A nosa débeda coas eléctricas

A nosa débeda coas eléctricas
O lóxico é que o pobo teña que pagar os beneficios das empresas, quérese dicir, dos seus directivos e socios capitalistas, e non só o custo das necesidades básicas que debe satisfacer

Este enunciado, que subxaz e está detrás de toda a lóxica do actual sistema económico ten moitos corolarios que, ben mirados, terían o seu aquel se non fose a tremenda cárrega de inxustiza, opresión e desigualdades sociais que implica. Non podemos tomalo a broma. A grande sarta de mentiras do capitalismo é longa, por máis que estean tan espalladas e semelle que unhas se tapan ás outras. O curioso do caso é que son as que hoxe por hoxe gobernan o mundo, con grande aparato e aplauso mediático. Ven isto logo dunha pequena reflexión verbo de que é o que pagamos cando consumimos enerxía eléctrica. E máis aínda logo de saber que temos un déficit de tarifa eléctrica coas compañías subministradoras de preto de 19.000 millóns de euros, que lles pagaremos os consumidores nos vindeiros anos.

Abonda con botar unha ollada ás nosas facturas da subministración eléctrica para decatarnos da dificuldade de enxergar correctamente e con clareza a que respostan os diferentes conceptos polos que temos que pagar. A pretendida liberdade para decidir libremente nos mercados, onde contamos con toda a información que nos permita a toma de decisións racionais bate xa de entrada co primeiro atranco. A opacidade é máxima, e maior será en canto vaiamos desbrozando estes vieiros retortos. Primeiro atranco polo tanto, que non único.

O abraio pode aumentar ao botar contas e comprobarmos que normalmente o custo do noso consumo eléctrico é moito menos da metade do total que as compañías eléctricas nos facturan. O resto son as peaxes que se teñen que pagar, os impostos, o alugueiro de equipos ou o termo de potencia. Pero é que até a propia electricidade (os quilovatios hora que consumimos nun mes) teñen unhas tarifas que non reflicten o que realmente custan.

Explicámonos. Se o prezo estabelecido é de 13,896 céntimos por quilovatio hora para a electricidade consumida en zona punta-cha como tarifa de acceso con discriminación horaria, estaremos a pagar o que realmente custa como se di en teoría? Non, ou cando menos non necesariamente. As tarifas deberan cubrir os diferentes custos como son os de produción, de transporte, de distribución, de xestión comercial, diversificación, peaxes, entre outros. Pero o prezo de xeración nun mercado supostamente competitivo como o da enerxía estabelécese para cada hora do día estimando o prezo do custo da unidade xeradora máis cara nese intre. Isto é, se a xeración hidráulica custa 10 €/MWh, o carbón 25, as renovábeis 35, e os hidrocarburos ou o gas 50 €/MWh, o prezo considerado será este, 50 €/MWh. Por moito que o custo de produción da hidráulica sexa nese intre 10 pagarémolo a 50. E este caso, aínda que moi variábel segundo o período concreto, será o que con maior insistencia se dea en Galiza. Pero nós, por moito que sexamos grandes produtores eléctricos e case autosuficientes para este tipo de enerxía, non temos unhas tarifas diferenciadas que recollan a nosa especificidade. Xa se sabe que pagamos pola luz o mesmo ca o fan en Madrid, ese inmenso sumidoiro de enerxía eléctrica. Niso, entre outras cousas, debe consistir a solidariedade interterritorial.

De aí tamén procede o beneficio das grandes compañías eléctricas, un enorme negocio moi ben plantexado dende o punto de vista das empresas.

A explicación política de todo o anterior tamén axudará a desenlear o problema e vermos con máis claridade. O PP decidiu, na peor liña do neoliberalismo, a supresión total das tarifas eléctricas xa no ano 1997. Foi a través da Lei 54/1997, de 27 de novembro, do Sector Eléctrico, onde se afondou gravemente no proceso de liberalización e de retirar os controis públicos sobre este sector básico de calquera economía, e quen estabeleceu ese cálculo aberrante para retribuír os custos eléctricos. Aínda así, e xa que instaurar directamente a lei da selva sería incluso excesivo para eles, mantivéronse algunhas regulacións e períodos transitorios, polo que de momento existen as tarifas de último recurso, que os gobernos aumentan semestralmente. Como o aumento destas tarifas sería dificilmente asumíbel polo partido no goberno do estado en cada intre, o que se fai é fixar unhas tarifas menores que as do "libre mercado", que as faga máis dixeríbeis pola poboación e asumíbeis polo conxunto da economía. Pero non por iso as empresas eléctricas van deixar de cobrar "o que por xustiza lles corresponde" e a lei e os gobernos lles recoñecen. Esas cantidades pagarémolas nós e as vindeiras xeracións e é o que se lle veu chamando "déficit de tarifa", o que, a maiores das facturas, lle debemos a Iberdrola, Endesa e Gas Natural. Como antes se dixo, case 19.000 millóns de euros.

O sector eléctrico no Estado está caracterizado por ser un oligopolio das empresas devanditas, integradas verticalmente, e pola cada vez maior privatización e desregulación dun ben como o da enerxía eléctrica que ten as características de ben público e, aínda, de ben de primeira necesidade. Este proceso non conseguiu o que dicía perseguir: a competencia entre compañías eléctricas á hora de ofertar tarifas é inexistente, e o que estas perseguen é máis ben captar novos consumos facendo ofertas combinadas de electricidade e gas. Algo semellante pasou no sector das telecomunicacións coa telefonía móbil, por exemplo. Por iso o camiño que se vai percorrendo e a situación actual que repercute nas economías domésticas e nas pequenas empresas choca contra toda lóxica que non sexa a lóxica capitalista, dende logo ben afastada da racionalidade e do interese das maiorías. Non será logo que a verdadeira intención é a de asegurar e apoiar a posición das grandes compañías eléctricas?

Cando nos decatemos que, de xeito explícito ou non, a satisfacción das necesidades materiais da xente non é o que persegue a vergoñenta e eufemística economía de libre mercado, teremos a clave para analisarmos moitos aparentes sensentidos. O obxectivo é o maior beneficio das compañías que operan nese mercado; as necesidades básicas da poboación un subproduto residual no mellor dos casos. Namentres así sexa paguemos as nosas facturas, as nosas débedas recoñecidas e o que está por vir.