A mocidade galega en pé o día da folga xeral

A mocidade galega en pé o día da folga xeral
Porque non imos permitir que mexen por nós e teñamos que dicer que chove

Vivimos nunha sociedade onde todo se cuestiona. Onde todo o mundo opina de todo, cun alto nivel de crítica, pero que, en xeral, rebélase pouco ante as inxustizas.

Estamos a asistir a unha explosión mediática de persecución contra os sindicatos, contra os nacionalismos, contra o feminismo e tantos outros movementos sociais que loitan por unha ou outra causa.

E dentro deste estendido pensamento único, son moitas as voces que tentan amosar a toda a cidadanía que ires á folga non vai conseguir mudar a situación de crise. Con aquela famosa campaña "Isto amañámolo entre todas/os" viñan a dicirnos que saír da crise era algo que dependía de nós, e claro, se isto é certo, para que imos berrar o día 29 e facer folga, coa xa de por si crítica situación que estamos a vivir? Ou como imos manifestarnos contra o PSOE, xa que estaríamos a facerlle o xogo ao PP?

Pouco se fala de que para saír desta crise están a empregar as mesmas receitas que a causaron. De que están a empregar recursos públicos  para subvencionar e por tanto abaratar o despedimento, como fórmula de creación do emprego. E non só hai que prantarlle cara ao goberno español, xa que en Galiza sobran as razóns para facer unha folga só contra os ataques do goberno do PP, tanto no que respecta á nosa lingua e cultura, ao dereito a decidir sobre a nosa maternidade, o desmantelamento das políticas de igualdade e benestar, o recorte nos orzamentos adicados á dependencia e o ensino, por non falar dos millóns que a Xunta de Galiza adica a subvencionar empresas privadas que logo acaban asinando un ERE, co visto bo da propia Xunta.

Unha Xunta, que ninguén o esqueza, que presume de ter substituído en Galiza unha folga xeral, por un acordo de diálogo social, que o sindicalismo nacionalista denunciou, e que é un dos motivos polos que non imos concorrer con estes nas manifestacións o día 29.

Ou sexa, que "mexan por nós e temos que dicer que chove". E botan man de estereotipas como a de que a nosa sociedade, e a mocidade en particular, é acomodaticia para tentar aplacar os ánimos de rebelión que poidan/poidamos ter.

Pois ben, fica obvio que a crise cebouse en gran medida en sectores como o da construción, que fixo que moitos mozos abandonaran a súa formación antes de tempo, porque atopaban con bastante facilidade un emprego no sector que lles aseguraba unha independencia económica xamais soñada a esa idade. Incluso estando traballando, moitos tiñan a posibilidade de mudar de traballo para outro que ofrecía mellores condicións. E coa baixada inmobiliaria, a perda de empregos rematou con esa ansiada independencia e estabilidade, sen que volvesen ao sistema educativo a completar a súa formación.

E logo están as e os que remataron estudos superiores, pero encadearon unha morea de contratos en precario, temporais ou en forma de bolsas que non rematan nunca, salarios que non chegan a acadar o mileurismo, que duran dous meses ... precariedade na máis ampla acepción da palabra.

En definitiva, o mercado laboral non absorbe a quen non estuda, e frustra a quen ten formación.  E aí está un dos problemas, que a mocidade remata por aceptar a situación, asumindo a precariedade como algo natural, ao que hai que enfrontarse os primeiros anos de incorporación ao traballo. E damos por feito que é algo inevitábel polo que todas e todos pasamos de cando en vez.

A temporalidade e a precariedade fan que a mocidade permaneza máis tempo no fogar materno/paterno, polo que retrasa aínda máis a idade na que se independizan, e polo tanto a idade na que deciden ter crianzas. E isto afecta a toda a sociedade.

Por outra banda, o que viñemos en chamar estado do benestar, comeza a poñerse en cuestionamento por mor do déficit público, aparecendo reformas como a laboral, que favorece claramente o despedimento, e agrava a situación xa de por si crítica que afecta a toda a clase traballadora. E logo está o anuncio da reforma das pensións, algo que en principio non soe estar no centro de preocupación da xente nova, pero que se afondamos algo no tema, veremos que nos afecta plenamente.

Porque tal e como está o mundo laboral, unha vez que se rematan os estudos, e comeza a busca de emprego, logo de exercer durante meses como bolseiros/as, de asinar contratos en prácticas, para a formación, en resume, logo dunha morea de contratos - lixo, de prestacións por desemprego, e de paróns na vida activa para adicarse a coidados familiares, moitos e moitas daranse conta de que non terán experiencia efectiva que conte a efectos de cotización. E aí entra a reforma das pensións, que perxudica, de xeito demoledor, ás mulleres.

Elevar os anos de cotización dos quince actuais a vinte ou a vintecinco para poder xerar dereito a unha pensión ten unhas consecuencias nefastas para nós. É certo que nas ultimas décadas houbo unha elevada incorporación das mulleres ao mercado laboral, que veu facilitada pola -aínda escasa pero paulatina- implantación de medidas de conciliación da vida familiar e laboral. Pero non podemos esquecer que a idade á que estas o fixeron é moi superior a dos homes. Polo que van ter moi difícil poder sumar 15 anos e chegar a xubilarse, e moito menos acadar a cifra proposta polo goberno español. Unha vez máis, a pobreza ten cara de muller, e desde logo isto entra en contradición co abandeiramento do goberno en canto a implantación de políticas de igualdade, cando son capaces de poñer en práctica este tipo de medidas cun efecto para nada neutro desde a perspectiva de xénero.

Visto así, coido que sobran os motivos para ires á folga o día 29. Porque a folga é unha ferramenta que temos as e os traballadores para dar resposta aos ataques contra os nosos dereitos. Porque si podemos mudar a reforma coa nosa forza. Sexamos estudantes, traballadoras ou traballadores en activo, parados/as, xogámonos o noso futuro. A mocidade galega ímoslles dar unha lección de dignidade e compromiso. Imos manifestar a nosa oposición a este ultimo  ataque aos nosos dereitos, pararemos o país para pararlle os pés aos gobernos que nos agreden como clase, como mozas e mozos. Porque non imos permitir que mexen por nós e teñamos que dicer que chove.