A mazá da felicidade

Apple é sinónimo de deseño, de calidade, pero tamén de produtos caros ao alcance de moi poucas persoas

A primeira vez que tomei contacto cun ordenador Apple foi arredor de 1988, era un Mac Classic, pequeno, compacto, cun entorno gráfico amigábel, algo inédito por aquelas alturas da informática, e o que era aínda máis raro, tiña un rato co que se podía manexar o ordenador sen apenas tocar o teclado.

Por aquelas alturas, Windows nin existía como tal, Ms-Dos era o rei, pero non pasaba de ser unha pantalla negra con letras brancas, e o único xeito de interactuar co ordenador era a través do teclado introducindo diversos comandos. A primeira versión primitiva de Windows non sae até 1990, sete anos despois de que Mac utilizara por primeira vez un entorno gráfico nun ordenador. E habería que agardar até 1995 para que Windows fora merecedor de tal nome.

A evolución comercial de ambas as dúas empresas foi distinta. Microsoft convértese no grande provedor de programas informáticos para uso doméstico e empresarial, froito dunha estratexia de laissez faire fronte a pirataría e unha agresiva estratexia comercial cos principais provedores informáticos. Apple en cambio enfoca o seu negocio a un colectivo esixente e minoritario de profesionais e clientes domésticos, que non dubidan en pagar un elevado prezo por un ordenador cun deseño excelente e mellor software; nace así a fama de Apple: fabricante de ordenadores bos e de deseño atractivo, pero caros, o que lle dá un toque exclusivo, que serve de reclamo a moitos consumidores.

Pero Apple non só fabrica ordenadores, en 2001 saca o primeiro modelo de iPod, un reprodutor de ficheiros mp3, e malia que naquela altura xa había este tipo de trebellos no mercado, o de Apple foi, e é, claramente o máis demandado. O mesmo ocorre co iPhone, o primeiro teléfono móbil táctil desta empresa, ou co iPad; e malia que tanto dun como do outro produto xa había e hai alternativas máis económicas no mercado, os de Apple son os máis desexados.

Por iso non deixan de sorprenderme os panexíricos haxiográficos que se sucederon após a morte de Steve Jobs, co-fundador de Apple, porque este "visionario da tecnoloxía", como din moitos, e coa excepción do primeiro ordenador con entorno gráfico alá polo 1983, non inventou nada novo, simplemente fixo un produto mellor co da competencia, empaquetouno cun deseño moi atractivo, e vendeuno mellor ca ninguén.

Nunhas das seis páxinas que El País adicou a Steve Jobs dise que este fixo feliz a moita xente cos seus produtos electrónicos, pero unha felicidade efémera, que dura só até a próxima actualización dos seus trebellos, porque a obsolescencia comercial está intrinsecamente ligada ao sector tecnolóxico, que cada poucos meses renova a súa oferta, e en moitos casos só é un cambio estético, para seguir vendendo e enganchando aos consumidores. Neste sentido, sirva de exemplo o caso do móbil iPhone, que sae ao mercado en 2007, e a estas altura xa leva cinco versións.

Por iso, podo aceptar que se diga que Steve Jobs vendía e deseñaba produtos electrónicos de consumo mellor ca ninguén, -iso é certo-, pero de aí a case a afirmar que sen el a informática e a tecnoloxía non sería como é hoxe, hai un abismo, porque Jobs facía trebellos informáticos para aqueles que podían pagalos.

Na miña opinión, no mundo da informática e do software hai colectivos e persoas que merecen o recoñecemento, as homenaxes, as portadas e os minutos de televisión que lle dispensaron a Steve Jobs os medios de comunicación e milleiros dos seus clientes a nivel mundial o día da súa morte. Linus Torvalds, Richard Stallman ou mesmo Mark Shuttleworth, por citar ás tres persoas máis (re)coñecidas do mundo do software libre, pero poderían ser máis, a maioría anónimas, fan programas informáticos para "seres humanos", se se me permite este slogan tomado de Ubuntu, e non para consumidores, que tamén.

Teño o convencemento que sen o traballo destes programadores, que ceden libremente o código fonte dos seus programas á comunidade, hoxe a informática, internet e mesmo todo tipo de produtos electrónicos, non só serían distintos, senón moito máis caros do que son. Por exemplo, se os programadores de GNU/Linux, Apache, MySQL e PHP non cederan libremente o seu software, milleiros de persoas non podería colgar as súas webs ou ter os seus blogs a un prezo asequíbel, e nalgún caso, gratis.

Pero esta non é a principal virtude do software libre, o acceso ao código fonte dos programas para melloralo e adaptalo ás necesidades de cada quen, é a mellor aportación que pode facer unha persoa ou un colectivo de persoas, á humanidade, pero tamén aos pobos, para crear produtos tecnolóxicos realmente útiles e beneficiosos para esa sociedade.

Mais como galegos e galegas que amamos a nosa lingua e queremos vivir en galego tamén cando estamos diante dun ordenador, tamén lle debemos moito ao software libre, porque só este nos garante disfrutar da informática tamén en galego ou en calquera outra lingua minorizada, grazas aos centos de tradutores voluntarios e aos programadores que fixeron as correspondentes ferramentas libres para que esta tradución sexa posíbel, cousa que temos moi difícil con Apple ou con Microsoft, a non ser que medie algún contrato de licenzas privativas e unha xenerosa aportación económica por parte da Xunta de Galiza para elaborar a localización ao noso idioma.

Podemos ser tan inxenuos como Forrest Gump, que pensaba que Apple distribuía mazás no canto de fabricar ordenadores, ou como aquel mozo que nunha das múltiples homenaxes a Jobs deulle as gracias por crear eses produtos quen fan "as nosas vidas mellor"; sen embargo, non esquezamos que Apple é unha transnacional, que como todas, coa promesa dunha felicidade, que se demostra efémera, dita ao mundo os trebellos electrónicos que temos que comprar e utilizar, pensando na súa conta de resultados.