ser igual a alguén, sempre hai que estar competindo para ser superior a outro.  

A liberdade é un privilexio reservado a quen corresponde: ao Mercado, ao Fondo Monetario Internacional.... ou sexa, a aqueles que teñen poder e nos din que temos que "facer os deberes", frase que estes días repiten tódolos loros en tódolos micrófonos e que quer dicir que debemos facer aquelo que nos mandan os que teñen liberdade, e que resultan ser os mesmos que teñen poder. Quen lle diría a Lutero ou a Rousseau que o pensamento social dominante no século XXI ía a ser mais atrasado que o deles!

E se non pode haber igualdade nin liberdade moito menos aínda poderá haber fraternidade. Se ter un irmán significa compartir e repartir irías en contra do que hoxe se considera a esencia fundamental da natureza humana: "competir".Ese costume que aínda teñen moitos galegos de prestarse diñeiro entre familiares sen intereses é un hábito tribal arcaico que vai contra os principios sagrados do libre mercado, contra o fisco e contra a propia natureza;  nos negocios débense seguir os principios darwinianos da supervivencia dos mais adaptados, por exemplo neste intre (e xa volvo ao conto) deben permanecer os dereitos e a supervivencia dos que fixeron os deberes e desaparecer os demais. Por iso deben permanecer os dereitos de EE.UU. e Alemaña e dentro deses países os grupos económicos que foron mais capaces de chegar antes a comida. Os demais , como se di en termos biolóxicos e agrarios galegos " tócanos mamar na rolla de atrás".

O termo " crise" está a representar  un ser metafísico e maléfico mesmamente como nas relixións teñen os malos espíritos ou no cristianismo o demo. Fai anos, como dicía Lamas Carbajal, o demo estaba metido en todo e ademais contra el non se podía, talmente como agora a crise. As sociedades, os pobos ou as comunidades están sempre en crise e pelexando dialecticamente; e nesta loita, aquí e agora, os papa-natas que crean que debemos ceder dereitos que  tivemos en tempos onde a productividade da forza de traballo era moito menor, están botando á ruína o benestar e a dignidade de  moitos pobos, e aínda peor, están estragando o futuro e a dignidade das xeracións vindeiras. E si es un papa-natas ate se che pode perdoar pero se es papa-natas a mantenta, vai rematar resultando aquelo de que:  "Roma non paga a traidores". 

Por onde compre comezar para frear este ataque profundo dos discípulos do Tío Sam contra os dereitos dos pobos e dos seres humanos no mundo, e particularmente en Europa, é por facer unha defensa a ultranza dos dereitos dos pobos e das clases populares e tratar de arredar do medio alternativas que nin sequera serven para bombeiros do capital e utilízanos para apañar as cinzas e tirarllas a faciana e os ollos a xente normal.

Os desbocados xinetes do cabalo do Tío Sam continúan por Europa adiante as mesmas tropelías que  cometeron en Arxentina, Asía (Corea, Tailandia, Singapur, Indonesia...) Rusia; e sempre iluminados pola esplendorosa luminaria do astro rei (o F.M.I. ).

Ningún inxenuo pense que o Capital non está disposto a someter a pobos e xentes traballadoras de Europa á mesma explotación, escravitude e guerras que someteu a outras areas do Globo. Non esquezamos que quen dita as ordes do Tío Sam en Europa  foi quen piloto tamén con pericia os últimos enfrontamentos sanguentos na vella Europa e de paso eliminou os poucos restos que puideran quedar de socialismo real.

O capitalismo , aquí e agora, non vai perder a oportunidade para executar aquelo que comezou en Maastrich, que intentou coa constitución Europea, e que xa está a aplicar na práctica. A pobreza, a marxinación e a miseria xa é a realidade vivencial de moitos millóns de cidadáns en Europa.

As pedras que caeron do muro de Berlín están a facer potentes lesións cerebrais desas que non son recuperables  porque os pacientes pensan que son masaxes.

Estas lesións están sendo moi ben aproveitadas para aplicar sobre Europa un neocolonialismo e situar aos pobos e clases traballadoras nun estado de despiste e desorganización que garante o espolio, destrución e vicio no que están sumidos os novos señores feudais. Nunca tanta produción nin riqueza acumulada se viu xunta, pero nunca tan despistados estiveron os que a producen, posto que llela están queimando diante dos fuciños e non se decatan. Non haberá un só xornalista ou xornalismo que sexa capaz de dividir, por exemplo, os cen  ou cento cincuenta mil euros de salario mensual dos executivos de moitas empresas e bancos aos que estamos subvencionando polos seiscentos euros do salario mínimo?

O peor insulto á intelixencia é o dun Presidente de Goberno ou un dirixente sindical que lle manden apertar o cinto a quen xa lle can os pantalóns porque non ten cartos para mercar o cinto, cando saben moi ben que o que nos ten asfixiados e o cheiro que despiden as barrigas que rebentaron de tanto comer.

Todas as medidas que se están a tomar contra a crise van na dirección apropiada para prexudicar moito aos máis necesitados e tamén aos do medio (autónomos, pequenos  e medianos empresarios) e favorecer moito aos supergrandes. E isto non é casual, e que así é como a queren resolver, porque así e como as foron resolvendo todas até o de agora. E non é tan difícil. Digaseme senón cantas voces, fóra do BNG e pouco máis, propuxeron resolvela doutro xeito?

Si convidaran ao Director do Fondo Monetario Internacional a uns festexos populares en Cataluña poñeríase a organizar un Castelet colocando aos nenos e a aos máis febles abaixo e iría de vez en cando colocando arriba algún destes señores asiáticos que chegan aos 300 quilos, cando media praza, e tamén os do medio da pirámide estiveran deitados no chan arrimaríase ao Castelet e diría: " Sen sacrificio non hai nada, ao final a pirámide ten estabilidade".