A inacabable e fracasada reforma do sistema financeiro

A inacabable e fracasada reforma do sistema financeiro
A alternativa de banca pública que defende o BNG sairía mais barata en termos económicos que calquera das alternativas actuais que defende o españolismo

Mariano, “o recortado”r, Rajoy, anunciou que en contra do afirmado durante a campaña electoral o seu goberno non desbota inxectar máis diñeiro público nos bancos privados ou en proceso de privatización. No canto de apostar pola banca pública a undécima reforma do sistema financeiro insiste na liña das anteriores: socializa perdas e procura a centralización, concentración e privatización das entidades.    

A semana pasada Mario Draghi, gobernador do Banco Central Europeo visitaba o Estado Español, a  imaxe da rolda de prensa, co italiano dándolle as costas e desprezando ao gobernador do BdE Fernández Ordoñez reflicte perfectamente a situación.    

Ao inicio da crise o PSOE negou a existencia de problemas no sistema financeiro estatal, ao que puña coma exemplo nos foros internacionais. Foron poucas as voces que advertimos dos serios problemas que se albiscaban no sector financeiro, non había exposición ás suprime pero os problemas do ladrillo (que tardan máis en aflorar, son máis destrutivos e difíciles de identificar e cuantificar) eran previsibles.    

Finalmente houbo que reformar o sistema, e a reforma deseñada entre o goberno central, a UE, a gran banca española e o PP, consistía en socializar perdas, concentrar/centralizar entidades e privatizalas. A socialización das perdas, inxectando recursos públicos na banca, foi xustificada pola procura da reactivación do creto, o mesmo que as continuas inxeccións de liquidez por parte do BCE. A concentración e privatización non resolveu nada, a CAM foi a primeira Caixa de Aforros que emitiu cotas participativas, pero iso non a salvou da intervencións e venda por 1 euro unha vez saneada. O mesmo camiño seguiu UNIMM. Agora a maior das concentracións, Bankia, que cotiza en bolsa, tambaleáse e recibirá unha nova inxección multimillonaria. Concentrar o sector agravou o problema creando entidades sistémicas con buratos difíciles de crer, e privatizar as Caixas non solventou nada.    

No caso galego fai un ano JM Castellano desembarcada en Novagalicia Banco da man de Feijoo. En decembro de 2010 as caixas eran fusionadas e en setembro de 2011 Novacaixagalicia era bancarizada e intervida polo estado a través da entrada no accionariado. O fracaso do modelo de fusión continuista pactado polo Feijoo era evidente, de aí que se puxo en marcha unha operación para adiar a poxa temporalmente evitando o desgaste político. Non danar a imaxe do Feijoo supuxo unha degradación da propia entidade, que paga a clientela afectada polas preferentes/obrigas e polos traballadores e traballadoras.    

Hai quen argumenta que o tal Castellano ten investidores. Certamente o fondo Elliot xa estivo interesado en entrar no capital de Banca Cívica ou a CAM, e ante a negativa do BdE tivo que renunciar, agora é un dos fondos interesados en Novagalicia Banco. Outro fondo que tería interese en entrar sería o Virgin Money, despois de que tentase conseguir unha ficha bancaria en varios países europeos sen éxito. Por outra parte, a súa entrada non completaría a capitalización precisa da entidade e requeriría que o Estado se fixera cargo das perdas de activos por valor de 30.000 millóns de euros. Ademais son fondos que veñen ao deles, non a salvar a entidade nin aos galegos e galegas.    

Resulta chamativo que despois de inxectar milleiros de millóns de euros públicos, agora que segundo recoñece o PP Novagalicia Banco está en beneficios, sexa privatizada.    

Chegados ata aquí debemos defender máis que nunca que outro modelo de sistema financeiro é posible, É aí onde se centra a proposta do BNG por unha banca pública galega. Unha entidade ao servizo da economía e da sociedade galega, con capacidade para financiar a economía produtiva do país; cunha política comercial responsable e sostible coa clientela; que comercialice produtos sinxelos e con garantía pública; garantindo ademais a inserción financeira. Novagalicia Banco tería capacidade futura para xerar entre 100/200 millóns de euros anuais de beneficios, sen entrar en modelos de xestión especulativos. Un diñeiro que debería reverter na sociedade permitindo o mantemento de servizos públicos básicos que outros cuestionan.    

A alternativa de banca pública que defende o BNG sairía máis barata en termos económicos que calquera das alternativas actuais que defende o españolismo. Por se fora pouco a historia demóstranos que unha banca pública sería máis efectiva que seguir poñendo diñeiro de todos nos bancos para privatizalos, por moito que isto sexa máis do agrado do Botín de turno.