A irracionalidade do BCE
O sistema financeiro é un enfermo en estado vexetativo
Desde que empezou formalmente a crise económica en 2008 o Banco Central Europeo baixou en reiteradas ocasións os tipos de interese e acometeu diversas expansións monetarias que non conseguiron mellorar a situación económica. Ao contrario, oito anos máis tarde os tipos de interese están no 0% e as inundacións de capital dentro do sistema financeiro non deixan de sucederse.
A escusa oficial que dá o BCE para tomar este tipo de medidas -a baixada de tipos e as expansións cuantitativas- é a de sempre, a de mellorar a economía e a de controlar a inflación, o seu principal cometido. Porén, a realidade é que o sistema financeiro, o culpábel da crise económica que deu comezo hai oito anos, continúa a ter serios problemas, que se evidenciou nas caídas das bolsas de principio deste ano, e o que é peor, é un enfermo en estado vexetativo sen posibilidade algunha de valerse por si propio, mantido artificialmente con vida coas políticas citadas do BCE.
Así por exemplo, as sucesivas expansións cuatitativas anunciadas por Draghi, -a última hai quince días-, serviron para proporcionarlle liquidez ao sistema financeiro coa compra de determinados activos financeiros, en concreto débeda soberana. Con este mecanismo o sistema financeiro non tiña que agardar ao vencemento destes activos, cobraba inmediatamente a través do BCE, e conseguíase relaxar a presión sobre a débeda soberana de determinados estados.
Mais despois de meses de inxeccións masivas de capital, en concreto 60.000 millóns mensuais desde xaneiro de 2015 (botade contas!!), Mario Draghi anunciaba hai quince días unha nova expansión cuatitativa, pasando de 60.000 a 80.000 millóns mensuais, pero cunha novidade, os adiantos de capital, antes circunscritos á débeda pública, amplíase agora á débeda privada, é dicir, a débeda privada de bancos e grandes empresas.
Con estas medidas o Banco Central Europeo busca rebaixar a presión das bolsas, que empezaron o ano con fortes perdas, centradas basicamente no sector financeiro, pero deixan entrever que algo non vai ben no capitalismo do centro do sistema, e esta nova expansión cuatitativa é unha fuxida cara adiante, cuxas consecuencias desastrosas pagaremos tarde ou cedo os traballadores e traballadoras.
Pero a medida tomada polo BCE que rompe todos os esquemas e toda lóxica é a baixada de tipos, que pasa do 0,05% ao 0% a partir do mes de abril. Estes tipos inusualmente baixos trae como consecuencia os valores negativos nos tipos de interese; así, bancos centrais como os de Xapón, Suíza ou Suecia aplican valores negativos a determinados activos, o que implica na teoría que as entidades que queiran depositar efectivo neses bancos terán que pagar para facelo.
Pero á marxe das consecuencias que terán para o grande capital este tipo de medidas, a política de tipos de interese que tenden a cero, trouxo “beneficios” para o común dos mortais: o euríbor, o tipo de referencia que se toma para calcular as hipotecas, entrou neste mes en valores negativos (o 14 de marzo estaba a -0,008%), o cal pode ser unha boa noticia para as persoas que teñan unha hipoteca, xa que en teoría verán reducidas as súas cotas mensuais.
Mais que pasaría se os tipos continúan baixando? Os bancos pagarían por prestar cartos? As matemáticas non fallan, pero é improbábel que isto suceda, pero o que si é certo é que relaxarían as condicións dos seus préstamos. De feito, isto xa é así; determinadas entidades incitan aos seus clientes a pedir pequenos préstamos ao consumo cunha insistencia e cunha facilidade sorprendentes. Cómpre recordar que o que para nós é unha débeda, para os bancos é un activo co que crear produtos financeiros inintelixíbeis como as hipotecas subprime, o detonante da crise económica de 2008.
Pero que lle pasaría aos aforradores e aforradoras se continúan baixando os tipos de interese e se poñen en valores negativos? Agora mesmo os bancos xa non pagan intereses bancarios polos cartos depositados nas súas entidades, pero se algún día o BCE decide entrar na senda negativa dos tipos de interese, obrigaría ás entidades bancarias a cobrar polos cartos depositados nas súas contas? Semella unha loucura, mais non o podemos descartar; de feito, a tendencia camiña nese sentido, logo de que determinadas entidades cobren por sacar cartos dos caixeiros ou o incremento das comisións bancarias, que é unha maneira de pasarlle a factura aos clientes por mor duns intereses tan baixos.
Se chegamos a esta situación, cal sería a reacción das persoas que teñen os seus aforros nas entidades bancarias? Pois o lóxico sería a retirada masiva de efectivo das entidades financeiras, un problema para o que o BCE xa empezou a estudar medidas a implantar, e unha delas sería a retirada dos billetes de 500 euros baixo o pretexto da loita contra o terrorismo, o blanqueo, etc, pero que non fondo agocha a creación dunha gaiola financeira para que aos pequenos aforradores non lles sexa tan doada a retirada de efectivo dos bancos e para evitar que o fluxo monetario non escape do sistema ao colchón.
Algúns xefes de Estado, primeiros ministros e presidentes de bancos centrais dicían alá por 2008 que a crise financeira colléraos co pé cambiado, e pode ser, pero agora non, agora os bancos centrais, especialmente o BCE, están traballando arreo para apuntalar un sistema financeiro que cae a cachos e que camiña pola senda da irracionalidade.
Porén, e a pesar de que algunhas persoas creen no mantra reformista de que “outro BCE e outra Europa son posíbeis”, a estas alturas xa debería estar claro que iso é imposíbel, porque como dixen nun recente artigo, a Unión Europea e as súas institucións foron creadas con fins puramente mercantilistas e por unha oligarquía financeira que non vai ceder o seu control.
-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.