A LOFAXGA: unha oportunidade perdida para regular e poñer orde dentro do sector público en Galiza.

A LOFAXGA: unha oportunidade perdida para regular e poñer orde dentro do sector público en Galiza.
¿Que é o que se vai, finalmente, conseguir coa LOFAXGA?

A LOFAXGA é o acrónimo da  Lei  16/2010 de organización e funcionamento da administración xeral e o sector público autonómico de Galiza que se aprobou no mes de decembro do pasado ano no parlamento galego.

Non é a primeira vez que se pretende dar formato xurídico ao despropósito da montaxe das administracións paralelas. Esta Lei dota ás consellarías de ferramentas "ad hoc", que servirán de refuxio de unha morea de intereses particulares e partidistas. O tan citado interese xeral verase ninguneado por moitos empregados públicos fora do control da legalidade esixida no acceso o emprego público.

Non se entende que sexa a propia Xunta de Galiza, a que, en atención a alcanzar os logros de eficiencia e eficacia, a que asuma explicitamente que a actual estrutura da administración autonómica non é valida para alcanzar os fins que son da súa competencia.

A LOFAXGA o que recoñece é que temos unha administración inoperante que é incapaz de facerlle fronte á realidade social, económica e cultural  de Galiza por ter unha estrutura anquilosada e excesivamente burocratizada. Ante esta realidade o goberno de Galiza prefire darlle forma de estrutura legal a unha administración paralela fora dos controis legais que tanto nos custaron conseguir.A LOFAXGA, é polo tanto,  unha oportunidade perdida para  regular e poñer orde dentro do sector público en Galiza.

Esta  lei non elimina a enorme cantidade de entes públicos instrumentais, senón que os potencia, converténdoos na tónica xeral da administración. Á parte do desmantelamento evidente da Administración autonómica, a LOFAXGA terá, e xa está empezando a ter,   consecuencias evidentes coma :

1.- Aumentar  o número de altos cargos na Xunta duplicándose os mesmos nos propios entes  (agora teremos secretarios xerais, vicesecretarios xerais, directores xerais, secretarios xerais técnicos, "superdelegados" territoriais...). E  mesmo se permite que o persoal directivo dos novos entes quede exento do control orzamentario e poida cobrar máis que o presidente da Xunta.

2.- As xefaturas de servizo regúlanse na LOFAXGA como órganos e non como postos de traballo, o que pode conducir a restituír o criterio de libre designación como forma de provisión habitual.

3.-Des-regulamentación dos sistemas de acceso á Administración autonómica, a través da dispersión dos órganos convocantes. A contratación de persoal queda ao criterio de cada ente convocante, ao igual que a elaboración das súas propias listas de contratación; establécese o contrato laboral temporal como forma ordinaria de contratación do persoal.

4.- Estableceranse discriminacións entre o persoal funcionario ou laboral da Xunta de Galiza e o que no futuro teñan estas axencias ou entes. Como xa estamos comprobando no borrador de creación da Axencia Galega de Innovación, xa establece que a  mobilidade deste persoal estará sometida "á autorización previa nas condicións e prazos que determine o Estatuto da propia Axencia". Xa que logo, o persoal funcionario que sexa adscrito as novas axencias, verá limitados os seus dereitos respecto do resto de persoal que fique nas estruturas das consellarías.

5.- Supresión de unidades administrativas. Os novos entes regulados na LOFAXGA son considerados "medios propios", de maneira que a Xunta pode desenvolver calquera das súas competencias a través destes, prescindindo de unidades administrativas e de direccións xerais, podendo baleirar de contido e de persoal consellarías enteiras. De momento, nas disposicións adicionais da LOFAXGA anúnciase a desaparición de organismos como o IGAPE, de varias direccións xerais e dunha secretaría xeral para se converteren en Axencias. Estas axencias crearanse coa achega de recursos humanos das extintas unidades administrativas. Xa que logo, o persoal laboral e funcionario destas unidades poderán ver as súas condicións de traballo baixo unha nova norma que non tiñan ata o de agora: os estatutos da respectivas Axencias.

6.- Ausencia de órganos de control participados polas traballadoras e traballadores. Na LOFAXGA non se establece ningún órgano de control destes entes no que participen as persoas representantes do persoal laboral e funcionario da Xunta.

En definitiva, esta lei deixa abertas todas as portas de atrás porque a Administración non renuncia a que os entes instrumentais teñan persoal propio, tanto fixo como temporal. Non quixeron atarse as mans e todo queda en función da interpretación política que se lle de. A partir da súa aprobación a Xunta de Galicia pode, se hai vontade política, seleccionar só persoal laboral da Xunta para os seus entes instrumentais, pero tamén, se o desexan, contratar a todo o mundo como persoal propio. A aplicación práctica queda en mans dos entes.

Temos na propia lei a creación, xa de entrada, de 3 axencias ou macroaxencias que se apropian de competencias de direccións xerais enteiras, facéndoas desaparecer: - A axencia galega de innovación; - A axencia para a modernización; e a Axencia para a modernización e innovación tecnolóxica de Galiza. Xunto con isto, a LOFAXGA, transforma e eleva ata nivel de órganos superiores da Xunta, dotando de maior liberdade de contratación, capacidade para a súa autoxestión e autocontrol, e convertendo en novas "AXENCIAS", entes como o Instituto galego de promoción económica (IGAPE); Instituto enerxético de Galiza (INEGA); Instituto galego de calidade alimentaria (INGACAL)... etc e convertendo en entidades públicas empresariais: Portos de Galiza; Empresa pública de obras e servizos hidráulicos e Compañía radio televisión de Galiza.

¿Que é o que se vai, finalmente, conseguir coa LOFAXGA?

A LOFAXGA deseña unha administración pública sen administración pública. Fomenta un sistema perverso en que a administración vai quedar reducida a súa mínima expresión, rodeada dun cinto de entidades sen control que van a ir pouco a pouco asumindo as funcións e prestacións da propia administración. Una administración na que as direccións xerais e os órganos directivos van a ser substituídos por axencias ou organismos autónomos.

A fuxida do dereito público, a opacidade nas contratacións, a asignación de recursos públicos sen mesura, a apropiación de xestión de grandes áreas funcionais, só poden configurar un escenario posible e que se ven anunciando dende hai un tempo: A PRIVATIZACIÓN DA ADMINISTRACIÓN PÚBLICA.