A man visíbel

É "exemplar" a actitude da socialdemocracia española, facéndolle o traballo suxo á dereita

Das trolas que se contan dende os estrados das nosas faculdades de economía unha das máis grandes é aquela da man invisíbel.

Resulta algo chocante repararmos nese deus da economía que todo o axusta e o fai chegar a un equilibrio e a unha asignación eficiente de recursos. Que casa oferta e demanda, que estabelece prezos, que fai que se acade pleno emprego. Unha man que todo o pode, á que nada se lle escapa para a nosa felicidade, sempre que abdiquemos de nos mexer e deixamos que ela mova as forzas cósmicas do mercado. O mercado, ou os mercados en plural como agora se di para diluír aínda máis a súa materialidade. Os mercados, outra boa palabra para, como dicía o Tío Marcos da Portela, crer o que non vimos (Que cousa é ter fe?). Bonito invento este, ás veces dan gañas de sumarse tamén aos que nel cren de xeito cego, porque, ver non se verán, pero pedir e presionar ben que o fan, e mandar mandan, que sempre acadan o que queren. Certamente ten algo de máxico, de conto de fadas en plan Hollywood.

Todo esta inmensa ideoloxía, esta enorme entelequia inculcúlcase coa maior das naturalidades. O creacionismo económico hai tempo que se ensina nas nosas faculdades de ciencias. E, pola contra, de man invisíbel nada. De debaixo da tona de tranquilidade na que aboiabamos aflorou a crise con toda a súa crueza, e a man non tivo outra que amosarse espida. Non xurdiu para asumir as responsabilidades e consecuencias dos seus actos, fíxoo para impoñer máis do mesmo, para asegurarse a súa continuidade futura. Así evitarase calquera intento de subverter as cousas, de cuestionar este modelo que beneficia só a unha minoría a custa do empobrecemento e a perda de dereitos da clase traballadora.

Malia preferir a discreción de escuros cenáculos, a man do chamado consello de administración do capital fíxose visíbel para nós estes meses, como poucos anos antes o fixera en América Latina. O F.M.I., O Banco Mundial, as institucións e organismos da U.E., os lobbies, as asociacións empresariais de varia caste, primeiro-ministros, xefes de estado, personaxes que engolan a voz para representar o seu papel (véxase ao Comisario Europeo da Competencia J.Almunia, por exemplo), a inefábel CIA conectada coas embaixadas americanas das nosas elucubracións infantís,... ao cabo si existen, fixéronse carne e xa habitan entre nós. Como células dormentes de Al-Qaeda activáronse, cada unha coa súa fin, cada unha no seu ámbito, sen precisaren máis coordinación ca coñecer os seus intereses de clase.

Como poucas veces se tiña dado, a aparición da vella man invisíbel visualízase a cada pouco por toda a parte. Zapatero recibe instrucións do potentados á luz dos flashes; ao ditado dos seus propietarios os medios anuncian que van facer cambalear tal estado ou tal outro, en función do que lles pete ou especulen que resulte máis doado; un voceiro calquera anuancia que, dun xeito ou doutro, van baixar as pensións, recurtar as prestacións, aumentar os impostos á maioría, cancelar dereitos...

De tal intensidade é a crise actual, tan forte é a presión que a man visíbel está a facer que temos que decatarnos que vivimos unha nova fase. Cando preto dunha decena de folgas xerais en Franza non logran facer recuar os seus gobernantes, cando Grecia, Irlanda, Portugal teñen as mobilizacións meirandes da súa historia recente, cando no Estado e en Galiza se fan folgas e o goberno non amosa a mínima intención de reaccionar -ben ao contrario-, cando isto pasa é que as pequenas conquistas que se lle permitían aos traballadores e traballadoras dos países centrais do sistema teñen os días contados. Antes, unha serie de mobilizacións intensas, amparadas por maiorías sociais acadaban a retirada dunha lei ou que unha medida non fose todo o lesiva que o capital tiña pensado. Agora, coa crise, a man visíbel da clase empresarial non está disposta a facer renuncias, a deixar espazos, a moverse un milímetro. E os gobernos son, máis ca nunca, os encargados de pór a maquinaria estatal ao seu servizo. Neste sentido é exemplar a actitude da socialdemocracia española, facéndolle o traballo sucio á dereita.

A nivel político e sindical debemos ser conscientes desta realidade e prepararnos para esta nova fase. Os nosos contrincantes, os donos do poder capitalista hai tempo que saben a que xogan e actúan sen escrúpulos. Canto antes reaxamos mellor nos situaremos nesta longa e dura batalla.