A desindexación conxela a pobreza
Convén ter presente canta razón ten Marx cando afirma que o capital non está feito para producir, mais si para acumular
Nestes días pasados de intensas xeadas nocturnas e de moi baixas temperaturas conxeláronse as estradas, os campos e as vidas dos pobres e non só as dos declarados de solemnidade, como se lles chamaba antes con toda crueza, senón tamén as dos integrantes da extensa capa social que conforma a pobreza real, que, segundo datos recentes, afecta o 25 por cento da poboación galega. No caso da conxelación das autoestradas, das autovías e das estradas principais actuaron con rapidez os servizos públicos e privados encargados da conservación destas infraestruturas, mais no caso das persoas pobres, en paga de seren protexidas fronte as baixas temperaturas, incrementáronlles as tarifas enerxéticas para intensificaren a súa conxelación.
Os partidos políticos autoproclamados constitucionalistas, -PP, PSOE, Ciudadanos, ¿Unidos-Podemos-Mareas?- deberan empezar por aplicar o artigo primeiro da sacrosanta constitución que recoñece o Estado social, coa implicación que, neste contexto, encerra o adxectivo “social”. Mais, ao contrario, acentúan de forma activa, nuns casos, e por omisión, noutros, o neoliberalismo rampante que considera contraria aos grandes intereses económicos a protección social.
Este camiño da intervención mínima do Estado na protección dos máis necesitados, que vén de lonxe, ensanchouse nos últimos anos por imperativo de institucións supraestatais como a Unión Europea, o seu Banco Central e o FMI, firmes defensoras das grandes corporacións e, como consecuencia, executoras dos recortes do gasto público. Foron precisamente estas institucións as que introduciron a práctica da desindexación, palabra que non recollen os dicionarios e que, lonxe de significar, como antónimo que é de indexación, a descatalogación dos elementos integrantes dun conxunto dentro dunha orde preestablecida, se refire á supresión de índices para a fixación de cantidades mínimas referidas á protección social ou a determinados prezos.
Como grandes dexindesadores avant la lettre actuaron en primeiro lugar os gobernos de Felipe González (SEAT, ENFERSA, MARSANS, ENASA e outras setenta industrias máis) e, posteriormente e de xeito moito máis intenso, os de Aznar (ENDESA, ENCE, TABACALERA, REPSOL, TELEFÓNICA, ARGENTARIA, GAS NATURAL…) cando privatizaron as empresas públicas que obtiñan grosos beneficios para o Estado. Desde aquela, estes oligopolios foron adquirindo a liberdade na fixación dos prezos sen outro tipo de referente que a consecución de beneficios.
Pero o primeiro desindexador en sentido estrito foi o goberno de Rodríguez Zapatero, cando en xuño de 2004, pouco despois de tomar posesión, aprobou o Real Decreto lei 3/2004, eufemisticamente titulado para a racionalización da regulación do salario mínimo interprofesional e para o incremento da súa contía. Esta norma, no artigo 2.3, recolle que a partir da súa entrada en vigor, as referencias ao salario mínimo interprofesional entenderanse na maior parte dos casos identificadas co IPREM, sigla que alude á complexa expresión de Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples. Até o ano 2004, o índice do Salario Mínimo Interprofesional empregábase tanto nas relacións laborais como no das prestacións sociais. Daquela, cando se creou, o IPREM coincidía exactamente co salario mínimo: 460,50 €. Hoxe o IPREM (532,51 €) representa tan só o 75,25 % daquel (707,60 €). E mentres o SMI veu experimentando lixeiros incrementos, o IPREM, pola contra, desde o ano 2009 mantense inalterado.
Cando o PSOE e o PP a principios de decembro pasado pactaron incrementar o SMI nun 8%, ambos partidos expresaron nos medios a satisfacción por teren acadado a maior suba do salario mínimo en trinta anos. Si, isto é certo. Mais, tamén o é que os dous partidos se esqueceron deliberadamente do incremento do IPREM, índice que se emprega para fixar o indicador que serve de referencia para calcular se os cidadáns teñen dereito a determinadas axudas públicas. Desde o ano 2009, que fixa o comezo da crise, ningún goberno incrementou esta contía, que determina a xenerosidade do sistema público de protección social no remedio dos máis necesitados: canto máis elevado sexa o IPREM, máis cidadáns terán dereito a prestacións como bolsas, garderías, xustiza gratuíta, taxas, axudas para a adquisición e aluguer de vivendas, dereito á obtención do abono social en telecomunicacións ou o bono social no consumo de enerxía…
No ano 2014, a maioría absoluta do PP dá un paso máis neste proceso desindexador ao aprobar a lei que suprime o IPC como índice para a revalorización das pensións, que na práctica supón a perda de poder adquisitivo.
Un ano despois, o mesmo partido no goberno aproba a Lei 2/2015 en cuxo epígrafe figura xa directamente este vocábulo, de desindexación da economía española, que abre unha nova vía a favor do neoliberalismo. Segundo esta norma, que afecta os ámbitos de transportes, telecomunicacións, enerxía, servizos postais, auga, taxas, sancións e os contratos públicos, os prezos destes servizos non se actualizarán co IPC senón que o farán de acordo co incremento dos seus custos. Até a súa entrada en vigor, o IPC era o referente para moitas das subas dos servizos da vida diaria. Agora serán os custos, determinados polas propias empresas, os que fixen os prezos.
As ideas propugnadas nas décadas dos anos 70 e 80 do pasado século polos creadores do neoliberalismo levan sendo postas en práctica ao pé da letra desde hai tempo. Agora encontrámonos xa, se non o remediamos, na fase final deste proceso: privatizáronse as empresas públicas, liberalizáronse a economía e o comercio, reduciuse o gasto público recortando as pensións e as prestacións sociais. Pola contra, o Estado intervén a favor da banca e das grandes empresas inxectándolles cantidades extraídas dos orzamentos, reformando as normas laborais e desvalorizando os salarios.
Fronte a esta situación, convén ter presente canta razón ten Marx cando afirma que o capital non está feito para producir, mais si para acumular. E se gaña máis na especulación que na produción, transferirase de certo cara á especulación e, para este fin, conta con toda a protección deses gobernos que seica foron elixidos democraticamente.
-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.