A emigración da xeración mellor formada lastrará a recuperación económica

A emigración da xeración mellor formada lastrará a recuperación económica
O que é tirar o diñeiro ao mar é criar aos nosos fillos e formalos con diñeiro público para que rematen abandonándonos a nós e abandonando o país

Durante os tempos de bonanza económica, a xeración galega mellor formada da historia continuaba emigrando á procura de maior estabilidade laboral e mellores condicións de traballo, agora coa crise o proceso intensificouse á procura de emprego, segundo datos do INEM.

No ano 2007 en plena expansión económica, ano  do estoupido da crise financeira, o Consello Galego de Relacións Laborais informaba da emigración de 11.000 galegos e galegas. A diferenza de procesos anteriores destacaba aquel informe que Galiza perdía persoal moi formado .

Segundo o estudo "Datos Básicos de Mobilidade xeográfica"  do terceiro trimestre do 2010, en plena crise económica o abandono do país acrecentouse, 27.264 galegos e galegas asinaron contratos laborais noutras comunidades e nacións do resto do Estado. E falamos das persoas que foron contratadas, sen ter en conta as que procuran emprego ou as que emigraron fora do Estado Español. Tal e como acontecía na época de expansión da economía as persoas que emigran están moi formadas.

Esta saída de persoal altamente cualificado e por certo en idade de ter fillos e fillas, supón un risco que lastrará a saída da crise e a recuperación económica, pero tamén é a causa do declive demográfico, Galiza perderá 44.000 residentes en 10 anos (LVG 31/12/2010) .

Os procesos de concentración empresarial propios do capitalismo actual, nun Estado claramente centralista como o Español, está reducindo os postos de traballo cualificados en Galiza. A maior parte das empresas que desapareceron froito de fusións ou vendas trasladaron os seus centros de decisión e polo tanto os postos de traballo cualificados cara a Madrid, a grande vencedora deste proceso. Neste senso non podo deixar de denunciar a postura do PSOE durante o debate da fusión das Caixas no que apostaron por un SIP con Caixas foráneas, hoxe 4 dos 5 SIP en marcha terán a sede en Madrid reducindo persoal nos territorios de orixe, e por certo todos eles serán bancos privados, non Caixas.

Por outra banda hai empresas implantadas en Galiza que prefiren deslocalizar aquelas tarefas que requiren unha maior especialización cara a outros territorios do Estado que contan cun excedente de man de obra cualificada. No país quedan aqueles procesos que requiren menor formación e que polo tanto están peor pagados.

Outro dato a ter en conta é que Galiza rematou o ano 2010 cun 6,5% mais de paro que no 2009, dous puntos por riba da media do Estado, froito da mala xestión económica do goberno de Alberte Núñez Feixóo. De continuar a tendencia (e o goberno do PP) o fluxo negativo de mobilidade xeográfica pode incrementarse cara aos vindeiros anos.

Galiza pode perder definitivamente á xeración mellor formada da nosa historia froito do desemprego e a precaridade laboral. É preciso fixar poboación e non só no rural, si non nas zonas industriais e urbanas, é para iso é preciso crear emprego.

Sen dúbida o futuro do país pasa por un cambio de modelo para o que precisamos plena soberanía económica. Pero é preciso tomar medidas urxentes para evitar esta sangría de xeito inmediato, como a aposta pola Renda Básica de Cidadanía, o salario social que nos permitiría deter a marcha dos nosos mozos e mozas facilitándolle o mínimo legal para vivir; favorecendo a inclusión social; rematando parcialmente coa precariedade e incluso permitíndolle asumir cun menor risco iniciativas económicas.

Haberá quen dirá que a posta en marcha da renda básica da cidadanía é malgastar o diñeiro público en tempos de crise, pero o que é tirar o diñeiro ao mar é criar aos nosos fillos e formalos con diñeiro público para que rematen abandonándonos a nós e abandonando o país roubándonos o futuro, para que finalmente outros tiren rendibilidade económica do noso esforzo individual e colectivo.