A falsidade das "rixideces" do mercado laboral

A falsidade das "rixideces" do mercado laboral
O Goberno trata de crear novos modelos de contratación á carta que non eliminan a fraude da contratación temporal
O documento do goberno español “Liñas de actuación no mercado de traballo para a súa discusión cos interlocutores sociais no marco do dialogo social” propón graves retrocesos sociais, tratando unicamente de satisfacer o Fondo Monetario Internacional e o Banco de España, poñéndose o servizo da patronal e da banca e deixando de lado as súas pretensións sociais e lesionando os dereitos dos traballadores e traballadoras.

Un goberno que todo quere facer por consenso, primeiro coas centrais sindicais españolas e a patronal (agora denominados axentes sociais), niso que deron en chamar “diálogo social” que o único que fan e dar cobertura os sucesivos recortes, dar mais flexibilidade a patronal, desregularizar e reformar a negociación colectiva, e esconden as medidas realmente aprobadas como poden ser impedir que poidamos elixir ámbitos ou materias de negociación. Un dialogo social que nega calquera actuación política distinta a que deseñan en Madrid en materias como o emprego, a formación, etc.

O goberno está buscando o acordo co PP, e o Pacto de Toledo é o seu expoñente máximo, e o que acordarán non será outra cousa que tomar medidas no recorte das pensións xa que non queda máis remedio, como din eles, aínda que a pesares dos malos pronósticos a caixa das pensións ten superavit.

O goberno, CCOO e UGT sométense novamente ao ditado dos empresarios e do capital financeiro. Un proceso permanente, que para eles non ten fin, até que non se acabe desmantelando o sistema de protección social, xa de por si raquítico e que tanto custou acadar.

O goberno lonxe de adoptar medidas para combater aquelas políticas que nos levaron a crise económica, está a recorrer a reformar a Seguridade Social e o mercado laboral en sentido negativo para os traballadores e traballadoras, mentres elude adoptar medidas fronte aos culpábeis da crise do capital financeiro e da economía especulativa. O goberno tiña que introducir medidas para o control dos movementos especulativos, promover a desaparición dos paraísos fiscais, unha reforma fiscal para garantir a súa progresividade, incrementar os impostos sobre o capital e sobre as rendas máis altas e favorecer unha política de incremento dos salarios.

Fronte a isto, estase a trasladar a sociedade a mensaxe de que aquí o problema está no mercado laboral, que ten unhas condicións inmellorábeis e unhas supostas rixideces que o fan pouco competitivo.

Toda a sociedade sabe o uso abusivo que se fai do despido sen motivo xustificado e os altos índices de temporalidade orixinados pola fraude na contratación, polo que o modelo utilizado até o de agora é un modelo fracasado, e xa sufriu múltiples reformas laborais, que sempre se xustifican en base a potenciar a creación de emprego e pretendendo reducir a temporalidade, mais o que conseguiron foi profundizar -aínda máis se é posíbel- a precariedade laboral

A patronal afirma que a crise se resolve con máis precariedade e o Goberno non fai nada que moleste aos empresarios e trata de crear novos modelos de contratación á carta que non eliminan a fraude da contratación temporal; facilita o abaratamento do despido volvendo a potenciar o contrato de fomento da contratación indefinida que xa existe na actualidade e ten 33 días en vez de 45 na indemnización; apoia a contratación a tempo parcial que só vai a dar maior flexibilidade as empresas que a que existe hoxe en día e préstase ao abuso empresarial e non deixa de ser unha contratación precaria; fomenta o emprego para a mocidade con contratos de formación sen cotización e que agachan traballo real polo incumprimento das xornadas formativas cambiándoas por traballo efectivo mal remunerado; e dan entrada as axencias privadas de colocación que son verdadeiras “listas negras” para os traballadores e traballadoras que reivindiquen os seus dereitos.