A polémica interesada sobre as indemnizacións das Caixas, o nacionalismo o único inocente...

A polémica interesada sobre as indemnizacións das Caixas, o nacionalismo o único inocente...
No proceso de privatización das Caixas de Aforros a posición do nacionalismo galego foi clara

A polémica sobre as indemnizacións dos altos cargos das Caixas, ten como fin agochar un escándalo maior, a valoración á baixa pactada entre o banco de España e os fondos de investimentos norteamericanos que por outra banda fai inviable a Obra Social. Responde tamén a un "axuste de contas" entre clans rivais unha vez perdido o teto que durante anos alimentou unha ampla rede clientelar. Pero en todo caso e alén diso, a crise económica ten a súa orixe na falta de control sobre o sistema financeiro e hoxe o cruce e acusacións entre Xunta de Galicia e Banco de España son un exemplo.

Os cidadáns temos e debemos escandalizarnos, quen ten responsabilidades de goberno non ten dereito a facelo, deben lexislar para evitar que sucedan este tipo de cuestións. Dito isto é preciso aclarar o papel das distintas organizacións do nacionalismo durante este proceso.

A crise financeira ten a súa orixe na falta de regulación e control das entidades e do propio sistema financeiro ao abeiro das normas coñecidas como Basilea II, impulsadas polo Consello de Supervisores de Basilea. Estas crían cegamente na eliminación do control e supervisión público optando por supervisión privada (axencias de rating) e o propio autocontrol das entidades e a regulación dos mercados.

A crise das Caixas non ten nada que ver coas subprime, tal e como alertabamos no artigo "achega ao sistema financeiro galego" publicado no ano 2009 na edición en papel do "Terra e Tempo", as entidades tiñan unha enchenta de ladrillo e este tipo de perdas tardan mais en aflorar. No ano 2005 os Directivos das Caixas reunidos na CECA, abriron dous debates, impulsar un cambio de xestión e implantar un novo sistema retributivo para eles mesmos xa que se consideraban peor pagados que os da banca.

No caso galego a implantación do novo modelo de negocio e retributivo contou cunha oposición clara da CIG nos órganos de goberno a partir do 2006, nomeadamente na Asemblea Xeral e mobilizacións arreo, case sempre en solitario. Non imos a agochar que a CIG tiña representación no Consello de Administración e na Comisión de Control do mesmo, e que esas persoas votaron a favor da xestión en contra do criterio do sindicato, pero hoxe están fora despois dun duro debate interno e montaron o seu propio chiringüito xunto a ex-conselleiros do sindicato amarelo de caixanova.

Ante o cariz que estaba tomando a xestión das Caixas na pasada lexislatura a CIG solicitou reunións cos grupos parlamentares do PSOE e do BNG, así como coa Consellería de Economía. Demos a voz de alarma.

A reunión co Director Xeral de Política Financeira, un ex-alto cargo do BBVA foi frustrante. Recoñeceu que antes da reunión coa CIG fixera chamadas aos Directivos das Caixas e acusounos directamente de deslealdade coas entidades por criticar a xestión. Reunímonos tamén co PSOE e Leiceaga fixo unha acendida defensa da necesidade de abordar a reforma da lei de Caixas, curiosamente na liña da reforma do ano 2009 que foi recorrida ao Constitucional polo propio PSOE.

O Grupo Parlamentar do BNG lembrounos que no pacto de goberno se contemplaba a reforma da lei de Caixas, pero por atoparse ao final da lexislatura non sería posible.

Pero o nacionalismo político reaxiu, tomou a iniciativa e na campaña electoral centrou o programa e gran parte do discurso na necesidade dunha nova lei de Caixas de Aforros. E pagouno, durante aquela campaña electoral o BNG foi o branco dunha dura campaña dun medio de comunicación, que estivo claramente orientada polos dirixentes de Caixa Galicia que vían coma un perigo unha nova lei de Caixas. Directivos do medio e da Caixa celebraron xuntos a vitoria de Alberte Núñez Feijoo nun restaurante coruñés.

Volvendo á blindaxe dos directivos e utilizándoa como exemplo da falta de xestión xeral é conveniente explicar os pasos dados nesta cuestión dado ademais o balbordo mediático:

-BNG e CIG opuxéronse ao Decreto do FROB que tiña como obxectivo a concentración das Caixas como paso previo a súa privatización. Así como ao Fondo de Adquisición de Activos Financeiro. Un e outro tiñan como obxectivo inxectar diñeiro público nas entidades sen os mínimos mecanismos de control e cando xa estouparan escándalos noutros países polas prebendas de directivos en entidades que recibiron diñeiro público. PSOE e PP votaron conxuntamente estas medidas.

-Na súa proposta de modificación da Lei de Caixas Galegas, ala polo ano 2009, o BNG incluía unha democratización dos órganos de goberno, así como a obrigatoriedade de facer públicas as retribucións dos directivos (daquela xa era obrigatorio publicar os salarios dos directivos da banca privada). Dita proposta que foi apoiada pola CIG, foi tombada no Parlamento polo PP e PSOE.

-Despois dunha liorta entre os directivos que chantaxearon a sociedade para seguir mandando, Feijoo anunciou unha fusión "paritaria". Ese termo significaba que uns e outros ían seguir mandando e iso conséguese blindándose nos órganos de goberno, o escándalo actual sobra, PP e PSOE pactaron no parlamento unha adicional para garantir a continuidade dos xestores e dos órganos de goberno coa oposición do BNG.

-É certo, como argumentou Feijoo, que hai unha Directiva Comunitaria que topa os salarios variables dos directivos do sector financeiro. Pero o goberno central aprazou a súa adaptación e aplicación, recibindo un tirón de orellas da Comisión Europea. Este tempo foi aproveitado polas cúpulas das entidades financeiras do Estado para dar pasos e eludir a citada directiva.

Certamente a Lei de Caixa Galegas non contemplaba a transparencia dos salarios e foi desactivada polo PP e PSOE para permitir que seguiran mandando os mesmos. E a nivel Estatal a inxección de diñeiro público nas entidades fíxose sen garantía nin control do mesmo. Pero en todo caso si que había mecanismos de control e de sancións que deberían ter saltado moito antes, cando se detectou a situación real das entidades.

Como en todo o proceso de privatización das Caixas de Aforros a posición do nacionalismo galego foi clara e somos os únicos que non temos ningún tipo de responsabilidade, denunciamos os feitos e tratamos de evitalos. Non todos somos iguais por moito que as organizacións estatais se esforcen en poñernos ao seu nivel.