A desigualdade no pago das multas

A desigualdade no pago das multas
Todos pagamos as mesmas cuantías por multas, pero cústanos a todos e a todas por igual?

O modelo socioeconómico no que se insire o Estado Español parte da base dunha certa redistribución da riqueza como medio para equiparar as oportunidades da cidadanía. Deste xeito a carga impositiva que soportan as persoas vai depender directamente do seu nível de ingresos/renda, de xeito que a contribución que cada persoa fai ao Estado sexa proporcional ao seu patrimonio e ingresos.

É ben sabido que a medida desta proporcionalidade é obxecto de cambios segundo a ideoloxía de quen goberna en cada momento e que os impostos indirectos escapan a este principio. Moito habería que falar sobre a natureza dos impostos indirectos, que vai directamente en contra do principio de redistribución da riqueza que debería exercer o Estado. Mais non pretendemos que esta análise sexa o obxecto da presente reflexión.

O tema sobre o que queremos poñer hoxe a nosa atención son outro tipo de medidas, que se ben non teñen directamente por obxecto a recadación, si supoñen unha fonte de ingresos considerábel para o Estado. Estamos a falar das medidas punitivas que se resolven por medio dunha pena de multa.

Está recoñecida no Código Penal vixente certo grao de proporcionalidade nas penas de multa. Deste xeito as multas impostas en procesos xudiciais estabelécense en función da capacidade económica da persoa co obxecto de facer efectiva a "igualdade de impacto". Parece até certo punto razoábel que unha pena que ten, entre outras, unha función disuasoria sexa proporcional á capacidade económica de quen a paga.

Porén as sancións máis habituais e frecuentes ás que se enfrontan as cidadás e os cidadáns, como son as sancións derivadas de infraccións de tráfico non se ateñen a este principio de igualdade de impacto. Unha infracción de tráfico é punida economicamente por igual a calquera infractor. Deste xeito unha multa por exceso de velocidade, por exemplo, pode supoñer para un traballador ou traballadora o importe íntegro do seu salario dun mes, mentres que para outra persoa con maior capacidade económica non supón un esforzo económico notábel. Xa non falemos dun desempregado ou desempregada. U-la igualdade de impacto?

Non podemos considerar aceptábel que o esforzo a realizar por unha infracción sexa tan diferente entre dúas persoas ante a mesma infracción. Mentres para unha parte da poboación unha multa de tráfico supón a desestabilización da súa economía durante meses para outra non deixa de seren algo anecdótico e perfectamente asumíbel economicamente, co que a función disuasoria desaparece para aquelas persoas que poden afrontar o pago destas sancións sen demasiado esforzo.

Do mesmo xeito que defendemos que se debe tributar ao Estado en función dos ingresos obtidos por unha persoa tamén se debería abrir o debate sobre a posibilidade de sancionar segundo o mesmo criterio, sendo esta a única maneira de que a sanción sexa cualitativamente igual para calquera infractor: xa sabedes "tratar igual aos iguais e de xeito diferente aos diferentes" é o principio básico que nos permite "reequilibrar" os desequilibrios e desigualdades establecidas. Non parece razoábel pensar que a pena deba ser igual para todo o mundo cando a unha persoa se lle require a cuantía de dous meses do seu salario por unha infracción mentres a outra se lle esixe tan so o salario de tres días pola mesma falta (aínda que en números absolutos esteamos a falar da mesma cantidade de diñeiro).

Se cremos que cada quen segundo a súa capacidade e na igualdade das persoas ante a xustiza, entón debemos ter en conta a situación económica das persoas punidas para estabelecer a cuantía das penas monetarias impostas.