A debacle fiscal consentida afía as tesoiras

A debacle fiscal consentida afía as tesoiras
A recadación fiscal sobre as rendas altas diminúe de xeito parello á aprobación de novos retallamentos sociais

A vaga de retallamentos en gasto público, na súa maior parte destinado a satisfacer necesidades sociais dunha ampla maioría de persoas que, de ter que acudir a operadores privados a prezos de mercado non poderían ter cubertas, está ofrecendo pírricos resultados no que atinxe a albiscar unha mellor evolución e comportamento da economía.

As continúas reducións de orzamentos públicos que minguan a calidade asistencial dos servizos sanitarios, que pechan aulas en centros de calquera nivel educativo, que reducen as pensións en momentos en que o nivel de vida se encarece, son reais, e abofé que efectivas. Isto é, desde a perspectiva, tanto de PP como PSOE, que abandeiran ou abandeiraron está política de contención indiscriminada do gasto público, estase a conseguir reducir o seu nivel globalmente, o teito de gasto vaise impondo, malia que con iso para a maioría da persoas increméntanse as dificultades de manter un nivel básico de benestar.

Porén, malia o implacábel avance dos axustes, as ameazas de insolvencia seguen persistentes. Lembremos como desde hai tres anos, o Goberno de Feijoo vén reiterando cada semana que os axustes efectuados no gasto sitúan a Galiza no liderado do Estado, aínda así, non fica claro onde está o final, e mesmo ao pouco tempo de elaborar e aprobar os documentos orzamentarios, foron reformados para darlle acubillo a novos retallamentos, como aconteceu coa aprobación de medidas urxentes en materia de emprego público en Galiza. Dun xeito similar, desde aqueles axustes adoptados en 2010 cando era presidente Zapatero, considerados como os sacrificios necesarios para encarar o futuro, pasando pola reforma constitucional consensuada que sacralizou o déficit cero, tamén como solución para reforzar a solvencia, até os anuncios que na actualidade emite Rajoy xa investido como Presidente onde anuncia o carácter, xa non preparatorio cara unha prosperidade mellor, senón rutineiro dos recortes e dos axustes, cal penitencia permanente debamos soportar unha ampla maioría social, mais sen saber con certeza en función de que pecados cometidos.

De xeito parello á aprobación de novas drásticas reducións en gastos sociais, tamén se está a producir unha paralela redución na contribución aos ingresos fiscais de rendas altas, e ao tempo de maiores requirimentos tributarios para rendas medidas e baixas. Non deixa de sorprender que, tirando de datos da Axencia estatística europea Eurostat, os ingresos públicos descenden a ritmo de vértixe no Estado español, incluso após de ter elevado algúns impostos sobre o consumo. Así, o Estado español apenas recada un 35,1% do PIB, situado a unha distancia sideral da media dos Estados que integran o euro, que se sitúa nun 45,2 %. Incluso nestes momentos, a recadación tributaria é menor, que noutros Estados intervidos de “facto”, como Grecia, Portugal ou Irlanda, que outrora podía considerarse o paraíso fiscal en Europa, no que vai camiño de consolidarse o Estado español, sobre todo para as rendas máis altas.

Alén diso, a distribución na evolución da recadación fiscal, aínda amosa resultados máis inxustos. No período 2007-2010, xa en plena crise económica, o IRPF incrementou nun 9,5 % a recadación procedente de persoas asalariadas (de 52.282 millóns de euros a 57.000 millóns) malia o incremento do desemprego. No entanto, no Imposto sobre sociedades, a recadación descendeu abruptamente de 44.823 millóns de euros a 16.198 millóns, aos que habería que engadir a parte empresarial que se declara no Imposto sobre a Renda, o que indica que as empresas deixaron de ingresar nas arcas públicas no período de crise até 2010 arredor de 39.000 millóns, fronte, como se dicía, ao leve incremento dos impostos sobre a renda dos traballadores e traballadoras.

Á marxe tamén se poden anotar outras cifras estimativas, extraídas da Asociación de Técnicos de Facenda (GESTHA), que sitúan en 2010 a fraude fiscal das grandes fortunas e empresas no Estado español en 42.711 millóns de euros. Neste aspecto concreto, como o actual Goberno non agarda mudar significativamente ese costume á evasión fiscal practicada polos grandes patrimonios e sociedades, aposta por unha amnistía fiscal que permitirá a múltiples defraudadores abonar á facenda un escuálido 10 por 100 do evadido ao fisco, cando, por exemplo, calquera renda media que supere os 17.000 euros, tributa inicialmente un 24 %, descontando despois as deducións aplicábeis en función da situación persoal.

Esta estratexia combinada de reducir servizos públicos básicos ao mesmo tempo que cada vez son as rendas medidas, as clases populares traballadoras, ás que máis se lles esixe contribuír a sufragar o seu financiamento vai camiño de facer quebrar a idea dun Estado redistributivo e compensador das desigualdades sociais. Un equilibrio atinxido durante décadas mercé á unha correlación de forzas entre clases sociais, que a vaga neoliberal fixo estoupar alí onde se responsabilizou da política económica, e que agora, con alumnos avantaxados na Galiza e no Estado español pretende acelerar a marchas forzadas, sob o pretexto de ser a única alternativa ante as dificultades que moitas persoas atravesan.

Mais non deixemos que nos sigan enganando os cantos de serea emitidos nunha única dirección. Non consintamos que nos aboquen a ter que pechar servizos públicos ou retallar en investimentos sociais apelando á carencia de recursos económicos, cando se sigue a eludir a demanda dunha xusta contribución ás rendas máis elevadas, que aínda -malia a crise- gozan de ostentosa opulencia. Abortemos o intento de sermos as persoas máis humildes as que teñamos que sufragar en exclusiva o gasto social, a través de repagamentos, tarifazos e mecanismos similares, mentres minorías elitistas atópanse cada vez más desafogadas de dita contribución, a través de maiores vantaxes fiscais e da relaxación dos controis sobre as súas obrigas coa facenda pública.

A alternativa existe para unha amplísima maioría social, e non é a de afondar en sacrificios económicos inxustos que levan a un mantemento cada vez máis asistido das constantes vitais, senón a de actuar impoñendo a obriga de achegar en maior medida a quen obxectivamente aínda está nunha posición desafogada, de recabar de xeito incondicionado máis recursos directamente desde o Estado pola vía impositiva ás rendas altas, no canto de agardar que nolo presten a través dos “mercados financeiros” baixo indicación de como e a onde debemos destinalos.