A industria da madeira: de santos inocentes, nada

A industria da madeira: de santos inocentes, nada
O presidente de Confermadera-Galicia, manifestou publicamente que esperaba que a futura Lei de montes que saia do Parlamento galego teña as beizóns do consenso

Cal mensaxe de Nadal,tanto pola data como pola linguaxe, e polo tanto, con bastante dose de hipocrisía, con data de 18 de decembro deste ano, o presidente de Confermadera-Galicia, manifestou publicamente que esperaba que a futura Lei de montes que saia do Parlamento galego teña as beizóns do consenso. Confermadera-Galicia é a entidade que agora engloba a toda a industria da madeira que antes estaba repartida entre Fearmaga, Clúster da madeira e Asociación Monte-Industria.
        
A industria da madeira reclama agora consenso ao PSOE e e ao BNG para a futura Lei de montes que ten que ser aprobada no Parlamento galego. Consenso que non llo reclamou ao PP cando no anterior goberno galego, a proposta da Consellaría do Medio Rural, dirixida politicamente polo BNG, estábase elaborando unha Lei de montes de Galiza. E iso que o borrador desa futura Lei de Montes saíra do Consello Forestal con consenso, practicamente, de todo o sector (soamente houbo un posicionamento en contra). A industria da madeira reclama agora consenso a unha futura Lei de montes que sae do Consello Forestal con moito menos consenso do sector (houbo tres posicionamentos en contra). Semella que para a industria da madeira o consenso só é "bendito" cando hai que aplicarllo a unha lei proposta polo Partido Popular.

Por certo, a industria da madeira tería que explicar publicamente o porque da súa incoherencia de votar no Consello Forestal afirmativamente a dous borradores de leis radicalmente distintos. Aínda que foxe, e seguimos coa linguaxe de Nadal, como penitencia ao pecado cometido de ser incoherentes.

O presidente de Confermadera-Galicia tamén se laia publicamente de que "o minifundio no monte é un problema terrible". Cousa que temos que acreditar que é certa e que hai que buscar alternativas. Mais chama a atención que non abrira a boca cando o goberno do Partido Popular creou as sociedades de fomento forestal (Sofor), que vén sendo a introdución de explotación capitalista no monte, e derrogou as unidades de xestión forestal (Uxfor), que era a xestión democrática da unión de varios propietarios particulares de montes e que, polo tanto, era unha alternativa ao minifundio. E dado que a industria da madeira pretende ser tan bondadosa, ben puidera dicirlle ao Partido Popular "home, está ben que credes as Sofor, xa que nós precisamos negocio. Mais non derroguedes as Uxfor e que cada propietario particular opte pola vía que máis lle conveña". Non é o capital o defensor da sacrosanta liberdade de empresa?

Manifesta tamén o presidente de Confermadera-Galicia que a futura Lei de Montes ten que asegurar o mantemento da capacidade de abastecemento ás fábricas dos materiais para asegurar a actividade. E dado que en Galiza non existe, practicamente, industria de segunda e terceira transformación da madeira, o que está a pedir, cando pide consenso para a futura Lei de montes, é que os montes se enchan máis de piñeiros e de eucaliptos. De aí que aplauda a nefasta reforestación de terras agrarias que vai a impor a futura Lei de Montes. De aí que pida un monte produtivista ao servizo do negocio da madeira.

Chama a atención que dende a industria da madeira se pida consenso para unha Lei de montes que pretende converter ao rural galego nunha inmensa leira para cultivos enerxéticos (plantación de eucaliptos e chopos en estilo "tomateiras", para cortalos en 4 ou 5 anos e queimalos para producir enerxía). E chama a atención porque a plantación de cultivos enerxéticos é contraditoria co logro de unha produción de madeira diversificada, pola que tamén clama o presidente de Confermadera-Galicia. A non ser que a industria da madeira entenda por produción diversificada a plantación de piñeiros, eucaliptos e cultivos enerxéticos.

Está ben que cada entidade defenda os seus intereses. Mais que os defenda abertamente e sen adornalos de santidade e inocencia que non teñen. Que non pretendan que a veciñanza comuneira comulgue con rodas de muíño. Se cadra teremos que comulgar, pero con rodas de muíño non. Porque os intereses que defenden a industria da madeira, ao pedir consenso na futura Lei de montes, non son nin santos nin inocentes. Son intereses "interesados". E en todo caso, intereses contrarios aos da veciñanza comuneira.