A necesidade duns servizos públicos de calidade

A necesidade duns servizos públicos de calidade
A aposta pola privatización e mercantilización de todo tipo de servizos públicos implica diminuír a calidade do servizo

As políticas económicas e sociais, deseñadas e aplicadas polo sistema económico neoliberal, procuran a privatización e mercantilizacion de todo o que é público. Aproveitan a actual crise económica para acelerar o desmantelamento ou privatizar, aínda máis, os Servizos Públicos.

O goberno do PP na Xunta de Galiza, a pesares do desacordo amosado publicamente coas medidas empregadas polo goberno do estado , non só  fai seguidísmo das mesmas senón que  está a aplicar políticas o máis ultraliberais posíbeis, reducindo o gasto público na sanidade, na educación, nos servizos sociais e en xeral en todos os Servizos Públicos, mediante o incremento dos concertos, a privatización de diferentes servizos e mesmo extinguindo a prestación de moitos Servizos Públicos.

A destrución e adelgazamento da propia administración é constante e permanente. Así un ano máis, o goberno central do PSOE, mediante a Lei de orzamentos do estado, anulará a oferta pública de emprego en tódalas áreas da administración e impedirá, así, cubrir os diferentes Servizos Públicos mediante a xestión directa.Isto implicará, e dunha forma máis voraz, reducir o emprego e empeorar servizos prestados, xa que ese traballo será realizado mediante empresas privadas, subcontratas ou asistencias técnicas que procurarán abaratar custes para obter o maior beneficio posíbel, en detrimento do servizo e precarizando as condicións laborais.

A aposta pola privatización e mercantilización de todo tipo de Servizos Públicos implica diminuír a calidade do servizo ou prestación e precarizar e reducir o emprego. A empresa privada pretende o máximo beneficio co mínimo custe, a conta da rebaixa da calidade do servizo, da redución do persoal, de baixos salarios, contratos temporais e precariedade laboral dos seus traballadores e traballadoras. Non hai mellor proposta para defender o público fronte o privado que ampliar a xestión directa dos servizos e non recorrer a órganos ou empresas con menos garantías para prestar o servizo e con traballadores/as que teñen os seus dereitos laborais reducidos.

Non hai sociedade de Benestar nin xustiza social sen uns servizos públicos universais de calidade, xa que significan unha garantía para reducir as diferencias sociais e reforzar a cohesión social. A súa calidade e eficiencia soamente e posíbel mediante a xestión pública, xa que esta busca exclusivamente o ben público e social. O público é garantía de calidade, o privado é negocio e beneficio.

A mensaxe está clara: "se queremos Servizos Públicos de calidade necesitamos emprego público de calidade". Vivimos nun estado social no que a xente demanda Servizos Públicos de calidade, e para iso é necesario ter un capital humano que os atenda, mova e coordine.

Resulta inxustificábel que nestes momentos de crise, motivada pola aplicación de políticas neoliberais, se liquiden Servizos Públicos, se despidan traballadores e traballadoras, e se deixe sen atender sectores sociais máis desfavorecidos que sofren de xeito máis duro as consecuencias desta situación.

Estamos asistindo a un desmantelamento acelerado dos nosos Servizos Públicos aquí en Galiza. Non só xa o que está a significar a redución dos orzamentos  dedicados á sanidade pública, coa introdución de modelos de financiamento privado para a construción de hospitais públicos que veñen a completar a privatización de numerosos servizos que hoxe xa están externalizados; A aposta pola mercantilización do ensino público, onde se continúa coa carencia de profesorado, con recortes orzamentarios para facer fronte ao fracaso escolar, coa supresión da gratuidade dos libros de texto, coa privatización dos servizos de comedores escolares...; A aniquilación do carácter público dos Servizos Sociais coa eliminación de centros públicos como o Santiago Apostolo da Coruña ou o Terra de Ferrol, e o desmantelamento  do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e a súa entrega total a empresa privada de SOGASERSO, destinada a xestionar as Residencias da Terceira Idade; O desmantelamento da empresa pública SEAGA, (onde se fai o primeiro ERE da historia nunha empresa pública), privatizando a xestión agro-forestal e encomendando a empresas privadas a xestión de incendios forestais, atención veterinaria, atención telefónica ao agro...; A supresión do Organismo Autónomo do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller; A aniquilación dos  centros dedicados á investigación tecnolóxica , do CESGA, a  Fundación Calidade, servizos como o Observatorio Galego da Sociedade da Información (OGSI), diversos programas de I+D+I como o IMAN, a Rede de Dinamización da Sociedade da Información, o Mancomún...; A xestión privada tamén se apoderou dos parques de bombeiros. O PP non só non rescata ningunha privatización senón que ten a firme vontade de que todos os parques  que abran de novo sexan de xestión privada; ...e moitisimos máis servizos que día a día están desaparezendo da xestión pública.

Mención á parte merece a abusiva  e inaceptábel privatización da xestión de diferentes servizos nos Concellos e distintas administración locais,  que as están levando a cabo. Son cada vez máis a cantidade de servizos que se privatizan ou se xestionan a través de concesións, de cesións ilegais de traballadores e traballadoras ou a través de asistencias técnicas. Servizos como a limpeza, abastecementos de auga e depuración, parques e xardíns, escolas infantís, servizos socioculturais e administrativos, servizos provinciais de emerxencias... e moitos máis que se poderían apuntar.  

Así, tamén cómpre, facer outra mención á parte co servizo de correos, onde se está a asistir á aniquilación dun servizo de correos público,  sendo aquí en Galiza onde o seu carácter  galego tiña que estar sendo apoiado, xa que o servizo de correos é algo necesario para impedir que o mundo rural se sinta discriminado e se poida revitalizar.

Estamos vendo que todo isto non é solución para esta crise que estamos a vivir, e que o único que se está a conseguir e un ataque frontal á sociedade, xa que o obxectivo único que se esta conquerindo é o do exterminio  e deterioro do carácter público dos servizos que teñen que prestar as diferentes administracións, da súa calidade e do deterioro das condicións laborais das persoas que teñen que realizar estes servizos.

A estratexia do desmantelamento e privatización de tódolos Servizos Públicos que o poder económico está levando a cabo, en tódolos ámbitos, non nos leva a un estado social, esa estratexia lévanos a un estado no que o que ten cartos, ten servizos.